Os desígnios da Corte

Galicia ConfidencialMaría Xesús Pato já é numerária da Real Academia Galega, o que implica ter prestado homenagem simbólica à monarquia espanhola. Lá vai uma intelectual galeguista, esquerdista, feminista e se calhar independentista absorvida polo sistema espanholizante do Estado. Lembro ter pensado antes algo similar aquando da entrada de Manuel Rivas: “Será mais um espírito galeguista e contestatário assolagado nas marismas do Sistema?”. E que podemos lembrar do affaire Ferrín, outrora símbolo vivo da atitude nacionalista mais rebelde e comprometida, que houvo de abandonar a madrigueira da espanholeira instituição arreganhando os dentes depois de ter sido acusado (explicita ou implicitamente) de beneficiar familiares com postos de trabalho, retribuição indevida e choferismo burguês?

Alfredo Ferreiro por ele próprioTenho para mim que o Sistema espanhol, a respeito destes e doutros elementos muito valiosos em multidão de aspetos artísticos e intelectuais, esfrega as mãos ao comprovar o poder atraente das atalaias institucionais que perpetuam seu poder. Escritores e escritoras, por sua parte, olham para o lado enquanto reconhecem suas debilidades de simples mortais e rogam o indulto a quem nalgum momento pensou que podiam ser heroínas.

Mas voltemos ao nomeamento recente da RAG: havia outra candidata, com mais anos, mais obra e certamente não menos feminismo às costas que ficou mais um ano abandonada na berma da autoestrada académica: María Xosé Queizán. Porque? Será que a sua atitude — atrevamo-nos a dizê-lo tudo — rigorosamente crítica com a chamada de “normativa oficial” do galego, nascida duma sorte de golpe de estado na RAG acontecido na década de 80, pudo impedir seu ascenso a esse “panteão dos vivos”. Chegados cá, não vamos restar méritos à tão reconhecida Chus Pato, mas é evidente que os méritos que o sistema vê não são aqueles para nós mais prezados.

Dirão alguns académicos que as decisões e as atividades da RAG não são sempre de seu gosto, e que os resultados do seu esforço são governados por uma fórmula por vezes injusta ou errada (cfr. homenagem ao franquista Filgueira Valverde). No entanto, como o pão dos mesmos não depende de tal vínculo institucional, por virtude do mesmo são responsáveis sem atenuantes pola espanholidade que emana, o elitismo burguês que desprende e o carácter antidemocrático que como clube representa.

Pode que quando a RAG nasceu fosse o tobo necessário de uma primária política galeguista, que mesmo a sua sobrevivência durante a ditadura fosse conveniente, mas depois de quarenta anos de castigadora pseudodemocracia é mais um baluarte do Ancien regime espanhol que debilita a nossa mais independente energia social. E nada tem a ver com aquilo que um espírito democrático e moderno -que antiga palavra!- pode hoje defender à hora de construir o futuro do país.

{Galicia Confidencial}

Share

O día en que o deserto chegou ao Premio Biblos

Este verán tivemos a honra de sermos convidados ao ditame do 8º Premio Biblos-Pazos de Galicia de novela para menores de 25 anos. A Casa Grande do Bachao florecía so o agradável sol dunha tarde de xullo, ofrecendo entre os seus mellores atributos a natureza, a arquitectura tradicional e a compañía de amigos e amantes da literatura.

Todo era harmonía aquela tarde, mais agachaba unha sorpresa inesperada: o ditame do Premio deixábao deserto. María Xosé Queizán, como membro do xurado e hipotética titora da pluma vencedora, explicou non sen pesar que a cualidade das propostas apresentadas non atinxían os mínimos que habían de dignificar un premio cunha traxectoria tan sobresaliente. Tucho Calvo, falando por Biblos Clube de Lectores, comprometeuse a divulgar máis o premio entre os menores de 25 anos.

Felizmente, a compañía, o ámbito bucólico e a cea posterior cargada de espeso ambiente artístico-literario permitiron desfrutarmos dunha velada inesquecíbel. {Máis en Biblos Clube de Lectores}

Share

María Xosé Queizán: “Volvo a estar censurada”

María Xosé Queizán, escritora e activista para a que con toda xustiza se reclama un amplo recoñecemento local e nacional, para alén do institucional, dixo estas palabras perante a nosa cámara en 2009 durante unha entrevista de 1 hora e 17 minutos por encomenda da Asociación de Escritores en Lingua Galega. Como temo que esta ampla e substanciosa entrevista, en que só importaba deixar espazo para as súas palabras, puido non ser debidamente coñecida decídome a publicitala de novo desde aquí. Para min foi un luxo escoitar na súa propia casa como naceu a súa vocación de escritora, como comezou a súa actividade literaria, en que ambiente e con que estilos e temas traballaban os autores e autoras daquela época e en xeral a descrición e fundamento da súa obra publicada até o 2009. Tamén me resultou especialmente impactante a súa xustificación dos xéneros literarios, o coñecemento da censura que padece por parte dos medios de comunicación, así como a descrición pormenorizada do seu persoal proceso de creación e a súa necesidade de actuar coa ansia sincera de mellorar o mundo. En fin, sobre a importancia do esforzo persoal e a crenza na utopía que hoxe máis do que nunca precisamos protexer.

Share

Premios Xerais 2010

Máis un ano asistimos a unha das grandes veladas literarias da Galiza. Este ano aportamos en San Simón a equipa de Algueirada sen Tati Mancebo, que houbo de ficar en Arteixo e se encarregou da monitorización da transmisión de BlogalizaTV, do chat de Facebook e do Twitter; ao leme da transmisión, como non, estivo Pedro Silva e na gravación e edición de vídeo un servidor. Mais este ano contamos cunha equipa de colaboradores de excepción: Paula Gómez del Valle (fotografía), Miriño (cámara de streaming) e Ghanito (Facebook, Twitter). O resultado foron 2,5 horas de transmisión acompañadas de chat e chíos e 19 vídeos, dos que 14 foron entrevistas improvisadas, 4 foron resumos de discursos e 1 foi unha reportaxe. Resultaron suficientes as opinións referenciadas, mais aínda así ficamos insatisfeitos pola grande cantidade de nomes que gustaríamos de ter posto perante a cámara: Mercedes Queixas, Martin Pawley, Antía Otero, Armando Requeixo, Xosé Manuel Eyré, Ramón Nicolás, Marilar Aleixandre, María Xosé Queizán, Rexina Vega, Pilar Ponte, Xurxo Sierra Veloso, Laura Caveiro, Xosé Manuel Beiras, Carlos Callón e tantas outras persoas de quen agradeceriamos saber que desexan dicir sobre os Premios Xerais e a situación actual da nosa literatura. Un saúdo a todas e parabéns para Teresa e Iolanda, as protagonistas, así como para o equipo de Xerais que con tanta profesionalidade ano após ano aposta pola nosa literatura.

Share