Rodrigo Díaz de Vivar, ese galego

Manuscrito do Cantar de Mío CidQue o famoso Cid fose galego non é algo que se pretenda reivindicar aquí, senón tan só un dos insultos que lle dedicou o mouro Ben Bassam de Santarém ao nobre burgalés no seu Tesouro das excelencias dos hispanos, por volta de 1109, a saber: “vil galego”, “avasalador, opresor”, “enfermidade incurábel”, etc. Que un cronista falase mal de quen era un terríbel pesadelo para todo exército inimigo ao estilo do que foron máis tarde os condottieros non admira a ninguén, mais que o tratase de galego cando nos mapas de época a historiografía moderna nos mostra un reino de Asturias, de León ou de Castela, resulta cando menos chocante. Ora, se entendemos que Afonso VI era outro “vil galego” para os mouros, como de facto tamén o chamaban, a cousa muda completamente.

A verdade histórica, se desprovista da camuflaxe que sempre aprimorou unha imaxe de caudillo castelán, católico e reconquistador, revélase en todo o seu explendor. Isto foi o que fixo a profesora Dolores Oliver Pérez no seu fantástico traballo El Cantar de Mío Cid: génesis y autoría árabe (Fundación Ibn Tufayl), cando defende que o primixenio texto foi unha encomenda do Cid ao poeta al-Waqqasi a quen nomea cadí da súa corte en Valencia seguindo o xénero árabe do ajbar, habitualmente utilizado para encomiar os gobernantes. Para chegar a esta conclusión pon en causa a perspectiva habitual dos estudos herdeiros de Menéndez Pidal e fornece novos e rigorosos argumentos, sempre pondo por diante que até o momento non se tivo suficientemente en conta o mundo hispanoárabe para explicar a riqueza cultural peninsular:

a) o público ideal do Cantar de Mío Cid non pode ser cristián, xa que os xuízos descritos cobran sentido só desde a xurisprudencia islámica;

b) o comportamento do Cid responde máis ao modelo beduíno do que ao visigodo;

c) o poema mostra grande respecto polos musulmáns e presenta como maus personaxes cristiáns;

d) non se atopan referencias a xograis cristiáns anteriores ao século XII, cando en territorio islámico existiron inumerábeis poetas que facían panexíricos dos seus gobernantes e cantaban súas vitorias sobre o inimigo;

e) a sospeita dun autor árabe xustifica a utilización de tópicos e cadros escénicos da poesía beduína, así como o estilo das descricións das batallas e as louvanzas do Cid desde parámetros usuais para os paladíns do Islam; non por acaso Cid provén de sayyid ou señor dunha tribo, apelativo usado para os reis das Taifas (ver nota final).

Estas e outras sólidas argumentacións de Oliver no seu completo traballo de catrocentas páxinas poden ser o primeiro paso para cuestionar unha historia literaria medieval que carece de sentido. Puxando deste fío atopamos algunhas consideracións inevitábeis e de patente interese:

  1. Se o Cantar de Mío Cid foi composto en árabe arredor do ano 1095 e o texto actualmente conservado é un manuscrito do século XIV, non hai razón para consideralo o “monumento máis antigo escrito en romance”.
  2. Que o Cantar fose escrito en árabe no século XII e versionado en castelán no XIV é coherente coa revisión historiográfica actual que asinala o principio da política castelanista no século XIII, a partir do reinado dun Afonso X que comeza a utilizar o castelán para a prosa. Que na altura Rodrigo de Vivar fose tratado de galego non debe admirar ninguén, cando prestaba servizo ao rei galaico Afonso VI que gobernaba desde León, como teñen demostrado os nosos historiadores.
  3. A falsidade do texto castelán do Poema como do século XII, segundo defendeu Pidal e a continuación a práctica totalidade dos historiadores da literatura, xustifica un protagonismo improcedente da lingua castelá no medievo que sen dúbida afecta tamén aos parámetros cronolóxicos da historia das linguas ibéricas.
  4. Revélase como necesaria unha nova análise da historia da literatura hispánica no que di respecto dos sistemas literarios. A posición dun prestixioso sistema literario en árabe até o Califato, a existencia dun sistema literario cristián en galego proeminente até o século XIV e o nacemento dun sistema literario en castelán a partir das políticas unificadoras castelás do século XV constitúen puntos de referencia, a meu ver, imprescindíbeis para unha moi necesaria revisión da historia da literatura galega. {Publicado en Praza Pública, 23/04/2012}

Nota: Agradecemos a referencia de Ernesto Vasques Souza sobre a obra de Eulogio Losada Badia El Campeador Cid en las peninsulares fuentes medievales, onde cuestiona que a palabra Cid proveña da árabe sayyid, pois rexistra o antropónimo Cid dentro da tradición galaica.

Share

Afonso VI, emperador de España

LaEspañadelCidRamón Menéndez Pidal: «Alfonso VI, sin embargo, no podía aceptar que España fuese patrimonio de san Pedro; por de pronto no se sometió al censo que pagaban el rey de Aragón, el conde de Besalú y otros, pagado todavía por Aragón y Portugal en el siglo XIII. Lejos de eso, empezó entonces a reclamar la antigua dignidad imperial que por rey de León le correspondía; pero no se contentó como hasta entonces con ser llamado emperador, igual que su padre Fernando I, sino que él mismo usó el título, y lo empezó a generalizar en sus diplomas ese año 1077 en que Gregorio VII comunicaba a España las pretensiones anunciadas fuera de ella cuatro años antes; además, el título escogido por Alfonso era más explícito que el de sus antecesores, como si con él quisiera atajar las pretensiones de Roma: Ego Adefonsus imperator totius Hispaniae. La idea imperial manifiesta claramente, por primera vez ahora, conciencia plena de toda su importancia, de toda su extensión sobre la España libre y sobre la irredenta. Por su parte, los otros reinos de la Península hubieron de reconocer, como de antiguo lo hacían, esa supremacía jerárquica del rey de León; así varios diplomas aragoneses ponen en su data: “regnante pio rege domino Sancio in Aragone et in Pampilonia; imperatore domino Adefonso in Legione”; y a su vez los historiadores árabes hacen constatar esa preeminencia, cuando explican que Alfonso VI “usaba el título de imperator, que quiere decir rey de los reyes”. Insistió sobre este concepto Alfonso, algunos años después, cuando amplificaba su título y se proclamaba “constitutus imperator super omnes Hispaniae nationes”.» Este libro de Pidal, La España del Cid, é un tixolo de 500 páxinas que ten o propósito, como poucas obras, de fundamentar a nación española na Castela medieval. Como no século XI o poder castelán era moi reducido revélase esencial aproveitar un monumento literario como o Cantar de Mío Cid para albergar no corazón dun fidalgo de Castela o xérmolo do patriotismo español. Este estudo vencellará, intencionadamente, as virtudes de Alfonso VI co facto de ser rei de Castela (que o era como doutros condados, terras e vilas de rango inferior ao Reino de Galiza-León, nas súas mans) e os defectos co de non ser castelán. E o Cid, moi pouco relevante nobre da época no que respecta ao poder político e económico, aparece aos ollos do profesor como unha personaxe de primeiro nivel referenciado sen conta polos xograis. Xograis, porén, que nunca existiron no século XII en Castela ou ao menos dos que non se ten noticia ningunha, mais que son atrevidamente utilizados a discreción para xustificar, en lugar dos tamén ausentes cronistas da altura, afirmacións sustentadas no ar: «Esta noticia es ciertamente tardía (el Tudense escribe hacia 1236), y además me parece provenir de fuente juglaresca, pero la creo de origen antiguo y, por lo tanto, fidedigna, ya que los primeros juglares castellanos eran más cronistas y menos poetas que sus colegas los franceses». E non fará falta advertir que para os historiadores serios tratar fontes xogralescas significa na maior parte das veces a imposibilidade de escindir a historia e a ficción literaria. De calquera modo, con tanta frecuencia a falta de rigor historiográfico se fai tan evidente en Pidal que as súas intencións ideolóxicas deixan finalmente de sorprendernos, como cando recoñece a pretensión de «dar valor absoluto a los elogios latinos, como hicieron los que bajo Felipe II incoaron en Roma el proceso de canonización del Cid».

Share