O libro é un continente

Dedicado aos membros dos Clubes de Lectura de Arteixo, Carral, Culleredo (de Literatura Galega) e Carballo (da Biblioteca Rego da Balsa), que tan bos momentos me fan pasar arredor do lume intelixente dos libros

O libro é, ante todo, un continente. Se cadra o máis grande continente do planeta, e non só porque desde que naceu non deixa de medrar para que todo poda caber nel, senón porque aínda resalta no libro por sobre todas as cousas o que non se pode ler, o que non foi explícito, o que se sobreentende: a vontade de partillar o coñecemento.

Eu non vou falar do explícito, pois para iso temos especialistas en Biblioteconomía. Só quero proporvos que nos centremos en que o libro foi creado co propósito de compartir. É desde logo un acto individual e creativo, mais non deixa de ser antes pura xenerosidade, a manifestación do desexo de entregar aos mais algo que recoñecemos útil para a vida, unha ferramenta coa que podermos vivir mellor.

O noso prezado amigo Xavier Alcalá sempre di que os autores teñen tanta vaidade como gordura ten o queixo. E nós entendemos ben o que quere dicir: é preciso ser un auténtico exhibicionista para pasar a vida escribindo sobre o vivido. Porque a escritora, mesmo a de máis fantasía, no fondo sempre escribe sobre o que a fai vibrar, o que a apaixona, o que poboa o seu corazón, e iso sempre ten que ver co que experimentou profundamente.

Implica esta declaración do noso autor unha desculpa perante o seu protagonismo como divo das letras no día en que, por exemplo, presenta un novo libro. A modestia obriga a aqueles espíritos sensatos cando os focos se dirixen exclusivamente á súa figura, e o verdadeiro creador, así como o verdadeiro científico, os dous auténticos amantes do coñecemento, saben que o realmente importante é o que se está a transmitir, e que compartir ese saber é o obxectivo primeiro e último.

Esta é a nosa mensaxe de hoxe: hai xente cuxo propósito na vida é a transmisión do coñecemento. E arredor do libro como feito hai moitas persoas que colaboran con ese propósito: as que investigan, as que crean, as que filosofan, as que corrixen os textos, as que editan, as que imprimen, as que divulgan, as que venden, as que catalogan e poñen a disposición do público, as que deseñan e as que executan políticas que fan posible, coa súa vontade e os recursos dispoñibles, unha biblioteca para que as usuarias, por motivos altruístas, persoais, emocionais ou terapéuticos, podan servirse dela. A todas estas persoas, celebrando o Día Internacional do Libro, é a quen debemos o noso agradecemento.

*

Notas: Lido no Día Internacional do Libro de 2019 con motivo da celebración do XXXº aniversario da Biblioteca de Arteixo. En portugués na Palavra Comum.

Share