Salman Rushdie opina sobre a rede como tantos sobre fútbol?

Salman Rushdie: «[…] Creo que o abanico de voces que poden falar en todos estes medios é bastante reducido. Claro que en Internet calquera pode dicir calquera cousa, pero creo que a Red aínda se atopa na súa infancia, e neste período moito do que un se atopa é tan só lixo. Mal escrito, mal pensado e, por suposto, nada documentado: como podes escribilo, falo. Quizá isto sexa unha fase temporal e necesitemos unha segunda fase na que as cousas non só estean mellor escritas, senón pensadas, con máis coñecementos, da mesma forma na que funcionan os medios tradicionais. Por suposto, temos periódicos-lixo e sempre os haberá, e iso tamén existirá en Internet, pero ese non é realmente o problema. O que agora mesmo non existe é o suficiente control de calidade, pero iso é unha cuestión de tempo. […]» (Ler completo en La Voz de Galicia)

Por que crerá Rushdie que o abano de voces da rede é reducido? Por que cre que nos medios convencionais non opina calquera, non están saturados de lixo ou non mostran aínda máis intereses sectarios debido á sua vinculación tradicional con negocios concretos? Por que opina que nos medios convencionais se escribe e se pensa mellor e todo está documentado? O feito de que sexa barato publicar e que por iso haxa moitos espazos utilizados polo vulgo, como os diarios persoais e outras páxinas que serven para as relacións a distancia, pode ser unha crítica da calidade dos contidos da rede? Por que interpreta que a internet, ese lugar onde el navega para documentarse, é algo así como unha Enciclopedia Británica escrita por torpes ou inconscientes? Por que critica a rede como MEDIO cando non é máis que un ESPAZO? Pode ter alguén control sobre o espazo total da edicións impresas ou sobre os discursos orais do mundo? Foi controlada a calidade das edicións de autor publicadas por capricho ou a de todo o que se leva informado en papel sen a debida documentación? E por que se atreve un home da súa talla intelectual a falar de internet con tal descoñecemento do tema? Quen se inhibiu de facerlle o control de calidade ao seu discurso? Desde logo o medio non o fixo —probabelmente tampouco o pretendía—, aínda que se trataba da prensa tradicional.

Share