As naos afondando, de Laura Caveiro

“Nesta historia de fins de século, Henrique Amaros, pedante profesor de universidade que vive abafado pola súa impotencia para escribir, chegará a tolear co mito de Don Xoán procurando a inspiración perdida nas namoradas todas. Mentres un personaxe maléfico dacabalo entre o pasado e o presente e entre cidades imaxinadas e reais, vai enchendo de pesadelos góticos os amoríos co conquistador” (Texto de capa).

As naos afondandoA partir deste argumento Laura Caveiro presenta en As naos afondando (1º Premio de novela Rubia Barcia; Liceo Rubia Barcia, Ferrol, 2000) un relato singular en que, a pesar da relativamente reducida lonxitude textual, consegue amalgamar unha gran cantidade de referencias mitolóxicas, patolóxicas (psicanálise), literarias e mercantís. Deste modo, partindo do mito de Don Xoán, o que con facilidade se vencella á promiscuidade disfarzada de sentimentalismo que sucumbe subitamente perante o sexo explícito, con grande habilidade se revela por veces con tonos de suicidio e se funde, sen falta de ironía implícita, co mundo da docencia (ou indecencia) universitaria e o mercado literario: a crítica literaria, os mundo editorial, os premios literarios e, até, o proceso de escrita tanto no cadro da experiencia individual canto no das referencias ao canon literario universal.

Así, o mito de Don Xoán permite unha reflexión multiperspectivada sobre unha patoloxía que implica unha desharmonía dos afectos propia dunha personaxe que vive dentro da literatura unha vida que na realidade é incapaz de gobernar.

No relativo ao estilo, presenta tamén un sabor de lixeira fondue, deixando no padal o aroma dunha fina densidade poética sobre a que se superpoñen pedazos consistentes do estilo directo dos encontros cotiáns.

Share

Marga do Val e Víctor Freixanes gañan Premio da Crítica 2010

«En representación da Sección da Crítica da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Laura Caveiro envíanos a noticia oficial sobre os galardoados deste ano en lingua galega:

Poesía: A cidade sen roupa ao sol, de Marga do Val, poemario publicado en Edicións Espiral Maior en 2010. “Trátase dun poemario vital e reflexivo. A voz poética mergúllase en significativos episodios biográficos a xeito de particular educación sentimental”.

Narrativa: Cabalo de ouros, de Víctor F. Freixanes, novela publicada en Editorial Galaxia. “Parte do interesante artificio do cantar de cego a ofrece un estilo envolvente, compensado e denso”.

Laura Caveiro foi a representante da Sección da Crítica Literaria enviada a Cáceres para propor os títulos galegos decididos oito días antes en Compostela.»

[Vía Crítica literaria]

Share

Premios Xerais 2010

Máis un ano asistimos a unha das grandes veladas literarias da Galiza. Este ano aportamos en San Simón a equipa de Algueirada sen Tati Mancebo, que houbo de ficar en Arteixo e se encarregou da monitorización da transmisión de BlogalizaTV, do chat de Facebook e do Twitter; ao leme da transmisión, como non, estivo Pedro Silva e na gravación e edición de vídeo un servidor. Mais este ano contamos cunha equipa de colaboradores de excepción: Paula Gómez del Valle (fotografía), Miriño (cámara de streaming) e Ghanito (Facebook, Twitter). O resultado foron 2,5 horas de transmisión acompañadas de chat e chíos e 19 vídeos, dos que 14 foron entrevistas improvisadas, 4 foron resumos de discursos e 1 foi unha reportaxe. Resultaron suficientes as opinións referenciadas, mais aínda así ficamos insatisfeitos pola grande cantidade de nomes que gustaríamos de ter posto perante a cámara: Mercedes Queixas, Martin Pawley, Antía Otero, Armando Requeixo, Xosé Manuel Eyré, Ramón Nicolás, Marilar Aleixandre, María Xosé Queizán, Rexina Vega, Pilar Ponte, Xurxo Sierra Veloso, Laura Caveiro, Xosé Manuel Beiras, Carlos Callón e tantas outras persoas de quen agradeceriamos saber que desexan dicir sobre os Premios Xerais e a situación actual da nosa literatura. Un saúdo a todas e parabéns para Teresa e Iolanda, as protagonistas, así como para o equipo de Xerais que con tanta profesionalidade ano após ano aposta pola nosa literatura.

Share