Unha democracia “feudal”

Hai algún tempo pensaba en escribir de que modo vivimos nunha democracia «feudal». Pensaba falar de como os novos señores, donos do grande capital, encirran os políticos para que loiten entre eles e a vitoria determine quen vai muxir os recursos comúns no seu beneficio. Os políticos non son todos así, ben é certo, mais a maioría son simples recadadores de votos para unha determinada facción do poder, unha sorte de monteiros dos grandes señores que exhiben o chamariz da democracia para cazar o voto do pobo cada catro anos. Continuaba a reflexión cos bos tempos que nesta conxuntura ultra-dereitista está a vivir outro estamento medieval: a Igrexa. De como fica libre de pagar impostos polos seus negocios, e de como sobrevive chuchando como parasito de institucións sostidas polo Estado laico, como os hospitais e as escolas.

Era unha reflexión que me conducía a observar que o Antigo Réxime que estaba a ficar eliminado na Segunda República, renaceu na segunda metade do século XX e mesmo se perpetuou subrepticiamente nos acomodos pactados na Transición. O «mandiño», aquel mal endémico do pobo galego que o poeta Manuel Antonio denunciaba na súa inspirada xuventude, vivía a súa enésima encarnación en todos eses carrexadores de votos e malbaratadores de postos públicos que pairan como abutres desde os primeiros tempos da democracia actual. Así as cousas, e sen facer ningún alarde de coñecemento histórico cheguei a pensar: o que nos fai falta é unha Revolución Francesa galega.

Read More

Share

A nosa nena no día da muller

«Estabamos almorzando e non foi propositado senón in media res, como tantas veces.
-Eu sei que no mundo hai máis mulleres que homes.
-Si, que é certo. Poucas máis pero é verdade, pelacha.
-E sabes como o souben?
-Mmm, dixéroncho no cole?
-Non, pero vexo que no parque sempre hai moitas máis mulleres que homes.
-Tamén é certo pero é por dúas razóns: hai máis homes que mulleres que traballan fóra da casa, e ademais, normalmente aos papás gústalles menos ir ao parque que ás mamás.
-Ah.
-Hoxe é o Día da muller.
-Ah, si? Pero quen o decidiu?
-Creo que os gobernos de moitos países. (agora sei que foi a ONU)
-E cando é o Día do home?
-Que eu saiba non o hai.
-Por que?
-Porque o Día da muller serve para lembrar que hai moitísimas mulleres que viven en situacións peores que as dos homes, con menos dereitos, gañando moito menos polos mesmos traballos…
-Pois iso non pode ser! Temos que estar mellor que os homes! MOITO MELLOR!
-Non, muller, o bo é que todas as persoas teñamos os mesmos dereitos de verdade, pero para iso aínda falta moito.» {Tati Mancebo}

Share