A «Lei Sinde» nega o futuro

Tati Mancebo: «Aínda que non concordo ao 100% con este texto, en particular coa énfase con que se quere opoñer a grande á pequena empresa en termos absolutos, nin coa crítica sen xustificar ao gasto do Ministerio de Cultura que, creo ademais, que son puntos que dilúen o verdadeiro obxecto deste documento; aínda que a redacción do escrito é dunha calidade máis que dubidosa e, como si apoio o obxecto da denuncia principal, traduzo e publico o texto aparecido en Red-sostenible.net, ao que cheguei a través do blogue de Enrique Dans.

“Fixemos chegar esta mensaxe a todos os deputados e deputadas:
Este martes 21 de setembro de 2010, remata o prazo para que os grupos parlamentarios poidan fornecer as súas emendas á Lei de Economía sustentábel e, con ela, a Disposición Final Segunda (anteriormente Disposición Final Primeira) ou “Lei Sinde” que ataca os dereitos fundamentais en Internet en favor de lobbies industriais que non queren reconverterse. A mesma Disposición cuxa retirada centos de miles de cidadáns e ciudadás teñen pedido de todas as formas.
Lembramos ademais que esta Disposición se introduciu de costas ao propio parlamento: foi creada mentres unha SubComisión Parlamentaria estaba a traballar sobre a reforma da Lei de Propiedade Intelectual. A Disposición final Segunda foi introducida na Lei de Economía Sustentábel sen escoitar as conclusións de dita subcomisión que propón unha reforma en profundidade da Lei de Propiedade Intelectual para encarar con seriedade e beneficio xeral os problemas xerados polas innovacións da era dixital. A disposición Final Segunda ten que caer tamén porque representa un desprezo ao labor dos deputados, que son os representantes dos cidadáns e das cidadás deste país.
Queremos tamén lembrar aos deputados que a cidadanía pide que se desactive unha lei que non ampara os dereitos mínimos:
1 – Non se pode concibir unha lei que afectan intereses particulares e non xerais, onde o xuíz non poida entrar no fondo do asunto, ofrecendo todas as garantías legais aos cidadańs e emprendedores que están a operarar en Internet. Pechar o acceso a un sitio Web pode devastar a economía dun pequeno e mediano emprendedor. Os cidadáns non debemos asumir a reconversión das Majors.
2 – Non se deben mesturar asuntos da orde da competencia desleal, como pode ser lucrarse do traballo doutro sen que isto repercuta sobre este último, coa liberdade de ligar, citar e compartir, que son a esencia mesma de Internet, unha ferramenta crucial para o futuro.
3 – É inadmisíbel que se lexisle en favor dun sector económico atrasado na súa reconversión a expensas dos emprendedores que están xa a implementar as oportunidades da era dixital. O ministerio de Cultura non está á altura do alcance do problema. Investiu un tezo dos seus recursos en Industrias Culturais e agora necesita unha Comisión nada imparcial para rendibilizar estes recursos, distorsionando o desenvolvemento normal da economía cultural. Antes o ladrillo, agora a copia. Non reproduzamos unha burbulla dos contidos de entretemento.
O respecto e a comprensión das opcións que ofrece Internet son a saída da crise. A disposición final segunda da LES está a negarnos o futuro.”»
Share

Por unha Rede sustentábel

Acaban de gravarme para a TVG a falar do antreproxecto de Lei de Economía Sustentábel / disposición primeira. Temo ter soltado un lío de afirmacións sen xeito, mais en fin, faise o que se pode. A miña argumentación pretendía ser a seguinte:

Paréceme que a disposición primeira está pensada para protexer os negocios particulares, non para mellorar o benestar común dos cidadáns. Se vai adiante podería chegarse á indefensión xurídica dos usuarios dos medios dixitais, porque se permitiría o peche de páxinas web a instancias dunha autoridade administrativa, case sen intervención xudicial. Isto acontece nunhas circunstacias en que o goberno socialista anuncia o propósito de introducir as TIC na vida diaria dos colexios. Se asume o goberno que as tecnoloxías da información e o coñecemento son ineludibles nos programas de ensino porque o futuro laboral da maioría pasará por usalas, por que non as toma realmente en serio e lexisla en consecuencia? A verdade é que semella que aínda perdura a vella visión de que na internet só pululan unha morea de rapaces trastes, cando na realidade todos sabemos que o presente e futuro do mundo desenvolvido están xa instalados no traballo dixital.

Esta Lei suporía que se teño un blogue, e nel teño unha ligazón para outro que á súa vez liga para un terceiro que supostamente fai negocios ilícitos, podería a Administración pechar o meu pola relativa  “promoción” dun negocio ilegal. É dicir, un despropósito. Nese caso eu non estaría a facer negocio de ningún tipo e por suposto non son responsábel dos contidos dos outros. A Rede funciona con rapidez, e este facto beneficia o que fai ben e tamén para o que fai mal, está claro, facilitando que o ilegal desapareza se oculte ou mude  inmediatamente de máscara. Mais criminalizando o usuario xeral ou cobrándolle un cánon pola suposta ilegalidade dos máis indignos non se chega a unha situación de xusticia aceptable.

Os argumentos completos de Red SOStenible, sensatos e oportunos, xa foron traducidos para o Blogomillo:

«Consideramos imprescindíbel a retirada da disposición final primeira da Lei de Economía Sustentábel polos seguintes motivos:

1.-Viola os dereitos constitucionais en que se ha de basear un estado democrático en especial a presunción de inocencia, liberdade de expresión, privacidade, inviolabilidade domiciliaria, tutela xudicial efectiva, liberdade de mercado, protección de consumidoras e consumidores, entre outros.

2.-Xera para a Internet un estado de excepción no cal a cidadanía será tratada mediante procedementos administrativos sumarísimos reservados pola Audiencia Nacional a narcotraficantes e terroristas.

3.-Establece un procedemento punitivo “á carta” para casos en que os tribunais xa teñen manifestado que non constituían delicto, implicando incluso a necesidade de modificar polo menos 4 leis, unha delas orgánica. Isto implica un cambio radical no sistema xurídico e unha fonte de inseguridade para o sector das TIC (Tecnoloxía da Información e a Comunicación). Lembramos, neste sentido, que o troco de coñecemento e cultura na rede é un motor económico importante para saír da crise como se ten demostrado amplamente.

4.-Os mecanismos preventivos urxentes de que dispoñen a lei e a xudicatura son para protexer toda a cidadanía fronte a riscos tan graves como os que afectan á saúde pública. O goberno pretende utilizar estes mesmos mecanismos de protección global para beneficiar intereses particulares fronte á cidadanía. Ademais a normativa introducirá o concepto de “lucro indirecto”, é dicir: a min poden pecharme o blogue porque “promociono” un que “promociona” outro que vincula un terceiro que fai negocios presuntamente ilícitos. […]» (Ler máis en blogaliza.org)

Share