Economía de subsistencia

Cando eu era pequeno o concepto de subsistencia posuía un matiz claramente negativo, pois era asociado habitualmente a unha explotación deficiente dos recursos. Na mesma liña, unha característica autenticamente galega, o minifundio, era sen dúbida unha lacra ancestral que impedía o progreso económico. A Galiza traía desde o pasado máis un veleno que debía ser neutralizado canto antes, un lastro intolerábel que perpetuaba a miseria e impedía o progreso.

Na actualidade, nunha situación en que a subsistencia non é unha falla grave unicamente nos países máis pobres senón que nos supostamente máis avanzados non está asegurada para a maioría, o concepto tínxese irremediabelmente de positividade. Xa non está sobre a mesa unha mellora continua do nivel de vida, onde visamos atinxir cada ano o conforto da Europa desenvolvida. Só desexamos que na mingua de recursos a que nos conducen os nosos gobernantes non se perdan completamente a escola, a atención sanitaria, a vivenda e a alimentación para a maioría da sociedade. Preténdese, e por iso se reclama na rúa cada semana, termos o necesario para dignamente subsistir.

Moitos dos nosos pais pertencen a unha xeración que foi criada, nas tristes consecuencias dunha guerra, por militares e sacerdotes. Viviron despois como a treboada franquista amainaba e como as forzas vivas do autoritarismo pasaban á clandestinidade democrática. Despois de teren saído da noite da ditadura e teren criado os seus fillos nunha bonanza posterior que pensaron irreversíbel, non teñen forzas, xa na terceira idade, para imaxinar un novo desastre social.

Os nosos fillos, amamentados nos estertores dun certo progreso económico e democrático, están a ser criados nun ambiente xeral de desánimo pola perda progresiva de nivel de vida. Os seus profesores, día após día conscientes da demolición programada do Estado do ben estar, non poden sinceramente animalos a estudar ou a esforzarse para conseguiren unha profesión. Os postos de traballo non existen, ou van camiño de se converter nunha renuncia completa á liberdade individual; a crise económica é intereseiramente convertida en crise social, e unha evidente frustración cidadá nace da pésima xestión política do ben común.

Neste ambiente xeral de frustración retorna o concepto de subsistencia como algo necesario, e con el deben ser revisados os parámetros da rendibilidade agraria; referentes como o autoconsumo e a agricultura de subsistencia, antes claramente deplorábeis face a unha produción suficiente para ser comercializada, revélanse agora como hipóteses que, no marco do apoio mutuo comunitario, poden resolver un problema xeneralizado de alimentación.

Neste sentido, hoxe en día xa existen colectivos conscientes da importancia da soberanía alimentaria e da calidade nutricional. E é que provoca medo comprobar como a calidade da alimentación está en mans das grandes empresas da alimentación e como a súa oferta constitúe directamente un engano ao consumidor desde o punto de vista cualitativo. As administracións conceden sen pudor as concesións de servizos de comedor escolar, hospitais, residencias para maiores e outros servizos similares en virtude unicamente dos prezos máis baixos, e isto implica unha ausencia de control sobre a calidade dos alimentos. Como a estratexia destes servizos consiste unicamente en encher bandullos en lugar de ofrecer programas nutricionais e produtos adecuados, conscientes disto en Europa existen iniciativas de cultivo local responsábel de alimentos que prestan servizos a comedores escolares xestionados con valores da ecoloxía e a saúde (cfr. o iluminador documental El plat o la vida). Lugares en que se consumen diariamente vexetais frescos de temporada sen aditivos tóxicos, onde non se abusa dos conxelados nin das carnes de animais alimentados con abonos nocivos e onde pais e familiares entran en contacto cunha nova perspectiva saudábel da produción e o consumo local.

Grazas a estas iniciativas chego a sospeitar, ignorante como son nos campos da nutrición e da agricultura, que a nosa vella estrutura minifundista pode constituír un patrimonio de incalculábel valor. Se cadra estamos perante máis unha faceta dun legado cultural que aínda non soubemos aproveitar. {Publicado en Praza Pública}

Share

Política económica ou ficción

Humanas rebaixas, por Alfredo Ferreiro

A organización económica actual non é diferente da que tiñamos hai uns anos, da perspectiva dun cidadán común. O que aconteceu á hora da presente crise é só a caída do pano, aquel que impedía que viramos a tramoia da insaciábel especulación. O pano, tinxido de carmesí e pasado a ferro, provocaba unha sensación de ben estar, era unha agradábel brisa de liberdade nun horizonte aparentemente rico en oportunidades.

Mais a luz apagouse, e os verdadeiros argumentos foron mostrados na obra que nos toca representar. O deus máis cru manda no mundo, e as oligarquías do capitalismo dirixen democracias nas que un pobo crédulo vota nas urnas de que modo aceita ser escravo. Disque o monstro da crise pasea por camiños e autoestradas, por iso as xentes amedrontadas se pechan na casa e roen en silencio unha codela de pan.

No entanto, algúns soben os montes e baixan os vales, cruzan os campos e camiñan pola longa praia no entardecer, comprobando que o sol, o mar e o monte continúan no seu lugar. Nada hai no mundo que impida vivir, salvo o fantasma que a tantos espanta desde os medios que continuamente comunican o infortunio social.

Algúns observan que a obra representada é realmente unha ficción, aspecto básico que moitos teñen esquecido a causa da cultura ter sido relegada a un desprezábel lugar. Porque o que a literatura e a arte nos ensinan é que o mundo en que vivimos é obra de todos, e que o inferno e o paraíso dependen exclusivamente do noso corazón. E que aceitarmos a ficción é unha decisión libre que nos lembra que o destino nace, cada día un pouco, no cóncavo das nosas maos.

Share