O libro é un continente

Dedicado aos membros dos Clubes de Lectura de Arteixo, Carral, Culleredo (de Literatura Galega) e Carballo (da Biblioteca Rego da Balsa), que tan bos momentos me fan pasar arredor do lume intelixente dos libros

O libro é, ante todo, un continente. Se cadra o máis grande continente do planeta, e non só porque desde que naceu non deixa de medrar para que todo poda caber nel, senón porque aínda resalta no libro por sobre todas as cousas o que non se pode ler, o que non foi explícito, o que se sobreentende: a vontade de partillar o coñecemento.

Eu non vou falar do explícito, pois para iso temos especialistas en Biblioteconomía. Só quero proporvos que nos centremos en que o libro foi creado co propósito de compartir. É desde logo un acto individual e creativo, mais non deixa de ser antes pura xenerosidade, a manifestación do desexo de entregar aos mais algo que recoñecemos útil para a vida, unha ferramenta coa que podermos vivir mellor.

O noso prezado amigo Xavier Alcalá sempre di que os autores teñen tanta vaidade como gordura ten o queixo. E nós entendemos ben o que quere dicir: é preciso ser un auténtico exhibicionista para pasar a vida escribindo sobre o vivido. Porque a escritora, mesmo a de máis fantasía, no fondo sempre escribe sobre o que a fai vibrar, o que a apaixona, o que poboa o seu corazón, e iso sempre ten que ver co que experimentou profundamente.

Implica esta declaración do noso autor unha desculpa perante o seu protagonismo como divo das letras no día en que, por exemplo, presenta un novo libro. A modestia obriga a aqueles espíritos sensatos cando os focos se dirixen exclusivamente á súa figura, e o verdadeiro creador, así como o verdadeiro científico, os dous auténticos amantes do coñecemento, saben que o realmente importante é o que se está a transmitir, e que compartir ese saber é o obxectivo primeiro e último.

Esta é a nosa mensaxe de hoxe: hai xente cuxo propósito na vida é a transmisión do coñecemento. E arredor do libro como feito hai moitas persoas que colaboran con ese propósito: as que investigan, as que crean, as que filosofan, as que corrixen os textos, as que editan, as que imprimen, as que divulgan, as que venden, as que catalogan e poñen a disposición do público, as que deseñan e as que executan políticas que fan posible, coa súa vontade e os recursos dispoñibles, unha biblioteca para que as usuarias, por motivos altruístas, persoais, emocionais ou terapéuticos, podan servirse dela. A todas estas persoas, celebrando o Día Internacional do Libro, é a quen debemos o noso agradecemento.

*

Notas: Lido no Día Internacional do Libro de 2019 con motivo da celebración do XXXº aniversario da Biblioteca de Arteixo. En portugués na Palavra Comum.

Share

24 de Febreiro: “Un mar que se postra e unha terra que se alza”

No día de Rosalía de Castro, 24 de febreiro, terei a honra de participar no Concurso Poético organizado pola Biblioteca Central Henrique Rabuñal de Arteixo no que colaboramos os membros do Club de Lectura de Arteixo. Mais un ano, será unha honra para min colaborar coas actividades literarias da vila, tanto na homenaxe á tradición galega canto á promoción dos novos valores.

No caso segundo, tamén debo lembrar que, rematado o prazo para o envío de textos ao Certame de Narracións Breves Manuel Murguía, só nos falta pór día para comezar a abrir os sobres recibidos e mandar as copias ao xurado, formado pola gañadora do ano pasado, dous membros da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e da Asociación Galega da Crítica, respectivamente, así como por min propio, con voz mais sen voto.

Deixo tamén aquí o cartaz que o Tono Galán e mais eu elaboramos para a homenaxe a Rosalía en 2014:

Rosalia por Alfredo Ferreiro e Tono Galan

Share