O sabor do amor

Eis a miña colaboración no fermoso libro Pel con pel:

«Cando neno —miña nai contoumo moitas de veces— eu era mal comedor. Mesmo cando me daban os biberóns tiñan que abrirme a boca e apertar o teto de goma para verter alimento dentro. O leite artificial tiña chegado á miña vida para salvarme da inanición a que as mamas da miña nai me condenaban. Mais como pode ter sido isto así? Cando da primeira gravidez da nai dos meus fillos, nun curso a que ambos os dous asistimos escoitamos que a produción de leite da nai e a demanda do bebé son directamente proporcionais. Entón, como foi posíbel que os peitos da miña nai non me satisfxesen, dedicada como estaba ela integramente a criarme? Nunca cheguei a saber por que o meu programa básico de supervivencia houbo de ser suplido pola farmacopea occidental.
Estes feitos, tan comúns que mesmo os vin reiterados na crianza dos meus fillos, supoñen sen dúbida un dos grandes fracasos da modernidade. Se dar de comer é un acto que nos ilumina durante toda a vida, tanto no familiar canto no social, que valor poderá chegar a ter, entón, a alimentación corpo a corpo, a nutrición ofrecida por aquel ser que durante nove meses foi o noso cosmos particular e que inmediatamente ao frío e á luz nos proveu de calor e enerxía? Que outro sabor poderá ter o amor?»

Share

Presentamos Pel con pel en Santiago

Blogue da Editorial Galaxia: «Este domingo presentaremos en Santiago o libro Pel con pel, que recolle case que corenta fotos presentadas ao II Concurso sobre Lactación Materna que organizou Fedegalma e a Editorial Galaxia. No acto participarán algúns dos autores dos textos que acompañan a publicación. Dores Tembrás, Marta Dacosta, Begoña Caamaño, Ledicia Costas, Francisco Castro, Eduardo Estévez e Alfredo Ferreiro recitarán os seus textos escritos para o libro, no que tamén participan Xosé María Álvarez Cáccamo, Román Raña, e Yolanda Castaño

Share