Recital 23 marzo 2018 Dia Poesia Arteixo por Isabel Maturana

Día Mundial da Poesía en Arteixo 2018

Recital 23 marzo 2018 Dia Poesia Arteixo por Isabel Maturana

Foto: Isabel Maturana

Por segundo ano tiven a honra de poder organizar un recital en Arteixo con motivo do Día Mundial da Poesía. Contamos, como o ano pasado, con poetas e poetisas (e poetas e poetisos) do instituto Manuel Murguía de Arteixo, así como con nomes de fóra do Concello. Acompañáronnos, como na anterior ocasión, dous intérpretes da Escola de Música (frauta traveseira e guitarra). E houben de agradecer o compromiso crecente coa poesía por parte da Concellaría de Cultura, e en particular á concelleira Ana Bello e ao equipo do Servizo Municipal de Cultura comandado por Sonia Iglesias; mais tamén a imprescindible colaboración de Isabel Maturana (IES Manuel Murguía) e Víctor Iglesias (Escola de Música), sen os cales non atoparía @s magnífic@s poetas e intérpretes locais.

O elenco foi o seguinte: Mario Dans (guitarra), Lara Boedo, Hugo Herrador, Andrés González, David Sánchez, Sergio Terceiro, Sofía Castro (frauta traveseira), Rosalía Rodríguez, Pablo Bouza, Tiago Alves, Estíbaliz Espinosa (aínda que ausente por motivos persoais textos seus foron lidos por min), Manuel Álvarez (tamén lin un texto deste autor cubano-galego) e Alfredo Ferreiro.

Lembro con moito cariño os meus primeiros recitais, no final da adolescencia, arrimado aos que eu consideraba xa figuras consolidadas da poesía galega. Pasaron xa trinta anos e vai sendo hora de facer polos novos aquilo que outr@s fixeron por nós. Sempre agradecerei a complicidade de Xavier Seoane e a atención de Pilar Pallarés cando a miña primeira publicación de poemas, naquela mítica Luzes de Galiza. Así se comeza, e así, hoxe, dando a man a outr@s, se agradece aquela axuda.

Share