“Metal Central” de Alfredo Ferreiro: Núcleos animados

Metal central, de Alfredo Ferreiro«Ás veces,
ouvimos os estertores
das máquinas máis vellas,
os supiros de bielas
permanentemente fatigadas,
a sádica sede
de bombas agonizantes.
As máquinas que por fin
un día paran
parecen voltar ao paraíso
pesado e duro
da vida mineral.

Posiblemente este fermoso poema, que aparece en Metal Central, sexa ilustrativo dos camiños abertos por Alfredo a través dos núcleos que ferven na fría alma que desaparece pola pel que nos cubre. Non existen equivalencias imposibles que tratar no tempo nin feridas que non fiquen atravesadas no esquecemento. O metal, frío, non é tal, é un formulario de existencia perforando as manchas negadas, é centro no núcleo duro e primixenio expandindo esas pequenas doses de calor ausentes aos ollos da monotonía. O metal orixe súa incisións de luz na transparencia consumindo os espazos da memoria vital para amencer ao carón das sombras. A cada lavado de “taladrina” cubrindo esa fálica broca correspóndelle o rego do sangue chegando aos extremos táctiles, con cada avance monosílabo da fresadora hai unha cicatriz pendente de ocultar e por cada parafuso protector véncese unha bágoa desnortada.

As horas metálicas ardendo nos sentidos van deixando ese pouso a camiño entre o amargor e a celebración non sabendo se a despedida é un alivio ou unha incerteza fronte ao frío desprovisto de alma que se debuxa nos rostros do exterior. Ese espazo, esa terra adurmiñada, infecunda, alberga a tristura da incontinente indecisión. O exterior é ficción, a realidade ciméntase nos espellos desa ideoloxía ateigada de desertores pisando a cinza dos premonitorios aspirantes a fuxir deste xeo incomprendido. O metal, esta vida de carnes fieis, de palabras incontroladas e cervexa tibia vai meténdose na linfa do destino, na loita de clases á que renunciamos como cadáveres que seremos para pregar as ás ao velenoso vento provocado neses cumes de seda e marfil.

Metal Central é incomprensión nas palabras, é roupa manchada evitando a entrada no armario onde se cheira a naftalina e se perde o rastro da orixe. O cúmulos abstractos non exercen na incomprensión, non se anexan directamente á madura abertura da estética, son límites de dentro das fases acoutadas, son esas derivas toleradas marcando o contorno da pobreza existente en non ver alén do propio entorno.

Alfredo Ferreiro ( con ese apelido non podía ser outro libro, outro título ) explora cun notable acerto os mundos grises aos que renunciamos “de facto” abrindo esas rexas portas da iconoclastia aos que só suspiran entre faragullas de instrutivas poses. Alfredo non renuncia ao calor da luz nin se retracta dos zapatos de protección deformándolle os pes, simplemente rompe a indiferenza das máquinas co seu eterno bruar, co seu retardo na burguesía.

Metal Central foi publicado pola editorial Espiral Maior de Poesía»

{Reseña de Lino García Salvado en Terra e tempo}

Share

Das críticas vas á boa crítica

Con demasiada frecuencia escóitanse críticas persistentes sobre varios sectores do sistema literario, como se quen falase descubrise un mal conxénito, unha pesada cruz coa que a súa sensíbel mente ou o seu sufrido talento tivesen que cargar desde a orixe dun seu magmático patriotismo. “Neste país só hai cinco verdadeiros poetas, como moito”, teño ouvido de veteranas plumas; “Os premios literarios están amañados, pois non pode ser que gañen sempre aquelas que gañan”, teño escoitado xa nin sei se en soños ou entre murmurios de última hora; “As editoras publican sempre os mesmos” ou “As institucións pagan as viaxes aos de sempre”, e afirmacións deste teor aparecen e desaparecen continuamente como aquelas variedades de nubes que estudamos na primaria, e que mostran a insatisfacción permanente daqueles que non toleran a sombra cando outros apañan un sol supostamente cegador.

Evidentemente, a crítica literaria non se salva da queima que promoven estas sulfúricas linguas: “Os críticos sempre eloxian as obras dos amigos”, ou “De min falou mal porque non me trata, e con alguén ten que xustificar a cota de críticas negativas do ano”, por exemplo. Non é fácil, como xa teño defendido, escribir libros nunha lingua con tan poucos lectores, vender libros en tan exiguo mercado e facer crítica sen medios de suficiente divulgación. Estamos a falar, amigos e amigas, de traballos que esixen unha entrega tamaña e que logo non dispoñen de boa pista para despegar. E mentres tanto esforzámonos, algúns que moito menos fornecen botan a lingua a pacer e sen contemplacións desprezan traballos que eles propios non son quen de facer nin dispondo de varias reencarnacións.

No entanto, temos que recoñecer que en ocasións os argumentos á hora de valorarmos as obras non son da altura que se require. Os parámetros deberían ser técnicos, e non basearse fundamentalmente en criterios de gusto persoal, ideoloxía, suposta caducidade dos xéneros ou irrenunciábel modernidade. Si é certo que estas cuestións poden aparecer nunha argumentación, mais debería ser, creo eu, en segundo plano e xustificando estratexias de maior calado que os meros caprichos do crítico. Porque se non non existirá un criterio digno de tal nome, e nada salvo o criterio propio constitúe a xustificación dunha crítica literaria. Ao mesmo tempo, por exemplo, pouco ou nada se valora a lingua literaria, e discursos por veces ben pobres, quer por falta de matices quer por apoiarse demasiado en referencias castelás, chegan a coroarse con premios que, nacendo para normalizar, converten en habitual unha temeraria desviación cultural.

Para finalizar, vouvos pór un exemplo do que é ter criterio, se me permitides a vaidade de contar unha anécdota da casa. Recentemente G. F., de doce anos, leu esta obra por prescrición docente: Chamádeme Simbad, de Francisco Castro. Despois de terlle dedicado á lectura tan só unha tarde, a súa concisa valoración foi a seguinte: “Gustoume moito, moito. Porque habendo tan poucos personaxes como hai, e tan poucos escenarios, mantivo a acción dunha maneira que non era capaz de parar de ler, nin sequera para ir ao baño. E iso paréceme un mérito moi grande”. Como vedes, aquí hai criterio, pois este lector sabe moi ben que as súas preferencias tenden á variedade de personaxes e escenarios; e ademais hai fundamentación técnica, pois explica claramente en que consiste a fórmula do autor e que tipo de éxito logra con esas ferramentas narrativas.

{Publicado en Praza Pública}

Share

Constituída a Sección de Crítica Literaria da AELG

Asociación de Escritores en Lingua GalegaNo día 24 de febreiro tivo lugar en Compostela a Asemblea Fundacional da Sección de Crítica Literaria da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Nunha mañá en que a eficiencia e o pragmatismo foron os desexos primeiros de todos os presentes, acordáronse tanto a organización inicial da sección como as liñas de actuación para o ano en curso. A independencia dentro da Asociación e a intención de constituírse como recurso útil para a profesionalización do sector foron aspectos patentes nesta primeira reunión. Máis información aquí.

Share