“O PEN Galicia cabalga cara ao seu congreso internacional”

Santiago Jaureguizar

Galipedia (2009)

Santiago Jaureguizar: «[…] O escritor compostelán Suso de Toro protestaba a semana pasada en Twitter por non figurar na Lista de Bos Aires, que é como se coñece aos escritores, editores e adxuntos que van representar a a Santiago na feira do libro da capital arxentina. Queixábase De Toro por non ser convocado cando non hai moitos que teñan escrito tanto sobre a cidade. Vou opinar sen ironía: leva toda a razón. Poucos escribiron tanto sobre Compostela. O novelista en excendencia non tardou en darse un cariño noutro ‘tuit’: «O Concello quere que vaia, intentarei solución». Martiño Noriega dispón de varias prazas. Read More

Share

Carta aberta a Luís González Tosar

centro pen galicia«Diríxome a vostede despois de ter lido os comentarios que fai sobre min nunha entrevista que lle dedica César Lorenzo Gil no blogue Biosbardia. Como observo que semella non ter entendido as miñas pretensións ou non poder evitar tirar conclusións inxustificadas, tentarei explicarlle con máis clareza algúns extremos.

En primeiro lugar, se interpreto que o seu Centro Pen Galicia semella ser unha asociación de funcionamento opaco non é unicamente polas razóns evidentes anteriormente citadas (“[…] non existe un modo claro de chegar a saber quen pertence a el, nin quen forma a súa directiva, nin cando se renova esta, nin que obxectivos ten, nin de que recursos dispón […]”), senón tamén pola información de primeira man que me facilitou un socio do Centro Pen Galicia: Xavier Alcalá. Efectivamente, el me relatou como reclamou sen éxito a lista de socios do Pen antes de que se pechase o tempo estipulado para presentar canditaturas, e como tamén pediu que lle confirmasen documentalmente os cargos das persoas que convocaban as eleccións á presidencia, e mesmo de como solicitou os estatutos do club, todo isto sen ningún éxito a día de hoxe, por moito que o teña solicitado por email primeiro e por burofax despois. Se isto non é ser opaco, señor Tosar, entón até o Monte Pindo é transparente. Read More

Share

“Affaire” Centro Pen Galicia: comunicado da AELG

Comunicado da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega
3/3/2016

Á vista das declaracións públicas difundidas nestes días en que se nomea e verten opinións atribuídas á AELG, o seu Consello Directivo quere facer constar o seguinte:

1. É norma da AELG manifestarse co seu proxecto de traballo e plan concreto de actuación no día a día, perante a súa base asociativa mediante comunicación persoal e directa, e á sociedade global a través das novas tecnoloxías e medios de comunicación, así como dar conta anualmente nas súas asembleas do traballo feito e do estado de contas que sempre foron públicas.

2. Agradecemos os artigos nos que a  AELG ten sido citada en positivo polo seu facer e proceder e nos que, asemade, se evidencia a desproporción entre o traballo colectivo desenvolvido por esta entidade na defensa e promoción do sistema literario galego e as desiguais achegas das diversas institucións públicas do país, fortemente minguadas nos últimos anos, pois non faltan á verdade.

3. Aínda que lle son demandadas, a AELG nunca entrou nin entrará a avaliar as opinións expresadas polos seus máis de catrocentos asociados e asociadas, que entendemos que fan públicas no exercicio da liberdade de expresión cuxa defensa é a razón de ser da AELG.

{AELG}

Nota: Cfr. «Luís González Tosar: “No Congreso de Ourense do Pen Internacional, o mundo coñecerá a cultura galega sen tutelas”»; “Chafallada no Centro Pen de Galicia”; «No reino de Dinamarca»; “A directiva do Pen Club de Galicia pecha o prazo de presentación de candidaturas á súa renovación sen facilitar o listado de socios”; «Por que calamos @s escritor@s?».

Share

“Chafallada no Centro Pen de Galicia”

centro pen galiciaLaduda.net continua interessada por descobrir as incoerências do Centro Pen Galicia. O mistério maior, para mim, é o terrível silêncio que apresa a maior parte da intelectualidade deste país. Hoje, Luís González Tosar ataca-me desde a página Biosbardia sem que ninguém me tenha contactado sequer para me avisar. Enquanto preparo uma contestação apropriada, referencio agora este artigo de há três dias já que por agora o senhor Tosar não se molestou em discutir.

«O MONO SAPIENS / Non son mico de moito falar. Pero o que ven sucedendo no Centro Pen Galicia, delegación no país do Pen Club Internacional, merece un par de toques serios, porque amosa de maneira moi nítida e evidente o que segue a ser este país de trapalladas, enchufados e inmundicias.

A semana pasada celebráronse eleccións para renovar a xunta directiva do organismo, que leva máis de vinte anos dirixida por Luis González Tosar, poeta arrimado ao poder desde os tempos de Manuel Fraga, xa finado, na presidencia da Xunta; e de Xesús Pérez Varela, ideólogo da Cidade da Cultura nos seus tempos de conselleiro, e hoxe fuxido, refuxiado ou retirado, vaia vostede a saber, nas lonxanas terras de Ecuador.

Ao que imos. As eleccións no Pen Clube galego están cheas de irregularidades, contrastadas por este primate con varios socios do mesmo […]». {Ler mais em Chafallada no Centro Pen de Galicia}

Share

“Os nosos escritores coñecen outras gastronomías”

Galipedia (2009)Santiago Jaureguizar: «[…] Unha noite de néboa camiñaba por Santiago. Para ver Eyes wide shut nun cinema tivera que desprazarme dende Lugo á capital. Cruzaba Praterías en dirección ao aparcadoiro, cando se me atravesou unha figura alta vestida de negro, cun sombreiro milanés do século XVIII e a cara escondida por unha máscara de antroido veneciano tan cursi como todas as máscaras venecianas. O intruso anuncioume: «Imos convidalo a entrar no Pen Club. As intrucións están neste sobre, pero non o abra ata chegar a Lugo».
Eyes wide shut é un suxestivo filme de Stanley Kubrick, un director que pasou á historia por 2001. Unha odisea no espazo, unha película capaz de ralentizar unha dixestión. Pero non lembrei o acontecido en Praterías por ese filme, senón polo blog O Levantador de Minas, de Alfredo Ferreiro. As persoas intelixentes e que transpiran lecturas, como Alfredo, fascínanme tanto como os aparecidos ou as sociedades clandestinas. O pasado luns linlle a entrada Por que calamos @s escritor@s? a respecto do Congreso Internacional de Escritores que está preparando o Pen Galicia en Ourense para outubro.
A Ferreiro espértalle pouco entusiamo o Pen galego. Escribiu que «polo que teño ouvido, son menos de cen membros, mais non coñezo ningún sitio onde poder consultalo na web. É,polo que parece, un clube moi apoiado institucionalmente, mais de funcionamento opaco e caprichoso». Buf! Gústame esta valentía. Non podo dicir se concordo porque ignoro a oferta de actividades e tarxetas de descontos que ten o Pen Club.
Érase unha vez nun país lonxano que un señor escuro con sombreiro milanés, como os que saen en Eyes wide shut, deume un sobre para facerme membro. Metíno nun exemplar de Myron, de Gore Vidal en Grijalbo. Levábao na man e debeu de esvarar entre as páxinas de camiño ao aparcadoiro de Xoán XXIII, onde tiña o coche, ou foi unha ensoñación tras saír do cinema en Compostela. A descrición do Pen Galicia como organización penumbrosa animoume a pedir novamente o formulario, aínda que advirte Alberto Ferreiro de que é «un club selecto no que soamente se entra por convite dunha elite de socios».
Leo nese mesmo artigo de O Levantador que a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) caracterizase polo «asamblearismo» e a «transparencia». Nada máis soporífero que un club ao que pode pertencer calquera e que informa de cada actividade que fai. Tan aburrido como 2001, unha odisea no espazo. Fun socio da AELG e coñecer as súas actividades alentoume a deixar de selo.

[…] O mércores informeime de que imos enviar unha remesa de 25 escritores á Feira Internacional do Libro de Bos Aires, que estará dedicada a Santiago de Compostela. Paréceme gratificante mandar os nosos autores a coñecer sabrosas gastronomías e participar en exultantes xogos florais. Os lectores bonaerenses formarán longas colas de lagartixa para conseguir libros en galego dedicados polos nosas figuras literarias. Con todo, non deixo de preguntarme —e de preguntar a Anxo Lorenzo— se unha oficina de tradución non sería máis eficaz para internacionalizar a nosa literatura.

[…] Cando había dous partidos compartindo San Caetano, os socios do Pen queixábanse en privado da «comprensión institucional» que recibía a AELG. A diverxencia entre o Pen e a AELG ten as trazas de Vella Política e Nova Política; entre organización de cadros e organización de masas, que dicíamos nos 80. En ambos os modelos hai unha elite dominante coa inercia para permanecer; como en calquera actividade humana, nada excepcional nin indignante.
Os dez debates que mantiveron Gore Vidal e William Buckley soamente lles permitiron chegar a un acordo: odiábanse. O rancor duroulles en vida e no alén. Cando morreu Buckley, en 2008, Vidal despediuno escribindo que desexaba que ardese no «inferno», pero confesaba que a chegada do seu rival farío «un lugar máis divertido». A ningún dos dous lles faltaba o sentido do humor, unha virtude tan ausente nas nosas elites intelectuais.»

Share

“A directiva do Pen Club de Galicia pecha o prazo de presentación de candidaturas á súa renovación sen facilitar o listado de socios”

Pen Club de Galicia

«LD / A directiva do Pen Club de Galicia, centro galego do Pen Clube Internacional, pechará o luns ás doce do mediodía o prazo para presentar candidaturas á executiva da asociación sen facilitar aos membros da organización o listado de socios. De tal xeito, a actual directiva, que preside o poeta Luis González Tosar, poderá presentar una única lista sen oposición algunha.

Varios membros do clube dirixíronse á presidencia para solicitar o listado de asociados e poder así conformar unha candidatura alternativa, denunciando que é a primeira vez que se celebran eleccións en máis de vinte anos cando os estatutos do clube establecen que debe habelas cada catro anos.

A directiva actual ten como secretario a Armando Requeixo, e na dirección da rama galega do Pen figura Xavier Castro. A sede do organismo está na Casa da Parra, en Santiago, nun inmoble propiedade da Xunta de Galicia ao que foi enviado un burofax esixindo o listado de socios, que foi rexeitado por dúas veces. Os membros discrepantes consultados por La Duda insisten en que adoptarán as medidas legais oportunas para impugnar un proceso electoral que consideran “ilegal” […]».

Ler mais em: A directiva do Pen Club de Galicia pecha o prazo de presentación de candidaturas á súa renovación sen facilitar o listado de socios – La Duda

Share
PEN Galicia en Ourense

Por que calamos @s escritor@s?

centropen_congresointernacionalLeo en La Región que un congreso do Pen Internacional reunirá máis de douscentos escritores de todo o mundo en Ourense no próximo outono. E non dou crédito.

Non teño nada en contra do Centro Pen Galicia, que nunca nada me pediu nin eu a el me presentei, nin contra contra a súa directiva, que nada me debe e ningún mal me fixo. Mais, se ben me alegro de que en Ourense se vaia celebrar un fastuoso evento literario, que aplaudo con vehemencia, outras consideracións, por comparación, me amargan a festa. Polo que creo saber, o Centro Pen é un clube selecto ao que só se entra por convite dunha elite de socios e non mediante un procedemento democrático aberto a todos os cidadáns; que recibe importantes apoios financeiros dos gobernos para eventos e publicacións nunha época de inanición cultural; e que non existe un modo claro de chegar a saber quen pertence a el, nin quen forma a súa directiva, nin cando se renova esta, nin que obxectivos ten, nin de que recursos dispón. Polo que teño ouvido, son menos de 100 membros, mais non coñezo ningún sitio onde poder consultalo na web. É, polo que parece, un clube moi apoiado institucionalmente mais de funcionamento opaco e caprichoso.

Polo contrario, os que pertencemos á Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e nos preocupamos por saber do seu funcionamento, sabemos que é unha organización asemblearia que informa puntualmente todos os socios das súas contas e actividades, que convoca periodicamente e conforme os estatutos as pertinentes votacións para mudar a directiva e que dispón dun procedemento debidamente publicitado para que todas as cidadás calculen se serán admitidas no seu seo mediante requisitos obxectivos. Como resulta evidente, inviste unha parte importante dos seus recursos en divulgar as actividades da asociación así como as dos seus membros, con clara vontade de transparencia perante as súas máis de 400 soci@s. Se o cidadán quere coñecer os seus obxectivos e actividades só ten que acudir á súa web e á súa axenda cultural. No entanto, a AELG cada ano que pasa ve mais minguadas as axudas do goberno autonómico, e navega como pode nunha crise que, como xa imos vendo na política de todo o Estado Español, deixa coxos uns e leva en andas outros.

Dicía que non daba crédito a esta situación, e isto é debido a un silencio abafante perante o que semella un moi inxusto reparto dos recursos. Existindo neste pequeno país tantos escritores comprometidos, ecuánimes plumas sempre ávidas para a denuncia, espíritos incorruptíbeis perante o poder, paladíns das causas humanitarias e, na inmensa maioría dos casos, funcionarios ou traballadores que non arriscan o pan con manifestos políticos e protestas públicas, por que calan se saben moito máis ca min daquilo que calquera pode intuír? Será que somos mais mundanos e vaidosos os escritores galegos do que se recoñece, e que no fondo só ansiamos que nos conviden ao mellor evento do ano? Lembro, non hai moito, un día en que non puiden calar, porque me tocou de perto, perante unha deplorábel antoloxía de poesía galega en castelán. Cando non puiden máis, falei aínda que todo o mundo calaba. Só dúas persoas se dirixiron a min: unha, para desculpar os erros do antologador de orixe galega mais de perspectiva mesetaria; outra, para darme a razón, só en privado, pousando a súa man agridoce no meu ombro. Lembro tamén cando Agustín Fernández Paz rexeitou o Premio da Cultura Galega; aí sentín que se aínda existía o meu pobo era por persoas así.

Día tras día vexo como @s mais ousad@s do sistema literario se comprometen con causa xustificada e erguen bandeiras vellas e novas contra a inxustiza. Mais por que, na discriminación que semella sufrir a AELG, calan perante a invisibilización da maioría democrática do seu gremio? Por que baixan as orellas perante o desprezo da súa asociación profesional mentres ven como un clube privado se beneficia de modo se cadra opaco dos recursos públicos? Consenten? Entón todo ben está, e o rei camiña nu mentres todos lle louvamos o traxe.

Estou certo de que estes comentarios meus molestarán a uns, se cadra mesmo a amigos meus, e que outros, como noutra ocasión, tal vez me aplaudirán en privado. Mais as miñas preguntas, se esta situación de pasividade e incerta dignidade se confirma, continuarán cravadas como unha espiña que ninguén quixo extraer, algo incómodo que periodicamente nos increpará en voz baixa frases como estas: “Por que calamos os escritores?”, ou “Con esta atitude, que futuro nos espera?”.

{Praza Pública}

Nota: No cartaz oficial acima pode observar-se alguma gralha.

Share