Unha heroína por descubrir

Resulta difícil, despois do enorme gozo que a súa lectura produce, clasificar Verde oliva. É sen dúbida unha novela histórica, ben situada no marco dos acontecementos da revolución cubana; é tamén unha intensa novela de espías, onde se nos mostran os pormenores das actividades que os revolucionarios desenvolveron nas urbes contra o poder de Batista, así como as súas manobras de ocultamento; é a autobiografía dunha muller que participou na súa adolescencia en accións que en varias ocasións estiveron a punto de custarlle a vida. Porén, a carón dos datos exactos e singulares de quen viviu con intensidade un dos maiores acontecementos políticos de Occidente, subxace na obra unha humanidade que, habilmente temperada por Xavier Alcalá, cataliza no relato a profundidade emocional da verdadeira literatura.
Mariana pertence á burguesía media-alta da Habana. Detesta os abusos do poder autoritario de Baptista e decide apoiar na cidade o proceso revolucionario mediante a transmisión de información secreta e a recadación de fondos para o confronto militar. Era unha fina flor que gozaba de estudar inglés e acudir ás festas con elegantes vestidos e zapatos altos, mais axiña se revelarán a súa valentía e un compromiso invulnerábel co pobo que a acolleu. Unha vez estes valores florecen no relato, estamos ante o testemuño dunha auténtica heroína inmersa nun ambiente prebélico de densa e perigosa espionaxe urbana.
Como acontece tantas veces na novela negra, o cerco vaise estreitando ao redor de Mariana e por isto debe abandonar o seu traballo e botarse ao camiño, na procura do contacto co exército revolucionario que da Sierra Maestra está a piques de caer sobre as chairas e as cidades. Así devén un duro periplo por estradas secundarias, entre as sombras cómplices das facendas e os ruídos delatores dos cans, sempre a temer un control do exército e a rogar a axuda de paisanos con vontade de colaborar coa revolución. Chega finalmente á serra, mais alí o esforzo non dá o froito desexado. Para Mariana a vida, reducida aos mínimos de dignidade e alimento, é un animal que repta buscando algunha protección. Entón prodúcese unha nova viraxe do destino, e a espía habaneira convértese en moeda de cambio nunha complicada trama político-militar. […] Ler mais

Share

A noite branca, de Francisco Fernández Naval

No pasado decembro acudimos á presentación n’ Á lus do candil do último romance de Chisco Fernández Naval, unha obra de base histórica que se converteu en poucas semanas nun éxito editorial. Estas imaxes mostran parte do evento así como as palabras que o autor conceceu a OLM sobre certos aspectos da obra.

Share