Palavra comum, unha proposta tribalista

«Na primeira lúa nova do ano naceu a revista Palavra comum, un novo espazo para a divulgación cultural. Trátase dunha revista dixital que pretende albergar unha selección de colaboracións artísticas inéditas e promover un convivio que favoreza a reflexión sobre a cultura. Os promotores do proxecto fornecemos o apoio técnico para a publicación e tentamos organizar os contidos de modo que se mostren en certa harmonía. Os temas, aínda que fundamentalmente artísticos, pretenden abrirse para ámbitos próximos como a historia, a crítica, e mesmo a outros máis amplos como o coñecemento tradicional, a ecoloxía ou a xestión xeral dos recursos do país. Todo isto coa intención declarada de conectarmos asuntos que na realidade teñen máis relacións do que habitualmente se pensa.

Os colaboradores de Palavra comum – Artes e letras da lua nova non pretenden erguer unha nova bandeira. Pasan a colaborar porque foron convidados e gustaron do proxecto, asumindo como única esixencia forneceren aquilo que a súa mao e o seu corazón quixeron escribir, gravar, pintar ou fotografar. Veredes que non existe entre eles unha única ideoloxía, nin lingüística, nin política, nin artística. Son persoas que aceitaron a idea de acudir a esta feira protagonizada pola troca de ideas.

Non existe calquera proxecto económico detrás. A revista, como é evidente, implica algúns gastos, os imprescindíbeis, e unha dedicación que ninguén agarda ver compensada economicamente. Nunha época en que escasea de tal modo o diñeiro en Algueirada percibimos se cadra mellor que o retorno económico non é necesariamente o incentivo maior. Pertencemos a unha cultura milenaria que por cinco séculos resiste a aniquilación, e deste feito tiramos leccións sobre a importancia do esforzo colectivo.

Somos conscientes de que esta nosa actitude non é nova, senón o noso modo persoal de recoller o testemuño galeguista e manter esa chama acesa sen a cal, sabemos ben, pasariamos un frío que non estamos dispostos a tolerar. Somos moitas hoxe, estamos certos, as persoas que desexamos partillar proxectos abranxentes, cultos e populares á vez, que nos permitan superar os fantasmas, ás veces dolorosamente familiares, propios de épocas con outras necesidades e consecuencia de pasadas decisións. É firme a nosa vontade de valorizar o noso no ámbito dunha nova irmandade, estudando o que de positivo poda haber en calquera proposta sincera en que a Galiza estiver no centro. Porque sen coñecermos o centro, dificilmente poderemos relacionarnos cunha periferia que hoxe entendemos global.

Esta é a nosa perspectiva cultural, e tamén unha proposta para axudar a construír un mundo que hai tempo levamos nos nosos corazóns.» {Praza Pública, 21/01/2014 }

Share

Xornal de Galicia penaliza os lectores da súa versión dixital

“Os lectores de Internet tamén terán estas novas pola tarde, pero pola mañá pretendemos ofrecer un plus aos lectores que compran cada día o xornal, sexan no quiosco o mediante subscrición. Sen eles non serían posibles esas exclusivas, xa que non habería xeito de pagar aos xornalistas que escriben reportaxes así.”

Equivócanse por completo. Non están a ofrecer un plus aos lectores que mercan o xornal en papel, senón penalizando os que o len na rede. Nin sequera ofrecen a opción de micropagamentos -seguramente porque comporta un gasto inasumíbel para as expectativas de vendas- como fan outros medios que andan a experimentar actualmente co sistema de subscricións “por pezas”.

Como se pode apostar pola versión en papel para aumentar vendas, cando todos os medios van costa abaixo neste camiño, e menos aínda sendo un medio novo e minoritario?

Tati Mancebo

Share