A NOVELA morreu. Viva a NOVELA!

«Desde hoxe e até pasado mañá pode seguirse en directo FOCUS 2011 O libro mañá: o futuro da palabra escrita. Sorprende en principio que só sexamos 15 os espectadores ás 11:20 da mañá pero claro, se non podes participar, xa non digo enviar preguntas que reciban respostas, senón gozar dunha canle de comunicación entre os interesados, o streaming non ten tanta graza e resulta máis simple agardar a que remate e recibir as opinións das testemuñas directas que recollan o que lles pareceu máis interesante ou as conclusións que lles suscitou o encontro a través de hashtags e blogues.

Moitos queixámonos de que non recibimos información suficiente dos medios, arrepiante o caso das últimas protestas gregas, queixámonos de que os medios non fan o seu traballo, queixámonos de que os conferenciantes nos foros internacionais non elaboran análises cientificistas sobre os distintos aspectos da evolución cultural, senón que simplemente xustifican ou condenan situacións en función do lobby que representan.

E só somos 16 agora os que estamos a seguir o debate na UNESCO sobre o futuro da palabra escrita? Pois o futuro está claro entón, e coincide co que eu penso, que o cambio dunha “lectura profunda” a unha lectura fragmentaria” do que tanto se fala non é tal, que o que está a pasar é que estamos a deixar de ler. Si, lemos moito máis que hai anos os que pasamos moitas horas diante dun ordenador mais, ou moito me equivoco, ou a lectura lineal, letra tras letra, está en franca decadencia, aínda que a maioría da xente non o perciba: un mercado insustentábel, novas narrativas que queren deixar de ser simples experimentos, confluencia de dispositivos, xéneros, formatos. A nova literatura son as moitas vidas, os moitos personaxes que cada individuo vai vivir dun modo cada vez máis realista. Pero alguén pensou algunha vez que a novela escrita con caracteres, era un xénero perfecto, que atopou o canon hai uns cantos séculos e que, suxeita a actualizacións temáticas e formais, era realmente un formato eterno? Que era a mellor representación inmaterial dunha historia? Non haberá ninguén tan iluso, non? Porque o que está a vir e veña, seguirá a ser novela sempre que sigamos a chamala así.

Uau! 24 espectadores ás 11:45 AM!» [Vía Tati Mancebo]

Share

‘Traición a Lois Pereiro’, por Alfredo Ferreiro

Con este poema creado a partir doutro de Lois Pereiro comezo un traballo que titularei O libro das traicións, no que elaborarei versións de textos dos meus autores e autoras preferidos. Estas versións constitúen unha homenaxe sincera ás obras daqueles que, non pusuíndo eu o talento necesario para debidamente imitalos, me atreverei a “traicionar”, seguindo a Sócrates naquela defensa do burlesco á hora de tratar os máis serios misterios da vida, pois non seriamos quen de tratalos coa seriedade que realmente merecen. Ao mesmo tempo, á hora da “traición” lembro as palabras o Herberto Helder, cando dicía: «[…] Deve-se estar disponível para decepcionar os que confiaram em nós. Decepcionar é garantir o movimento. A confiança dos outros diz-lhes respeito. A nós mesmos diz respeito outra espécie de confiança. A de que somos insubstituíveis na nossa aventura e de que ninguém a fará por nós[…]».

Este poema foi publicado no libro electrónico Vivir un soño repetido, homenaxe da AELG a Lois Pereiro.

Traición a Lois Pereiro

Os éxitos atinxidos nesta vida
leváronme a gañar máis unha vez
definitivamente e sen pesar
todo o que contaba como gañado.

Éxtase libertaria ou iluminación
dun amor sempre xustificado;
foi a alegría até o paroxismo
o móbil que alentou a miña idea
de organizar en min unha verbena
e danzar toda a noite sobre a area.

Eu perpetúo o éxito atinxido
na tranquila travesía
en que vivo
porque esta orgullosa estatua namorada
ha de recibir nos labios dilatados
o mel esculpido como gloria profana
libre de todos os erros evitados.

Abrazado polo remuíño que me eleva
desde as tristes espirais da nada
ao alegre sendeiro da miña pena.

Alfredo Ferreiro

(Cfr. poema “XX”, de Poesía última de amor e enfermidade)

Share

‘Vivir un soño repetido’, libro electrónico de homenaxe da AELG a Lois Pereiro

“Con motivo do Día das Letras Galegas a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega edita un libro electrónico coas colaboracións dos seus asociados e asociadas. As colaboracións, inéditas e orixinais, responden a un duplo formato: a) poemas inéditos inspirados en Lois Pereiro; obra gráfica (ilustración, fotografía, poesía experimental, etc.) inspirada en poemas de Lois Pereiro. Da  conxunción de todas as achegas nace este libro electrónico en formato epub de descarga gratuíta accesíbel no apartado de publicacións da web da AELG.” [Vía Asociación de Escritores en Lingua Galega]

Os autores e autoras que participan son: Francisco Álvarez-Koki, Ana Arias Saavedra, Afonso Becerra de Becerreá, Concha Blanco, Lino Braxe, Ramón Caride, Arturo Casas, Francisco Castro, Marta Dacosta, Xoán Carlos Domínguez Alberte, Rosa Enríquez, Estíbaliz Espinosa, Alfredo Ferreiro, Salvador García-Bodaño, Álvaro Lago, María Xosé Lamas, Rafael Lema, Siro López, Lourdes Maceiras, Tati Mancebo, Verónica Martínez Delgado, Rosa Méndez Fonte, Carlos Negro, Lucía Novas, Toño Núñez, Olga Patiño, Claudio Pato, Ana María Pérez Cerviño, David Pobra, Xavier Queipo, Baldo Ramos, Mario Regueira, Xavier Seoane, Chelo Suárez, Alberte Suras, Xulio L. Valcárcel, Diana Varela Puñal, Xosé Vázquez Pintor e Helena Villar Janeiro.

Algunhas recomendacións para a lectura:
1. Tanto en Linux canto en Windows é recomendábel usar Calibre. Con Windows 7 vai ben Adobe Digital Editions.
2. Para navegadores: a) Epubreader en Firefox funciona perfectamente (hai que instalar o addon e despois abrir o libro desde “Abrir arquivo” en “Arquivo”); b) Para Chrome recomendamos a extensión MagicScroll.

Share

‘Os libros electrónicos só supoñen un 2,5% do total dos editados en Galicia’

Héctor J. Pena: «O libro electrónico segue sen despegar en Galicia. Os popularmente coñecidos como e-books aínda representan unha porcentaxe mínima do sector editorial galego. Segundo as estimacións de Manuel Bragado, presidente da Asociación Galega de Editores (AGE) e director de Xerais, a editorial máis importante do país en volume de negocio xunto con Galaxia, os libros lanzados en formato electrónico en Galicia nos dous últimos anos son uns 250, sobre un total de 10.000, o que supón unha porcentaxe do 2,5%.

Está cifra non só está moi afastada das do país punteiro neste sector, os Estados Unidos –onde o negocio dos libros electrónicos xa representa o 8,3% da facturación total do sector e alcanzou en 2010 os 316,6 millóns de euros, rexistrando un incremento de máis dun 164% respecto ao ano anterior–, senón que tamén está por debaixo da media española –un 3%–, segundo unha estimación recollida nun informe do Observatorio da Lectura e o Libro. […]» |Vía Xornal de Galicia|

Share

Charla de Tati Mancebo sobre os eReaders nas Bibliotecas Municipais da Coruña

«Esta tarde [onte] na Biblioteca Municipal de Monte Alto tivo lugar unha charla sobre o libro electrónico e os seus dispositivos de lectura impartida por Tati Mancebo, que buscaba ilustrar aos asistentes sobre a historia e evolución do libro electrónico, os dispositivos de lectura que podemos atopar no mercado e a evolución que está a ter o sector da edición dixital, estando dispoñibles durante o evento distintos trebellos para que o público puidese probalos de primeira man, facilitando a súa futura elección de eReader.
Tati Mancebo explicou a longa vida que teñen os e-books e os distintos formatos existentes, que aínda que nun momento tendesen aos documentos PDF, na actualidade publícanse en formatos máis axeitados coma o EPUB ou o Mobipocket, aínda que este baile de formatos acompañado polo uso de tecnoloxías DRM están supor un atranco na normalización do uso de eReaders, posto que os textos que podemos adquirir non son compatibles con todos os dispositivos de lectura. Repasando os trebellos dispoñibles, Mancebo amosou as vantaxes da tecnoloxía de E Ink (destacando a súa autonomía), o reducido prezo dos lectores baseados en pantallas TFT, a posibilidade de ler no ordenador e no móbil e a forza coa que están a chegar ao mercado os tablets como dispositivos de lectura. Grazas a este repaso de hardware, parece que quedou claro que os libros electrónicos poden chegar ao público de moitos xeitos, podendo elixir cadaquén o que lles resulte máis cómodo […]» [Ler máis en Código Cero]

Share