Pepe Cáccamo contra as industrias criminais do tempo

Vento de sal, de Xosé Mar�a Álvarez CáccamoO poeta traballa coas sombras. Apaña as substancias que a memoria arquivou e con elas elabora unha visión do pasado. É, pois, avant la lettre, un artista plástico. As pedras da lembranza, aquelas que foron submetidas a decantanción polo transcurso do tempo, son os materiais con que a sensibilidade do poeta constrúe o texto. Deste modo os poemas deveñen sombras que o lóstrego da memoria proxecta no papel, pantalla oportuna, para o noso desfrute de espectadores: “Nunca / esquezamos a luz, a luz rarísima / que entraba polas fendas do faiado, / o que fica en min aínda lóstrego.” En Vento de sal referénciase así a recuperación poética do pasado, do que en rigor só se alcanza a ver no seu perfil sombrío, imposíbel de revivir para alén de nun sentimento perenne.
Nesta liña rememorativa o libro ofrece flashes da infancia, da nai (“A miña nai quebrada, brinquedo de latón, / contra os muros do mar”), do pai (“Eu nunca chego a tempo / para darlle compaña nin xantar / a este home remoto / que di ser o meu pai”), das primeiras experiencias eróticas (“Ela era / azougue clandestino, un corpo que pasou / atravesando as órbitas da lúa”), das tardes de domingo ou os areais e os seus ventos que tiñan un valor obscuro para o rapaz sensíbel mais inseguro (“Non sei saír do vidro / derretido de agosto”).
Logo dun imaxinario tan rico como este vén o oficio. A pericia que fai que Vento de sal conteña moitos outros versos que tamén han ultrapasar necesariamente a peneira do tempo: “Traba / con dentes de metal opaco a insidia / das industrias criminais do tempo.”; “A cortiza dolorosa, o crecemento / animal das carabuñas”; “Peixes verdes en unánime desfile, dirixido / pola orde secreta / das vibracións do ar”… Son versos de máxima suxestión e corpo mínimo, condensación ben pouco habitual neste tempo de confesión íntima e narración superficial de experiencias en que o poético semella un capricho inxustificado para engordar o xénero literario. Porque para facer poesía non chega con ter vivido, senón que é preciso mostrar a Verdade do vivido como “un tremor de nostalxia sen volume”. A tristeza, ese tópico pendurado do poeta, non é un capricho da Tradición senón un modo de aproximarnos do inaprensíbel: o noso destino é chegarmos a acordar o “perfeito suicida” que agarda por nós “no derradeiro andar”. Aquel que acompaña o poeta desde sempre e do que este declara: “El deixou unha nota / que avisaba / da miña tristura.”

Alfredo Ferreiro

[Sobre Vento de sal, de Xosé María Álvarez Cáccamo. Galaxia, 2008. Publicado en Protexta, suplemento da revista Tempos Novos, 7, verao de 2008]

Share