Poetas Di(N)versos

Eduardo Estevez em Poetas DinVersos por Alfredo Ferreiro 1000O ciclo de poesia nacional e internacional Poetas Di(N)versos inicia sua pausa estival. Na tarde de 13 de junho contamos com a presença do nosso amigo Eduardo Estévez e tivemos a oportunidade de conhecer a poeta argentina Mercedes Roffé, a quem pudemos retratar junto com a apresentadora e diretora do ciclo Yolanda Castaño. Do poeta e da poetisa oferecemos os poemas que figuram no díptico do evento:

unha balea varada na praia
estarrece como a ruína dun imperio

é unha postal imposíbel
no centro da paisaxe

treme o aire que paira
inmóbil ao seu redor

e non ten
esa tensión do horizonte
senón acaso a conciencia de ser
ela mesma todo un final

a balea é un deus caído
unha espera deitada

se falas con ela
parecerá que escoita a túa dor
e devolve preamar

uns nenos achéganse
pés na area fría
observan con distancia

a balea non pode moverse
pero non é o seu cheiro
o que estarrece

acaso sexa
a inmensidade da metáfora

EDUARDO ESTÉVEZ

[…] Ler mais

Share

“odesexo” coletivo

odesexo B

odesexo é um volume de obra plástica e poética galegas. Fazem parte os artistas: Maside, Pardiñas, Riveiro. Os poemas são de Ramón Neto, Verónica Martínez, Lino Braxe, Emma Pedreira, Eli Ríos, Eduardo Estévez, Mercedes Leobalde, Alberte Momán, Antonio G. Teijeiro, Miguel Mato, Paco de Tano, Xosé Iglesias, Paco Souto. Edita Caldeirón (Malpica, Galiza-Espanha).

Concello de Carballo: «Poesía e arte van da man na exposición “oDesexo” que poderá visitarse até o 8 de maio no Pazo da Cultura de Carballo. A Asociación Cultural Caldeirón e o Concello organizan esta cita que, segundo explica Paco Souto […] “é o froito de tres obras absolutamente diferentes, cada unha moi persoal”, creadas polos artistas Xulio Maside, Xoán Pardiñas e Fernando Riveiro. Non obstante, Souto aclara que á vez “teñen moitas referencias comúns porque hai moita vida entre estes tres pintores”. Pero ademais de ser produto do maxín destes tres creadores, “oDesexo” tamén é un catálogo no que está presente a obra de trece dos quince poetas que até o momento teñen publicado na Asociación Cultural Caldeirón, porque a exposición estaba pensada para conmemorar os dez anos do Premio de Poesía erótica Illas Sisargas que se selebrou o pasado novembro. Ao final non pudo ser nesa data, pero a mostra segue “a celebrar oDesexo”, subliña Souto, que engade que “o importante é que a xente de Carballo poda gozar con esta obra fantástica […]”.

Share

Entrar na casa: Ignacio Castro e Eduardo Estévez

Ignacio Castro (fotografia) e Eduardo Estévez (poesia) publicárom em Estaleiro Editora o livro Entrar na casa, que foi apresentado no café Linda Rama da Corunha em 2 de dezembro. Para além da perfeita conjunção de poemas e fotos, de delicada sensibilidade minimalista, foi um luxo inusitado poder ouvir o concerto renascentista de Andrés Díaz (viola de mão) e Belén Bermejo (voz). Aqui deixamos testemunho do sublime ambiente que estes quatro artistas forom capazes de criar:

Não perdam, aliás, a entrevista de Montse Dopico: «[…] entrar na casa é froito dun encontro co fotógrafo Ignacio Castro. Como foi?

Livro e fotografia e poesia Entrar na casa, de Ignacio Castro e Eduardo Estévez

Entrar na casa: Ignacio Castro & Eduardo Estévez

Eduardo Estévez: Ignacio Castro leu o meu libro construcións e viu que había unha relación entre a súa e a miña forma de mirar. Levo tempo dándolle voltas ao tema de mirar dunha maneira diferente. Interésame moito a literatura militante, que a verdade é que envexo, pero a min non me sae. Pois a maneira que atopei de facer algo semellante foi esa: tentar mirar as cousas desde outra perspectiva. Non para levar a mirada dos demais á miña, senón co obxectivo de que o lector se decate de que hai outras formas de mirar. En construcións facía iso mirando aos pequenos detalles. Porque mirar o detalle pode ser outro xeito de ver o total, o xeral.

Pois Ignacio Castro envioume unha ligazón para que puidese ver as súas fotos. Intercambiamos varios correos e unha vez e díxenlle que un día podiamos facer algo xuntos. Nunha semana respondeu: facemos? E así foi. Establecemos un diálogo do que o libro é resultado. Non é un libro de poemas con fotos nin un libro de fotos glosadas con textos. Eu escribín textos a partir de fotos, el fixo fotos a partir de textos… e os dous intervimos no que facía o outro. El orientaba os meus textos e eu as súas fotos.

MD: Comentas no teu blog que o libro foi rexeitado nas editoras grandes.

EE: Non é un libro para mandar a premios. As editoras grandes teñen estruturas ríxidas. É difícil que se saian da súa maneira habitual de facer as cousas. Non é só unha cuestión económica. É moi complicado que saian das coleccións que teñen prefiguradas. As editoras máis grandes non poden deixar de publicar poesía, non poden permitirse iso, pero tampouco lle ven posibilidades de negocio.

Mirei tamén nas editoras pequenas, e polo menos responderon. Case a totalidade dixo que o libro lle gustaba pero que non podía publicalo ou non podía facelo sen axuda. Ata que apareceu Estaleiro, que asumiu o risco, eu creo que sen pensar moito na dificultade que ía supoñer publicalo. E eu recoñézolles moito o esforzo que fixeron nese sentido. Quedou un libro moi digno. […]»

{Praza Pública}

Share

Ellis Island, de Georges Perec (trad. Eduardo Estévez)

Ellis Island (trad. Eduardo Estévez)Ellis Island, de Georges Perec (tradución de Eduardo Estévez e edición de Franouren), é un libro de poesía talvez, do mesmo modo que se fose escrito en prosa sería un ensaio literario. O relevante non son os xéneros cando os contidos nos transportan a unha recuperación tan emotiva do pasado. Con certeza, reflexións como as de Perec fannos imaxinar o inmenso material que os galegos posuímos cando asumimos que tamén somos un Boat People, colonos e pioneiros de aterecidos corazóns que viaxaron como gando nas metálicas barrigas dos monstros transatlánticos, e que nos últimos folgos se despedían na distancia dunha terra nai que os rexeitou mais que nunca deixaron de amar. Uns cos bolsos furados, outros despois de teren construído palacios.

Perec recapitula as veces que esa Gold Door se abriu para millóns de inmigrantes europeus: alemáns, polacos, irlandeses, holandeses, italianos… que habían de ser marcados cun O.K por unha axencia estatal de man de obra barata, carne de canón destinada a tabicar a primeira potencia económica da segunda metade do século XX. Dentro das muitas nacionalidades que pasaron o exame económico e sanitario acarón da Estatua da Liberdade, resalta a presenza do pobo xudeu a que el pertence, e do que lamenta non ter podido absorber a cultura que lle é propia por ter vivido na permanente deslocalización. Berra o autor que é inxusto non ter podido recibir dos seus pais unha normalidade referencial como xudeu, feito que como galego non só me toca fortemente senón que aínda podo pensar que o superamos no absurdo: sen nos teren expulsado da terra, sen teren prohibido completamente a nosa lingua, sen termos necesidade de abandonar na actualidade a nosa identidade, como galegos vivimos perseguidos por un monstro que nos atemoriza e non nos permite mirar atrás: a mesma galeguidade. E non voltando a vista atrás, tampouco sabemos se a dirección na que fuximos é a correcta.

Porque, se os xudeus foron un pobo sen terra, os galegos somos donos dunha terra maldita. Mais unha terra maldita non é en absoluto unha terra mala, é simplemente unha terra da que se fala mal: porque é pequena, porque medran as herbas, porque chove moito, porque non hai traballo, porque o traballo que hai é escravo, porque hai que abandonala e porque sen ela mal se pode vivir. A terra que, moi eficazmente, nos ensinaron a desamar.

Share

Ramiro Torres no blogue de Eduardo Estévez

Recomendamos a lectura dos fermosos poemas de Ramiro Torres publicados no blogue de Eduardo Estévez, outra figura da poesía actual.

Share

Presentamos Pel con pel en Santiago

Blogue da Editorial Galaxia: «Este domingo presentaremos en Santiago o libro Pel con pel, que recolle case que corenta fotos presentadas ao II Concurso sobre Lactación Materna que organizou Fedegalma e a Editorial Galaxia. No acto participarán algúns dos autores dos textos que acompañan a publicación. Dores Tembrás, Marta Dacosta, Begoña Caamaño, Ledicia Costas, Francisco Castro, Eduardo Estévez e Alfredo Ferreiro recitarán os seus textos escritos para o libro, no que tamén participan Xosé María Álvarez Cáccamo, Román Raña, e Yolanda Castaño

Share

Premios AELG 2009

O sábado pasado acudimos á Cea das Letras da AELG en Compostela, onde se entregaron os premios concedidos pola Asociación de Escritores a conta dos votos maioritarios dos propios socios, que escollemos cada ano as obras que máis merecen ser resaltadas dentro das publicadas no ano anterior. O sistema de votación deste ano, cun procedemento simple e en liña, facilitou moito máis a participación na elección.

Na literatura infantil e xuvenil gañou Xabier P. DoCampo, un amigo que o ano pasado apostou por un libro de xénero híbrido entre o narrativo e o poético, en paralelo ás ilustracións de Xosé Cobas, entre o figurativo e o abstracto, entre o realista das notas de campo do viaxeiro e a experiencia onírica de toda verdadeira inspiración.

Na poesía o escritor Xulio L. Valcárcel apañou o premio por unha obra en que os corpos se dilúen na líquida melancolía que pinga de todo aquilo que foi vivido, de todo aquilo sobre o que navegamos no presente até que atinximos unha terra futura que inevitabelmente se ha de perder entre os nosos dedos, licuada e gardada para sempre na garrafa da memoria.

No novo apartado de premio ao blogue literario, para o que este mesmo estaba nominado, gañou o de Marcos Valcárcel, un home de dilatado compromiso coa cultura e incontestábel mérito na web. Un home a quen foi un pracer saudar por primeira vez en persoa, e por quen manifesto publicamente a miña admiración.

Canto ao Premio de Escritora Galega Universal, só podemos dicir que a humildade de Elena Poniatowska só pode ser superada pola súa habilidade para falar con economía verbal e total precisión emotiva. A súa é unha mestría difícil de igualar. Eu viña de escoitala no día anterior durante o II Encontro Cidade da Coruña (que a AELG ofrecerá en breve na rede), na RAG, e por iso non me sorprendeu que comezase o seu discurso dicindo que era evidente que o seu corpo tras o atril e o micrófono non sobresaía porque ela mesma non abultaba máis do que “un perro sentado”. É a facilidade que ela ten para falar desde o “cero vaidoso”, para entregarse logo a denunciar as inxustizas que cada día padecen os que andan descalzos na procura do pan, as que entregan a pel na fábrica para logo lles seren roubadas as vidas que duramente arrastran no anoitecer. O escritor non importa, o escritor non ten face, o seu corpo non vale máis do que un can sentado. Mais a obra, aquilo que se destila do interior e debe inocular unha humanidade que penetre as consciencias, aquilo que debe ser escrito con amor polos mais, é o que realmente importa. Porque a obra para algunhas autoras como Elena non debe ser lastrada coas carnes de quen a escribe.

Na nosa mesa partillamos a alegría polos premiados outros nominados daquela noite. Eduardo Estévez, polo seu poemario Construcións, e María Isabel García Fernández, pola tradución d’ O xiro postal.

Durante a cea, o carácter vangardista de Tati Mancebo fixo que se lanzase nunha nova aventura comunicativa. Apañou o seu móbel e, tal como tiña previsto, emitiu ao vivo o ditame dos premios da AELG através do novo portal da Blogaliza. Os resultados foron estes:

Share

Construcións, de Eduardo Estévez

construcións_Eduardo Estévezela ía pola rúa deserta
mirando como a súa sombra
se transformaba
nas irregularidades da parede
co paso de cada farol

ela ía deserta pola rúa
e a súa sombra miraba como a cada
paso
a cada farol
ela se transformaba adaptándose
ao mundo
irreal

Encontros, desencontros, desexos, relacións e sentimentos intuídos através de xestos e ollares acumulados en situacións cotidianas e no entanto fulcrais. Accións, pasos dados ou omitidos a que as necesidades sentimentais nos conducen. Construcións é un poemario que nos fai vagar polos camiños de ferro do corazón, esa viaxe irrenunciábel da vida revalidándose unha e outra vez. As experiencias que aquí se apresentan semellan marcadas a lume en incógnitos mapas sentimentais, vidas referenciadas por rúas e estradas que se cruzan e se afastan. Que somos todos senón viaxeiros conducidos polas inexorábeis paixóns que enchen un vello saco de experiencia vital?

Este libro é finalista dos premios AELG, a coñecer o próximo 9 de maio na Cea das Letras, depois de que un polémico furacán o erguese a un falso podio e logo se albergase nun positivo proxecto editorial. Agora o libro naceu e a el ningunha débeda será reclamada. Antes seu pai lle debe o alento que o libro no autor fai nacer.

Share