Que Coruña queremos?

Torre de Hércules - Gravado antigo

Francisco Rodríguez: «A exposición sobre “Alfonso IX e A Coruña”, organizada pola Alcaldía desta cidade, co gallo dos 800 anos da concesión do foro, considéraa ubicada no reino de León. O comisario da exposición, Señor López Alsina, fala de Fernando II e de Afonso IX como reis de León exclusivamente, embora teña que recoñecer que o afán urbanizador deste último estaba centrado na costa galega. Non só A Coruña, senón Viveiro, Ferrol, Betanzos, Baiona… entre outras.

Como é posíbel seguir negando a verdade histórica, con diñeiro público de Galiza?. O propio Afonso IX era de lingua galego-portuguesa, e estaba estreitamente vinculado á nobreza dos reinos de Galiza e Portugal, incluído o seu matrimonio coa portuguesa Tareixa. Finou na Galiza e está enterrado en Santiago, cidade onde, por certo, fixo a carta da concesión do foro á Coruña, usando o latín, como era normal entón para esta función. A maior parte dos documentos do seu reinado foron emitidos en distintos lugares da xeografía galega, onde tiña o centro da súa actividade política. Preocupouse de que as súas fillas, Sancha e Dulce, foran educadas no noso país. O rei ficaría abraiado de tanta ocultación e suplantación. Tampouco compartiría que o colocasen nunha liña dinástica común cos reis de Castela. Xa Vicetto advertiu que, como rei de Galiza, tería que ser considerado Afonso VIII, non IX. […]» (AS-PG)

Camilo Franco: «Na Coruña hai frases de escritores sobre a cidade. As dos galegos en galego, as dos casteláns en castelán. Defoe non escribiu en ningún dos dous idiomas. Pero a súa cita está en castelán.» (La Voz de Galicia)

Estas foron accións culturais que debían servir para ilustrar o cidadán e que algúns observamos estrañados. A que se deben estas intervencións nunha época en que supuñamos a dignificarse a cultura da Coruña? As neuronas traballaron até que imaxinaron o por que, logo constatado: estes eventos non dependeron da Concellaría de Cultura, senón dunha alcaldía entregada ao recoñecemento da Torre como patrimonio da humanidade. Unha alcaldía que pretende, sen máis sensibilidade que a precedente, divulgar no mundo os méritos singulares desta cidade e deste país.

Que Coruña queremos? A resposta é fácil: unha Coruña gobernada por xente con cultura.

Share

“A literatura galega ante o mundo”, unha proposta de debate

Tentamos agora pasar a limpo as ideas até agora expostas para promover “unha auténtica discusión sobre a planificación da proxección exterior da cultura galega” (Arturo Casas). Vaiamos por partes:

1. Urxe a creación dun debate sobre as razóns que converxen para que a literatura galega careza “dun espazo propio e definido na cartografía dos comparatistas de prestixio e nas dos máis reputados historiadores das literaturas europeas ou da literatura europea como entidade, sexa isto o que for” (Arturo Casas).

2. No contexto das operacións mediáticas de Madrid, debemos ter presente o funcionamento dos centros ideolóxicos (Arturo Casas). A cuestión talvez sexa que non temos creado o noso centro. E non imos poder ofrecer unha imaxe nítida (a única válida) no exterior se o noso centro permanece difuso.

3. Acontece que o que até agora tivemos polo noso centro non pasou dun falarmos “de portas adentro” (Arturo Casas). “Carecemos dunha estratexia de país para dar a coñecer a nosa lingua e a nosa literatura no mundo. Artellala en man común (coas achegas e xenerosidade de todos) sería a mellor lección que podemos tirar desta “polémica Steiner”” (Manuel Bragado). O que demostra que non só estamos na periferia por ausencia de centro, senón que temos unha actitude periférica que impide os nosos produtos seren recoñecidos como de calidade.

4. Debemos tomar aquelas “decisións adiadas durante excesivo tempo por institucións, medios e gobernos: como identificarse e autorrepresentarse?, como proxectarse e dialogar coas representacións que as outras culturas fan de nós?, como xestionar o noso desigual legado cultural e literario (da Idade Media ao século XIX) e a excelente hora presente (séculos XX e XXI)?, como convencer(nos) de que tras o hiato histórico de séculos seguimos sendo nós e somos tamén outros?, que interlocutores elixirmos?, que medios?, como dialogar coa Galiza que non se identifica con esa tradición?” (Arturo Casas). Sen dúbida, responder estas incógnitas é que realmente nos colocaría nunha posición en que a literatura galega irradiase luz propia.

5. Como proposta máis clara para suplir as necesidades de imaxe Arturo Casas defende a creación “dunha entidade de proxección exterior como a comprometida repetidas veces. Un Instituto/Centro/ Rosalía de Castro ou como se decida chamalo. É inadiábel.” E eu acrecento: tamén plataformas de traballo organizado que den corpo ao noso propio centro de identificación, creación e aprimoramento literario. Porque como afirma Casas “a carencia fundamental no noso caso é social e política”.

6. “Non hai solucións a curto prazo no mundo globalizado pero é moi importante ver o que funciona e o que non funciona nese marco. Facer unha análise seria e técnica de todo iso e logo intervir mediante unha planificación e unha estratexia técnica e política de prazos medios. As traducións, a procura de novos círculos de correlación con determinadas culturas e determinados colectivos (as culturas de sempre e outras, os colectivos de sempre e outros) e a rede serían para min os fundamentos básicos do avance que arelamos” (Arturo Casas). Non temos unha rede xa de comunicación complexa que funciona como caldo de cultivo en que as necesidades de actualización cultural resultan resaltadas? Somos un país pequeno, e este facto neste caso resulta beneficioso. Somos varios os que cremos que a constitución de redes sociais apoiadas nos espazos virtuais son máis factíbeis na Galiza que noutros países como, por exemplo, Cataluña. O feito de estar comezando a erguernos tamén opera ao noso favor, no sentido de que son menos as dinámicas negativas arraigadas. En termos optimistas, temos todas as “oportunidades de mellora” agardando por nós. Só é preciso comprometérmonos cunha organización eficiente dos recursos.

Share

A Portugal e volta no día. Un testemuño confuso

7:15 – Saímos de Arteixo con dirección Ikea-Matosinhos.

10:30 – Em Matosinhos dizemos “Bom dia” para sermos atendidos a partir dai sempre em portunhol. Não se trata de que pagamos em pesetas, é o nosso perfume “Eau d’ Espagne” que nos delata. É mesmo antes de nós dizer qualquer coisa. Qualquer coisa… “espanhola” como “precisaba era saber em que corredor podia achar…” com sotaque NÃO português (e se calhar demasiado libresco para uma loja de prêt-à-fugir). Compramos às pressas, carregamos a carrinha.

18:00 – Voltamos. Na área de serviço de Viana do Castelo adquiro o Diário de notícias de quarta feira e leio a única referência a livros: um sobre a menina Madeleine Mc Cann consegue não sei quantos milhares de vendas. Também figuram 80 vagas para portugueses estudarem medicina na USC. De resto, novos conflitos bélicos e grandes fortunas dos actores e actrizes americanos: uma possue uma cidade, outro uma ilha na Polinésia…

19:30 – Ultrapassamos a “fronteira” a lembrar as antigas alfândegas e entramos em ESPANHA: “Boa tarde”, dicimos, para nos responderen “Buenas tardes” e “Gracias” durante todo o traxecto xa até a última portaxe da autoestrada da Coruña. Durante o percurso polo perímetro de Vigo a derradeira locutora portuguesa desaparece nun ruído de melgas para ser engolida por unha outra que fala en “castelán do país”. Mudo para a Radio Galega e penso que esta vez me sentín máis extranxeiro en Portugal que nunca talvez porque agardaba máis do que recibía nas mesmas situacións cando en pequeniño era usuario do Roteiro Campista que cada ano compraban o papá e a mamá para viaxarmos ao Porto, Vila Real, Braga, Lisboa, Coimbra, Setúbal, Faro, Amarante, Viseu, Nazaré… —lembro a banda desenhada da Pantera Rosa que eu mercaba: “Eu chamo-me Rosado…” Lindas lembranzas de quen descobría o propio no alleo como se un tesouro sempre á vista dos cegos estivese: Várzea, lía mentres pensaba que a miña Barcia era mellor escrita con V, Carrazedo, perigo, com licença, Ó minha senhora: podia guardar a minha loiça enquanto eu for à casa de banho? (óstia, que ben falan os putos en Portugal; os nosos, en troca, semellan todos do monte!), etc. Read More

Share

Eu tamén adherín o manifesto Galeusca

A Asociación de Escritores en Lingua Galega, como integrante da Federación de Asociacións de Escritores “Galeusca”, da que tamén forman parte a Associació d’Escriptors en Llengua Catalana e a Euskal Idazleen Elkartea (Asociación de Escritores Vascos), emitiu a 11 de xullo un manifesto que pretende saír ao paso do discurso pretendidamente homoxeneizador e centralista que subxace no “Manifiesto por la lengua común”, de Savater e diversos convictos e exconvictos.

Eu tamén adherín tal manifesto, e teño que confesar que me sorprende a escasa reacción até o momento desde o Blogomillo ante unha proposta tan facilmente asumíbel por creadores e defensores da cultura. Algunhas excepcións que atopei son Xesús Manuel Marcos, Marcos Valcárcel, Manuel Bragado, Marta Dacosta e Xosé Manuel Eiré.

A. F.

Revisión 19/07/2008: Acrecentamos á listaxe de adhesións expresas en blogues a de Francisco Castiñeira.

Revisión 20/07/2008: Manuel Bragado (reincidindo), Mario Regueira, Marcos Calveiro, Manuel Lôpez Rodrígues.

Share