Carral

Um convite da AEC Lacrar de Carral, vila en que me criei, que gustei moito de atender‎ ·

Mártires da Liberdade Carral
Mártires da Liberdade ~ Carral

Cheguei a Carral

colado á roda do carro

do meu pai.

Miña nai facía o almorzo

co leite de Pura

en canto outra Pura

amasaba o pan.

Ese era o eixo

da pureza do Paraíso

cuxo centro era o piñeiral

de augas oleosas residuais.

Ao leste as casas dos Viñas

e ao oeste os Chas,

ao norte o Campo da Capela

e ao sur o alto de Ans.

Territorio amábel e ancestral,

carochas nos xeonllos

sen baixar da bicicleta.

E como lembro

aqueles bicos de verbena

amparados pola Santa

que os tristes socorría

con lúas para os amantes

e para os gulosos empanada!

Ai, Carral, entre fresas e flores

flamante unha cruz de pedra

lembra os Mártires da Liberdade.

Do Barcés á Brexa

e de Paleo a Coiro,

baixo a luz dos astros

medrei sen saber

que rente os meus pés

manaba a forza dun castro.

Ben certo é que ás veces

é preciso marchar

para aprender a amar

aquilo que levamos dentro.

Carral, luz da mañá,

íntimo neboeiro,

camiño de retorno ao centro.

A Coruña, Febreiro de 2019

Share

Clube de Leitura de Carral

En 2018 recomezamos as reflexións arredor da literatura coas amigas, algunhas novas e outras antigas, na biblioteca do Concello de Carral. Se establecer novas relacións coa Vila dos Mártires foi un pracer para min ao voltar onde me criei, facelo debido a actividades vencelladas á literatura constitúe xa un auténtico privilexio.

Non tiveran nunca un Clube de Leitura, mais polo que se ve a vontade de telo era tanta que vai desde o primeiro día sobre rodas. Ou se cadra é porque a xente que gusta da literatura é humanamente sensible e naturalmente cordial e solidaria.

Por outro lado, este afán por reverenciar as letras non é novo no Concello, pois defenden un dos máis antigos premios de poesía do país, que mañá mesmo presentará as bases da 21ª edición.

Share