Do ventre da cóbrega, de Xavier Seoane

Presaxio en tres tempos

A citación de Beckett con que Seoane enceta o poemario dirixe a percepción do lector ao certo centro da ideoloxía textual: “Inclinado a confesar un tempo que agoniza”. É dicir, o propósito de mostrar poeticamente unha valorización da etapa histórico-social que nos toca vivir e que o poeta, sensíbel ao novo imaxinario cultural que nos cega (“Non queda / eternidade / por camiñar / onde as fontes do soño / foron cegadas”, p. 121), detecta e canta con amargura desde o desexo de xustiza e harmonía. Expresa isto mediante a vinculación de símbolos telúricos e espirituais tradicionais como se así pretendese mitoloxizar o presente, lembrándonos a aura protectora do inmutábel sacroprofano, nun ton bárdico ou druídico que lle serve para representar a nación deitada na decadencia. Intuímos aquí un outro xeito de Xavier Seoane de denunciar a falta de humanismo nesta etapa histórica, xa expresada polo autor desde as palestras públicas e os ensaios publicados. Ora ben, falar do presente cun estilo poético deste teor evita caer nas superficialidades das marismas socialrealistas abertamente políticas e penetrar noutras fonduras, talvez máis obscuras e se cadra por iso máis poderosas no longo prazo, como se se tratase de cargas de profundidade que nos atinxen para só estourar cando menos o esperamos.
Existe, por tanto, neste poemario unha fundamental consciencia do social que se manifesta nun aberto compromiso co presente na denuncia: “Chegan tempos revoltos…” (p. 96). E a primeira profanación que descubrimos hoxe é unha cultura galega irremediabelmente danada, unha vez que a lingua secular é entendida como unha ferramenta prescindíbel. Porque unha cultura se torna estéril cando renuncia a crear coa súa propia lingua: “Pai, / todo está roto / no ventre da palabra” (p. 99). Mais este feito non só ten a ver coa sociolingüística ou coa política, como algúns queren ver, senón que implica un desarraigo histórico perceptíbel como carencia social, desunión que comporta a falta de lei consuetudinaria ou auténtico pacto social: “Esta é a lei / Este o anel / Esta a nada…” (p. 100).
A serpe representa o inimigo ancestral, o mitolóxico axente do caos que conduce activamente á deshumanización, ou que nace pasivamente da ausencia de utopía no corazón dos homes. A utopía e os soños alimentan de enerxía positiva o presente, mais desaparecen se sobrevén o esquecemento daquilo que a Tradición conserva sobre as necesidades temporais da sociedade. Cultura é a arte de saber xerir as necesidades do día a día en dirección ao inmutábel; é aquilo que nos permite establecer un criterio sobre as decisións particulares; é, en definitiva, a posibilidade de valorizar aquilo que resulta eficiente en cada época para atinxir o ben estar social, respectando as necesidades perennes do individuo. Sen cultura no hai referentes, e a sociedade navega como un barco á deriva, ou, en mellor alegoría desta época de liberalismo atordoante, como un barco conducido por unha tripulación repleta de capitáns bébedos.
Nestas e noutra fonduras nos baña O ventre da cóbrega, persistente na súa intención de inspirarnos unha reflexión rotunda sobre a humanidade que nos regala a cultura, como un traxe sempre adaptábel á nosa medida mais que abriga dos meteoritos imprevisíbeis da vida. Versos que mesturan os símbolos tradicionais e a liberdade expresiva do século precedente, describen o veneno que agarda tras os sorrisos das novas serpes.

Publicado en Grial, nº 183, 2009.

Share

“Chegan tempos revoltos”, de Xavier Seoane

Chegan tempos revoltos_Xavier Seoane

A principios deste ano o meu amigo e exprofesor de literatura  Xavier Seoane me presenteaba con esta polida edición non venal en que, acompañado dun non menos emotivo deseño de Fidel Vidal, avanzaba un visionario poema do seu novo libro Do ventre da cóbrega (Espiral Maior). A edición consta de 20 exemplares con ilustracións orixinais diversas e asinados polos autores.

O título, suxestivo como poucos nas circunstancias políticas presentes, ás que antecede amplamente, semella chamar a atención para a crise moral que na Alexandre Bovéda el advertía ao público como signo destes tempos. Unha crise moral que devirá perda de liberdades se non alzamos voces conscientes e colaboramos activamente todos aqueles que estamos convencidos da necesidade de progresar firmemente no terreo das liberdades individuais e colectivas.

Chegan tempos revoltos_Vidal

Share