Premiados no Certame de Narracións Breves Manuel Murguía de Arteixo

O pasado xoves 9 de maio, celebrouse a cerimonia de entrega de premios ás 20:00 no Centro Cívico e Cultural de Arteixo e contou coa actuación de Quico Cadaval e Celso F. Sanmartín, ademais de cunha representación do xurado e varias personalidades institucionais

Foto: Dirección Xeral de Política Lingüística

O xurado composto por Charo Pita Villares (gañadora da 27ª edición), Inmaculada Otero Varela (representante da Asociación Galega da Crítica), Xabier López López (representante da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega) e Alfredo Ferreiro Salgueiro (coordinador literario, que asistiu como secretario, con voz e sen voto), reunido o pasado 27 de abril, decidiu por maioría conceder os tres premios ás seguintes obras:

1º. A casa das Castrouteiro, de Daniel Barral Calvo

2º. A idade do escarnio, de Tito Pérez Pérez

3º. Crónica de ningures, de Francisco Rozados Rivas

De todos os relatos recibidos, case setenta foran admitidos a concurso por cumpriren estritamente as bases.

A coordinación agradeceu un ano máis a presenza no xurado dun membro da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, así como outro da Asociación Galega da Crítica, feito que contribúe a alicerzar o rigor do Certame no contexto sistema literario galego. Entregaron os premios Ana Bello Vázquez, concelleira de Cultura e Festas, Valentín García Gómez, Secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e Carlos Calvelo Martínez, alcalde do Concello de Arteixo.

Foto: Graciela Rabuña

O acto de entrega, presentado por Alfredo Ferreiro, ofreceu ademais a actuación Quico Cadaval e Celso F. Sanmartín, co seu espectáculo “Os contos de Joselín” e unha lembranza de Antón Fraguas, escritor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas. En canto á ambientación da gala, o Servizo Municipal de Cultura e Festas, comandado por Sonia Iglesias, deseñou unha recreación libre da casa en que naceu Manuel Murguía, no Froxel, contando coas artes florais de Richar del Toro e a profesionalidade habitual do equipo técnico do auditorio. Rematado o acto, ofreceuse un viño de honra como fin de festa.

Cf: arteixo.org

Share

O Certame de Narracións Breves Manuel Murguía acrecenta o seu valor en 2019

O prazo terminará o 15 de febreiro

O Certame de Narracións Breves Manuel Murguía de Arteixo [cf. em português], coordinado por cuarto ano por Alfredo Ferreiro Salgueiro, atinxirá en 2019 a 29ª edición, acrecentando nesta ocasión o valor dos premios en máis 1.100 euros.

Resumo das Bases (cf. documento oficial):

Os relatos [entre 15 e 30 páxinas] deben ser orixinais e inéditos (non publicitados por ningún medio, físico nin dixital) escritos en lingua galega, enviados con pseudónimo e só contendo os datos persoais nun sobre fechado antes do 15 de febreiro de 2019″.

Os premios: O primeiro, de 4.000,00 €; o segundo, de 1.500,00 €; e o terceiro, de 600,00 €, todos eles sometidos á correspondente retención. Cando se estimar oportuno, serán publicados nunha edición colectiva.

O Certame conta ano tras ano coa colaboración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega así como, desde 2017, coa da Asociación Galega da Crítica, tanto na selección dos xurados como na asesoría sobre cuestións técnico-literarias.

Información: Para dúbidas pode telefonar ao 981 659 100 do Centro Cívico Cultural ou escribir a cultura@arteixo.org.

Lembrade, autor@s en galego de todo o mundo, que este premio avoga pola tolerancia gráfica desde a súa fundación, o que garante a liberdade creativa e a ausencia de criterios político-lingüísticos na valorización das obras presentadas. Esta actitude socialmente inclusiva do punto de vista lingüístico é algo que nos orgulla especialmente e gustábamos fose un exemplo a seguir por todos os premios literarios do país.

Alfredo Ferreiro Salgueiro, coordinador literario

*

Vídeos de 2018:

Share