‘O levantador de minas’ recibe o Premio da AELG

«Estes son os gañadores dos Premios AELG 2011, fallados na Cea das Letras da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, que premian as mellores obras editadas en 2010 nas modalidades de:

Alén destas categorías, entregáronse outros dous galardóns outorgados pola Asemblea de Socios e Socias da AELG:

A velada foi memorábel polo ambiente de irmandade que se respiraba. Foron varias as reivindicacións en favor da lingua e a cultura, e non faltou a propia do Antonio Gamoneda, quen recoñeceu neste país unha moi digna e férrea vontade de consolidar a súa cultura nestes tempos tan difíciles, vontade admirábel para el e grazas á cal sente renovadas as súas ansias reivindicativas, pois comprende e apoia as nosas. Pola miña parte, ademais de recibir múltiplos parabéns e ter ocasión de corresponder a tantas e tantos de igual modo, non perdín a ocasión de recoñecer a miña admiración pola obra do Gamoneda, así como agradecerlle o ben que fala da poesía galega sempre que ten ocasión e coincidir co mestre en que o portugués Herberto Helder ben podería ser o mellor poeta vivo de Europa.

Aliás, quero agradecer a colaboración dos amigos que teñen aberto o ángulo de visión e acrecentado a calidade d’ O Levantador de minas (Tati Mancebo, Ramiro Torres, Ernesto Vázquez Souza, François Davó, José António Lozano, Pedro Casteleiro, Suso Pensado), así como as intervencións de todas as persoas que teñen fructuosamente participado con moitos e interesantes comentarios sobre os temas tratados neste blogue.

[A entrega de premios foi emitida ao vivo por Tati Mancebo]

Share

‘O pintor do sombreiro de malvas’, de Marcos Calveiro

“Camiñamos en silencio ata a casa do doutor, que non sacou a pipa da boca en todo o traxecto. Unha vez alí nin se despediu; simplemente, debuxou un aceno coa súa man antes de entrar pola cancela. Seguín camiño algo contrariado por evitar preguntarlle ao doutor cal era aquel mal que Vincent padecía e que poucos poderían apreciar no seu retrato, mais coa satisfacción de comprobar que Adeline, baixo a fina porcelana, agochaba ferro candente”. (p. 36)

O pintor do sombreiro de malvas revela desde o inicio un argumento puído e ben equilibrado. Contén unha aventura adolescente no rural, un toque da dicotomía mestre-discípulo e o desarraigo social dun xenio das artes plásticas, todo isto nun ambiente campestre que resulta coherente coa lembranza cromática que podamos conservar dos cadros de Van Gogh. A historia decorre mansamente por mesurados capítulos en que os temas son debullados con intelixente mestría emocional, atrévome a dicir que no ronsel do mellor Agustín Fernández Paz.

Se a isto acrecentamos que a lingua literaria posúe unha riqueza que favorece as descricións sen facerse demasiado mesta para un lector pouco atraído polos virtuosismos cultos, entón chegamos a unha das fórmulas do éxito co grande público. Esta solidez debería facer d’ O pintor do sombreiro de malvas un triunfo máis na feliz ambición dun autor.

Share