Galiza, o auténtico enigma histórico

Mapa político do Noroeste da Península Ibérica no ano 891, durante o reinado de Afonso III.«A Historia da Galiza medieval é a historia dun roubo. E non me refiro ao recente latrocinio do Códice Calixtino, do cal celebro conservarmos todos os seus contidos en facsímiles e edicións eruditas, algo moito máis relevante que o antigo coiro que os contén. Refírome ao roubo que supón escribir a Historia de tal modo que un reino multisecular fique sepultado por toneladas de estudos académicos máis comprometidos coa erección dunha nación aveseira do que coa verdade histórica máis elemental.

Un reino roubado ao seu pobo e unha nación ocultada polos programas escolares obrigatorios do Estado se non nos preocupamos por revelar a grandeza histórica do noso país. A grandeza que algúns dos nosos paisanos quixeron e queren desprezar. Mais caian os viles nas súas vilezas, ignorantes para quen desexo que o seu miserábel deus os provea da luz que lles nega e que así coñezan que lonxe camiñan da felicidade natural de amar o propio.

Claudio Sánchez Albornoz considerou España “un enigma histórico” e uniu o autenticamente “español” á prominencia de Castela por sobre todas as outras realidades político-económicas do medievo. E con este absurdo ocultou que o auténtico enigma é a Historia medieval da Galiza. Moitas son, con efecto, as cuestións que están a ser revisadas […]» {Ler todo o artigo en Galiza, o auténtico enigma histórico – Praza Pública}

Share

1.600 anos do nacemento do Reino da Galiza

A Nosa Terra: «Nos últimos tempos, o Reino Suevo foi obxecto de numerosos estudos, suscitando un gran interese e a arqueoloxía está fornecer numerosos datos contribuíndo a revisar e recompoñer por fin un panorama da cultura material da Antigüidade Tardía e a Idade Media desta civilización en terras galegas.

Por esa razón, e coincidindo co 1600 cabodano da fundación do Reino de Galicia, o Concello de Pontevedra creou este Congreso deseñado como un foro para a reflexión, a posta en común e a divulgación, dunha parte da Historia de Galicia que se desenvolve no Pazo de Congresos da cidade dende este martes e até o 8 de outubro.

Coñecer os estudos sobre a Antigüidade Tardía en Galiza e concretamente sobre o Reino Suevo, a creación dun marco para a exposición e a divulgación dos resultados das investigacións máis recentes; o estabelecemento dun foro de debate, e de intercambio de novas, datos, métodos e iniciativas investigadoras; e o fomento do estudo do Reino Suevo son os obxectivos deste congreso no que se coñecerán datos históricos, económicos, políticos, sociais e culturais desta civilización que xurdiu nun momento indeterminado entre os anos 410 e 411, cando o rei suevo Hermerico e o seu pobo asentouse na provincia romana de Gallaecia.

Daquela fundou un reino independente do poder de Roma, que perdurou como tal ata o ano 585, cando foi anexionado polo rei Leovixildo ao veciño reino Visigodo.

Os 175 anos que durou este período histórico, foron fundamentais na historia de Galiza. Nesta época consolídouse e expandese o cristianismo e puxéronse os alicerces da organización da Igrexa, na que se estende o monacato e os mosteiros, e na que floreceu unha cultura escrita sen comparación no mundo latino.»

Share