Gustavo Pernas e Rubén Ruibal: “Non lle damos medo ao poder”

Gustavo Pernas: […]Eu escoito o da rebaixa dun 44% [en Industrias Culturais] e non me parece aceptable que o asumamos con resignación, máis aínda cando aí temos o que nos vai custar Ratzinger. A falta de política cultural do Goberno escúsana coa crise, e así desartellan un pouco máis a cultura. […] Xuntármonos os diferentes sectores sería fundamental. Hai pouco, un enxeñeiro alemán falounos dos recurtes no seu país. Dicía que é doado rebaixar na cultura porque noutros sectores hai lobbies que amalgaman a xente, pero a cultura está individualizada entre creadores e pequenos colectivos. Non hai nada que lle dea medo ao poder. E o noso esparexemento, a falta dun tecido cultural, é maior. […] O ano de Medidas preventivas levei tres premios seguidos e iso serviu para que non nos desen subvención. Aquilo lembroume o impaís de Xaquín Marín, co pé tripando na xente. Ao contrario, eu penso que se algo caracteriza á dereita gobernante é unha certa indiferenza coa cultura. Cando o Bloque estaba na consellería non era indiferenza, era que supetamente adoptaron unha política neoliberal, superburocratizada, cuns prexuízos tales que, ante calquera discrepancia, tiñas o perigo de ser claramente censurado. É dicir, a indiferenza o que leva é a que non haxa tanta persecución por tras… En plan “eses con catro pesos apáñanse”. […]

Rubén Ruibal: […] Eu en dúas tardes que botei na feira do libro da Coruña vino ben. Chega a tal extremo a separación entre xéneros que primeiro entraron os novelistas á presentación dunha novela; saíron os novelistas e entraron os poetas, e ao final entraron os coruñesistas que non len novela nin poesía. Iso é así. […] O que publicou agora Biblos [A néboa amarela, con César Candelas] mandeino a outras editoriais e dixéronme “teatro non imos publicar porque…”. Hai que botarlle peito e montar unha compañía para facer os teus textos, como Gustavo. […] Co dos premios seguimos nos anos 90. Agora nos Cunqueiro xa nin é obrigado publicar o texto; din “poderá publicar”. Antes era obrigatorio, pero coa miña intelixencia fixen que mudasen as bases… […] O deseño actual do que eran os premios nacionais é unha mostra máis do que queren facer. Queren derrubar. É unha consellería de demolición, a intención é esa, pero hano ter difícil. Cando as cousas se poñan chungas, a xente vaise mover.

Vía “Non lle damos medo ao poder”, por Óscar Iglesias · ELPAÍS.com.

Recomendamos tamén: Un recorte “humillante” | Galicia Hoxe.

Share

Algunhas recomendacións estivais

«O son de cada pisada dada naqueles corredores atormentaba os tímpanos coa intensidade dunha cazolada. Como podía un corpo de area provocar aquel estrondo? As estruturas metálicas da prisión ameazaban con virse abaixo lanzando Mario ao baleiro no medio da ferralla. Os funcionarios, afeitos ao ruído metalúrxico, avanzaban inexpresivos.

No amplo comedor ninguén mirou para Mario pero el sentiuse observado como un aprendiz de artista porno.»

A trenza é un romance de intensidade psicolóxica nun marco de reflexión sobre as complexas redes en que a sociedade nos capta, na ineludíbel fórmula universal da acción e a reacción, da elección e a responsabilidade sobre o propio e o alleo. Porque nada do que os outros fan deixa de afectarnos, porque nada do que facemos deixa de ter transcendencia.

Tres merlos brancos é o volume que contén as narracións premiadas nas tres últimas edicións do Certame Manuel Murguía de Arteixo (XV-XVII), convocante desde 1991. Neste caso ofrece os relatos de Xesús Manuel Marcos (Caída da folla), Miriam Rodríguez (Mentres espero) e Alva Martínez Teixeiro (Un domingo amarelo para dentro).

O Morgado de Fafe em Lisboa e O Morgado de Fafe Amoroso son dúas pezas de teatro dun dos maiores escritores ibéricos do século XIX, agora introducidas e editadas por Carlos Paulo Martínez Pereiro para a Biblioteca-Arquivo teatral “Francisco Pillado Maior”da Universidade da Coruña: «Pode-se afirmar que as duas peças protagonizadas pelo Morgado de Fafe posuem tanto o processo de crescimento, como o potencial de actualização que dão vida intemporal e acompanham os textos ‘clássicos’, pois, atacando as bases do próprio (e duplo) fingimento dramático como mostram as repetidas alusões distanciadoras ao próprio teatro ante o exagero de atitudes e situações, sáo muito mais -e já não seria pouco- do que típicas farsas que não visam mais que fazer rir pela típica tromperie bouffonnne

Os alimentos terresteres e Os novos alimentos, de André Gide, agora introducido e traducido polo poeta do verso narrativo (e non prosaico) máis polido das letras actuais, implica unha lectura dun calado raro na edición galega. É talvez un caso como o precedente, no sentido de que ofrece a pluma dun autor invulgar como poucos, e xenial como moitos menos: «Tira do meu libro; di que só é unha ds mil posturas posibles ante a vida. Busca a túa. Non fagas o que alguén tería feito tan ben coma ti, e escrito tan ben coma ti, non o escribas. Sinte apego nada máis que por aquilo que só está en ti mesmo e en ningunha outra parte, e crea de ti, con impaciencia ou con paciencia, ah!o máis insustituible dos seres.»

Aire negro, de Agustín Fernández Paz, é un dos éxitos de novela da modernidade, como traduce esta 13ª edición, revisada polo mesmo autor. Narración con fantasía e terror, inclúe o amor tamén na corda bamba dunha intriga tensa que só no final permite ao lector que recupere o alento. Unha mostra máis do talento de Agustín, na mellor utilización dos recursos emotivos do discurso literario.

A verdade como mal menor, de Xosé Luís Martínez Pereiro, é o título dun conxunto de cuarenta e cinco relatos co que venceu o Premio Repsol 2008. Textos que pretenden unha focaxe tanxencial sobre o mundo, non só polo que supón arrimarse aos xéneros burlescos, nunha actitude proclive á sátira, a escatoloxía ou á obscenidade. Falo da pretensión de mostrar as posturas menos usadas polo cerebro, aquelas que lle permitirán pensar dun outro modo. Algo así como facermos ioga co pensamento, na procura dunha nova perspectiva: a postura do arado, por exemplo, mais non afectando á nosa coluna vertebral, senón facendo dobrar o noso modo de pensar sobre si mesmo. Un afán libertario que na literatura galega surxe talvez por primeira vez.

«Calquera localidade pode ser o centro do mundo; Xuan Bello fai, con emoción, que nestes textos o sexa Paniceiros. Coimbra, Tánxer, Nova York, Barcelona… todos collen en Paniceiros. As sete casas desta aldea asturiana gardan un espazo literario propio que Xuan Bello universaliza maxistralmente. É Historia Universal de Paniceiros unha das obras máis líricas e emocionantes que se escribiron nos últimos tempos».

Unha experiencia literaria no sentido máis aberto do termo, sin contemplacións sobre o estilo e a perspectiva. Unha reflexión sobre o universal e o local, o social e o individual nuns relatos escritos desde unha óptica moi particular. Non só Gide dicía que o que debemos escribir é aquilo que só nós somos capaces de levar ao papel, Herberto Helder tamén estaba convencido disto nunha das escasísimas entrevistas que concedeu.

Share

III Encontro de novos escritores AELG (1/5)

[kml_flashembed movie="http://es.youtube.com/v/mExAzJ8t1pE" width="320" height="240" wmode="transparent" /]

O III Encontro de novos escritores da AELG, co epígrafe “Entre dous séculos”, comezou no Pazo de Mariñán coa mesa “Cartografías literarias do novo século”, coordinada por Mª Xesús Nogueira. Sobre o dito por Oriana Méndez, Mario Regueira e Rubén Ruibal tomamos nota do seguinte:
Oriana Méndez: “Estou cansa da idea do compromiso do escritor novo, pois non só os novos se comprometen”. Máis que xeracións ve inevitábel a formación de “redes de posicionamento común” ante as mesmas circunstancias históricas. Fundamentalmente o que existe como elemento aglutinador é un posicionamento político. “Desde unha parte da crítica valóranse moito as obras formalmente arriscadas”.
Mario Regueira: “Estamos afectados pola crítica excelente”. Critica o excesivo interese en etiquetar: moitas veces a etiqueta nace antes de que haxa tempo real e prudente para valorar as obras literarias. “Creo que as cousas verdadeiramente interesantes que se levan facendo neste país non as fixeron as chamadas xeracións literarias, senón grupos de persoas que decidiron intervir no sistema en momentos concretos, con independencia da súa idade, o seu estilo literario e tamén da norma ortográfica do galego que escolleron. Dalgunha forma isto representa un ponto intermedio entre o individualismo literario e o compromiso común, un ponto que non sempre está no mesmo lugar, senón que flúe e procura o seu espazo a cada momento”. Advoga pola independencia e máis pola responsabilidade ante a mala situación do sistema. “Temos moito en común con outras literaturas subalternas”, porque a nosa non pode desenvolverse con liberdade. “Estou canso da idea do compromiso do escritor”. Intervén Francisco Castro: Non cre que teñamos unha literatura subalterna senón que posuímos un sistema literario subalterno. “Temos un problema co país”: a xente non ten interese en ler en galego, e non importa que calidade se lle ofreza.
Rubén Ruibal: Non observa xeracións literarias difiníbeis. Ao tempo, si experiencias comúns, no caso dos seus coetáneos: a escola dos 70, a droga, o paro… Afirma que no teatro moitos críticos non se atreven a facer críticas negativas. E Paco Souto intervén: “A crítica non ten a trascendencia que debería a nivel social. Eu deixei de facer crítica de teatro por enfrontamentos coa xente do teatro.”

Alfredo Ferreiro / Tati Mancebo

Share

III Encontro de novos escritores AELG: o recital (5/5)

Este sábado acudimos ao Museo de Belas Artes da Coruña para presenciar o recital poético proposto no III Encontro de Novos Escritores organizado pola AELG. Despois de seguir co máximo interese os discursos e coloquios promovidos por uns intervinientes entregados a reflexións de fólego nas xornadas anteriores (e que referenciaremos aquí), o colofón do recital debeu sorprender a moitos. A mantedora foi Antía Otero e os artistas Estíbaliz Espinosa, María Lado + Lucía Aldao, García (Dios Ke Te Crew), Enma Couceiro, Celso Sanmartín e O Leo (por orde non de actuación senón de aparición no vídeo seguinte). Sen dúbida existía un interese por parte da organización en que puidésemos desfrutar da grande variedade de formatos existente para o poético na actualidade. O resultado foi un espectáculo fresco e penetrante, que fixo que sintamos orgullo de pertencer a un colectivo de creadores permeábeis socialmente e comprometidos coa mellora continua do seu talento.[kml_flashembed movie="http://es.youtube.com/v/6uckMbslq8M" width="320" height="240" wmode="transparent" /]

Share