Silencio habitado, de Olga Patiño

Olga Patiño: «En Silencio habitado está a idealización do amor. A ensoñación dese espazo inmaterial onde un é autor/a do que acontece. É entón cando a voz lírica decide fabular partindo dunha base real ou non e chegar á carnalidade do espírito. Tamén está a respiración do “outro” (real ou imaxinario), o hálito do ti que pasa a través do eu e fala en primeira persoa. Cando hai poder no verdadeiro amor, este convértese nun estado de graza (“ferida” luminosa). Neste poemario tamén está a Patria da nenez, ese espazo onde todo estaba por chegar; onde a ollada tiña esa inocencia que embelecía ao mundo, polo que transitabas sobre unha corda de cristal irrompibel. Reivindica, por suposto, o latexar daquelas mulleres a quen a prepotencia dos covardes lles arrebatou a voz. Silencio habitado pretende ser conciencia e mirada ao mundo nun dobre plano: interno e externo. Para min este poemario( como os anteriores) é unha sorte de refuxio ante as inclemencias do mundo, un xeito de busca do instintivo, do orixinario e telúrico… É ese lugar sagrado no que te sentes a salvo neste asteroide á deriva onde reside un mundo disparatado. Silencio habitado é un tempo de encontros luminosos (reais ou fabulados)en círculos concéntricos, é un conxuro contra os espazos conxelados. Nesta percepción vital, nesta inflexión cara adentro está o tentar reafirmar a propia identidade para máis adiante rachar a conciencia pechada do eu individual e levar a cabo a aventura existencial da escrita coa fin de que a luz se adelgace para tentar que se expanda no oráculo dun océano podereoso: espazo de revelación-redención

Jose Carpenter (Epílogo): «Este poemario é un luminoso canto contra o desalentó, unha bandada de paxaros fosforescentes que sobrevoa o ocaso e que verte as súas esperanzas imprescindibeis por riba dos xardíns do medo.»

Share

“Natureza Haiku”, de Olga Patiño, Isabel Pintado e Soledad Penalta

Desde o 19 de maio e até o sábado 5 puidemos desfrutar na Atlántica Centro de Arte dunha exposición de arte polivalente. Tres discursos diversos, tres disciplinas diferentes e, ao tempo, a potencia comunicativa resultante de tres voces harmonicamente unidas. Olga Patiño ofreceu versos directos de grande calado emotivo, que esteticamente xogaban coas caligrafías corpo largo, acentuando o contraste co fondo branco; Isabel Pintado destacou polas grandes manchas de obxectos difuminados, unhas quentes e outras frías, como soños asolagados na memoria que irremediabelmente se extingue; Soledad Penalta mostrou un aceiro humanizado pola caligrafía, promovendo o contraste entre masas pesadas e formas laminares, entre o inerte e unha sorte de formas en caprichoso movimento.
Tres discursos que, se ben en parte da exposición se propoñían individualmente, como carácter conclusivo se unían nunha pequena serie de obras de factura colectiva en que as tres artistas mesturaban poesía, pintura e escultura, dando lugar a obrasque multiplicaban exponencialmente os significados.
Como guinda da exposición, a posibilidade de adquirir o libro de artista Natureza Haiku, aquel con que Espiral Maior inicia a colección “O xardín prohibido”, e que ofrece obra das tres artistas en delicadas carpetas con pezas orixinais. Unha delicia para aqueles que consideramos que a interdisciplinariedade nas obras de arte permite atinxir dimensións nunca imaxinadas.

Share