«Viaxes no scriptorium» I

Unha prosa tan aséptica como o escenario en que malamente se desenvolve Mr. Blanks.

Un narrador inquietantemente omnisciente e omnipotente que fornece moita máis información da que inicialmente promete, filmando os pensamentos do protagonista e avanzando o imprevisíbel como se xa coñecese o final da historia.

Un estilo a medio vestir, como pasa as horas Mr. Blanks, a agardar que alguén lle tenda a roupa que debe poñer ou, mellor, unha man cargada de información.

Unha escusa para describir con detalle o que nunca se conta nas novelas nin se ve nos filmes, esas pequenas cousas que, no mellor ou no peor dos casos só se albiscan nos espazos en branco e nos cambios de secuencia.

Viaxes no scriptorium pertence ao grupo dos experimentos tentadores que poucos escritores se poden permitir acometer mais, entendemos, non xustifica as case 200 páxinas polas que circula nin os 16 € que custa. O propio Auster ten declarado en máis dunha ocasión que xa escribiu as súas mellores historias porque agora ten a sensación de repetirse. Este relato podería entenderse como unha tentativa de elevar a repetición á categoría de expresión artística mais os que non leron outras das súas novelas non o entenderán e os que si o fixemos podemos ficar coa impresión de asistirmos a un xogo formalmente pulcro mais practicamente alleo á literatura, que non se xustifica cunha presa de piscadelas.

Share

Sobre a crítica literaria III

No número 1255 d’ A nosa terra Manuel Vilar ofrece unha interesante reflexión sobre este tema baixo o título “Elementos extraliterarios na crítica galega”. Reproduzo aquí a parte máis contundente da súa argumentación:

«[…] Á crítica literaria tamén cabe facerlle hoxe unha crítica. Refírome ás cuestións extraliterarias que, en ben de casos, lastran a análise das obras. Certo que as culturas sen normalizar pasan sempre por fases inevitábeis: a recolleita da base popular e oral, a asimilación (para elevalo e transformalo) do folclore, a recuperación do léxico, o despregue por todo tipo de xéneros e temáticas, etc. Son cuestións ben coñecidas de todos nós, igual que lles resultan coñecidas a irlandeses, polacos, noruegueses ou checos. Mais, asumindo o papel de cada un deses factores extraliterarios ou (aínda) non literarios, parece que chegou a hora de dar pasos máis alá.

A trinta anos da chegada da democracia e polo tanto da libre práctica e estudo da nosa cultura, Galiza conta xa con lexicógrafos, etnógrafos, historiadores sociais, etc, en número aceptábel, como para liberar dese inxente labor engadido de recolleita e análise aos propios autores de ficcións. En consecuencia, o papel do crítico non debería xa tanto o de estimar, por exemplo, o ben documentada que pode estar unha narración, senón o de xulgar a correcta imbricación dese material no conxunto do texto, así como a súa utilidade á hora de facer avanzar a obra e convertela nun xermolo capaz de medrar na mente do lector. É dicir, deberiamos trascender xa a análise dos materiais empregados, para xulgar a funcionalidade e a contribución do edificio no seu conxunto.

A comparación con outras literaturas resulta quizais oportuna: salientaríase nunha novela francesa o feito de que a súa trama xire arredor da informática, do mundo do mar ou do desemprego, por riba das calidades literarias globais do propio texto? Maioritariamente, non, aínda que tamén haxa excepcións. En Galiza, en cambio, estes casos resultan demasiado frecuentes. Cando non se enxalza o novidoso do tema, fálase do bo idioma que emprega ou da súa oportunidade política (agora xa non tanto nacionalista, como fronte-populista, feminista ou ecoloxista). Nalgún caso chega a suceder tamén o contrario: mao para o libro que non contén algunhas destas “virtudes” extraliterarias. Moito menos se apunta, nese tipo de críticas sobre o estilo, sobre a verosemellanza do narrado ou sobre a riqueza polisémica e a profundidade humana do que conta. É dicir, sobre a literatura propiamente dita. É probábel que a causa desta inercia radique no afán do crítico por ser amábel, que acaba así por facer o mesmo que aqueles que, despois de ver unha película trivial, gaban a súa boa fotografía.

Mais, a carón desta amabilidade, cómpre non perder de vista as expectativas dos actuais lectores, aos cales van dirixidas finalmente as críticas. Cando as expectativas non se cumpren, os lectores simplemente desertan e, no noso caso, resulta doado decidir cara a onde. Por iso, neste país, críticos e autores teñen tanto que esixirse a si mesmos.» (páx. 24)

Teño que dicir que estou de acordo. E aínda máis digo: son horas de enfrentar as exixencias lícitas do ámbito profesional. Iso ou pretender vender o invendíbel.

Share

Sobre a crítica literaria II

alvo.jpg

Reflectía onte Martin Pawley sobre os reparos que pode ter un crítico literario para publicar unha crítica negativa dunha obra galega. Non resulta fácil asumir que as actitudes que presupomos como consecuencia terán que ver coas relacións intestinas dos axentes do sistema literario (entendido en sentido amplo, como mercado), que en ocasións delatan valoracións asentadas en factores extraliterarios (relacións ou intereses persoais de autores, editores e críticos, por exemplo). Estas consideracións poden dificultar o traballo dun crítico literario que pretenda desenvolverse de xeito rigoroso e eficiente? Esta é cuestión que pon á vista Pawley.

Poñamos por caso que o crítico se ve na situación de falar dunha obra á que non lle atopa mérito algún, e si unha longa restra de aspectos mal focados ou recursos literarios deficientemente aproveitados. Digamos que a obra, ao seu entender, “non ten apañadoiro”. É proveitoso que se sinta incómodo porque a súa crítica poida interpretarse como vontade de chamar a atención, vinganza persoal, ou falta de respecto ao sistema literario?

Vexamos a cuestión desde outro ángulo, máis próximo a el. Cando chega ás súas mans a encomenda de facer a crítica a obra ten xa penduradas da capa varias etiquetas:

1. É unha obra literaria, pois o seu autor é un escritor.

2. É unha obra que merece publicación, pois a editorial considerou conveniente a súa publicación.

3. Até pode ser que sexa unha obra que foi galardoada cun premio, polo que pertence á fina-flor das obras dese ano.

4. É unha obra que merece ser referenciada, entre outras editadas, no medio de comunicación que ao crítico solicita o traballo.

5. Como obra literaria a súa divulgación contribúe á normalización cultural do país, e devén por isto unha das pedras basilares da nosa milenaria e doente cultura.

É nestas circunstancias que o crítico, considerando que debe converterse nun referente de opinión especializada, e que portanto ha de obedecer á sincera exploración do que a súa sensibilidade e saber lle reclaman, non sabe que facer. E resulta comprensíbel, terán que recoñecer, que ante a dúbida sobre as consecuencias e a alegría de comezar a publicar decida inclinarse por valorar aqueles aspectos máis positivos da obra, manténdose distante dos negativos, cómplice consciente da necesidade de apoiar unha literatura que loita polo seu futuro. Como el polo seu.

Mais, tamén no texto de Pawley está implícita a seguinte reflexión: unha actitude así contribúe a crear una crítica literaria estábel, rigorosa, con futuro? E esta axuda á estabilización real dun sistema literario? Nós, e intuímos que Pawley igualmente, non o cremos. Non se trata, desde logo, de que as fallas atinxan máis relevancia que os acertos; non se trata de procurar os defectos como premisa fundamental, nin de dar a entender que retorcer unha obra até que sangue durante tres mil caracteres ten máis mérito que escribila. Os críticos que tamén somos escritores sabémolo, e os críticos que merecen tal nome tamén. Trátase de que hai que respectar a opinión do crítico para que poda traballar con rigor, é dicir, comprometéndose cun criterio persoal fundamentado en afirmacións convincentes. Porque se as obras pobres non poden ser valoradas conforme os seus méritos reais, as obras boas tampouco poderán recibir a consideración que merecen. E isto é o máis lamentábel: que nos tempos que corren dunha obra meritoria poda pasar desapercibido o seu verdadeiro valor.

PS: O 24 deste mes terá lugar en Compostela a Asemblea fundacional da Sección de Crítica Literaria da AELG.

Share