A Asociación de Escritoras marxinada máis unha vez

Celso Emilio Ferreiro 2012Todos sabemos a estas alturas que a falta de recursos económicos do goberno galego está a ser unha arma sibilinamente utilizada para afogar os máis activos sectores culturais. Mais en ocasións o lobo non pode evitar que asomen con descaro os seus caninos por debaixo da máscara, e a súa vontade de depredador fica ao descuberto.
O 18 de febreiro Ramón Nicolás lamentaba no seu louvábel Caderno da Crítica que nos actos anunciados para este ano de Celso Emilio Ferreiro non figurase a colaboración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, en que tantos e tantas con orgullo figuramos como socias, e que ten traballado como ningunha institución deste país pola dignificación da nosa literatura durante trinta anos. Como se isto non fose pouco, resulta especialmente triste que a súa Secretaria Xeral, Mercedes Queixas, se vexa na situación de explicar a posición da Asociación mediante un humilde mais necesario comentario no medio particular de Ramón: “Se a AELG tivese sido convidada estaría, sempre no exercicio das súas responsabilidades.”Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
O asombro chega entón a límites insospeitados, e o descaro do responsábel político de cultura mostra xa unha tonalidade de declarada guerra fría: non semella isto un desprezo en toda regra, máxime cando é coñecido que a Asociación, como non pode ser doutro modo, está a traballar en diversos proxectos na memoria da obra de Celso Emilio Ferreiro?
Prezadas amigas e amigos, esta actitude institucional dá a entender que o goberno actual non ten ningún respecto polas institucións culturais que manan do pobo, e que son na realidade o auténtico baluarte da pobre democracia que até a data neste país fomos capaces de construír. Desde a Xunta son preferidas, ao meu ver, accións que máis se asemellan a un novo feudalismo, ou se cadra á cara lavada dun caciquismo que nunca deixamos de padecer.

Share

“Língua ardente”, por Ramiro Torres

Para Mercedes Queixas e José Ramom Pichel.

Falamos numa língua
alimentada de um silêncio
a desbordar sons irrefreáveis,
estourado na sua própria luz.
Somos vértebras de um país por
fazer nos arrabaldes do coração,
vestidos com a desnudez do início
de uma estrela no fundo da garganta:
começam a voar em nós as aves
extraviadas nos músculos da beleza,
mentres sentimos o grito de um olho
aberto ferozmente no peito do mundo.
Irrompemos nesta terra desfechada
como a música húmida dos amantes
a levantarem os olhos insurrectos
do saber escrito nos corpos:
caem as sombras, perplexas,
entre os lábios da plenitude
que expande a matéria branca
do abraço inesperado
das palavras e o mundo.

Outubro de 2010.

Share

Premios Xerais 2010

Máis un ano asistimos a unha das grandes veladas literarias da Galiza. Este ano aportamos en San Simón a equipa de Algueirada sen Tati Mancebo, que houbo de ficar en Arteixo e se encarregou da monitorización da transmisión de BlogalizaTV, do chat de Facebook e do Twitter; ao leme da transmisión, como non, estivo Pedro Silva e na gravación e edición de vídeo un servidor. Mais este ano contamos cunha equipa de colaboradores de excepción: Paula Gómez del Valle (fotografía), Miriño (cámara de streaming) e Ghanito (Facebook, Twitter). O resultado foron 2,5 horas de transmisión acompañadas de chat e chíos e 19 vídeos, dos que 14 foron entrevistas improvisadas, 4 foron resumos de discursos e 1 foi unha reportaxe. Resultaron suficientes as opinións referenciadas, mais aínda así ficamos insatisfeitos pola grande cantidade de nomes que gustaríamos de ter posto perante a cámara: Mercedes Queixas, Martin Pawley, Antía Otero, Armando Requeixo, Xosé Manuel Eyré, Ramón Nicolás, Marilar Aleixandre, María Xosé Queizán, Rexina Vega, Pilar Ponte, Xurxo Sierra Veloso, Laura Caveiro, Xosé Manuel Beiras, Carlos Callón e tantas outras persoas de quen agradeceriamos saber que desexan dicir sobre os Premios Xerais e a situación actual da nosa literatura. Un saúdo a todas e parabéns para Teresa e Iolanda, as protagonistas, así como para o equipo de Xerais que con tanta profesionalidade ano após ano aposta pola nosa literatura.

Share