Exposición e recital no “Local dipoñible – Almacén cultural”

Tati Mancebo. Fotografía de Xacobe Meléndrez. Obras do fondo de Ada PortoRevisión 17/12/2013: «O sábado 14 de decembro tivo lugar a primeira actividade dentro do proxecto Local dispoñible, almacén cultural. Case un centenar de persoas puideron desfrutar do recital de poesía dos membros do Grupo Surrealista Galego.

Alfredo Ferreiro. Fotografía de Xacobe Meléndrez. Obras do fondo de Ada PortoXoán Abeleira comezou a súa intervención presentando o grupo e rompeu o xeo cun audio no que el mesmo recitaba mentres Alberto Laso acompañaba coa música. Alfredo Ferreiro deu un bo avance do seu novo poemario Teoría das ruínas, aínda inédito e Tati Mancebo agradeceu a Raúl Doval o tempo pasado como docente na Academia Roma, que durante moitos anos estivo neste local. Seguiu François Davo, que repartiu versos manuscritos en tarxetas postais, conseguindo así a intervención do público, Begoña Paz, con poemas que pasaron veloces como raiolas de luz, moi fermosos e pechou Ramiro Torres que recitou poemas do seu libro Esplendor arcano. Despois todas e todos compartimos un viño, conversa e visitamos as salas nas que están expostas as obras de Xacobe Meléndrez, Ada Porto e Inma Doval, fotografía, pintura, gravado e escultura.» {Colectivo Arteu}

Share

Manifesto III Enarborar o bosque: pola defensa de Corcoesto

Manifesto
“Creadoras e creadores galegos- músicos, poetas, artistas plásticos e e visuais, actrices e actores, magos… co apoio de colaboracións internacionais, xuntámonos o día 1 de xuño , data próxima ao día mundial do medio ambiente, na Carballeira de Santa Mariña – Corcoesto, Cabana de Bergantiños, para amosar un ano máis o noso compromiso coa conservación da Natureza, e neste 2013 fixamos a nosa mirada no forte impacto das explotacións mineiras en Galicia, especialmente as que se realizan a ceo aberto.
O proxecto de Edgewater Exploration Ltd de explotar unha mina de ouro a ceo aberto en Bergantiños representa o máximo expoñente desta ameaza no noso territorio. Pero non hai que esquecer  as explotacións xa en desuso  como as de lignitos en Meirama e As Pontes de García Rodriguez, rexeneradas con proxectos sinxelos e baratos para as empresas pero ambientalmente incorrectos, xa que se optou por enchelas de auga. Lembramos tamén as máis activas neste momento, as de rochas ornamentais, nomeadamente granito e lousa, nos lindes de espazos de grande valor ambiental que no segundo dos casos mesmo sepultan vales enteiros das serras do Courel e Pena Trevinca, provocando unha situación de deterioro irreversible, que chegou a condicionar a delimitación destes Espazos da rede Natura 2000. Read More
Share

Sobre a necessidade de plataformas conjuntas

Percebe-se agora mais que nunca a necessidade de derivar o trabalho cultural e artístico em plataformas conjuntas que impulsem a criação desde perspectivas horizontais, somando todas as aportações que cada quem necessita fazer, e, portanto, alheias, no possível, a poderes económicos e/ou políticos.
Talvez foi preciso ter claro que as prioridades da maioria destes últimos grupos estão, como mínimo, dessinteresadas, quando não são claramente contrárias, do trabalho criativo propriamente dito, para começar a perceber que a energia própria da arte deve gerar, na medida do (im)possível, espaços e âmbitos para uma ósmose e intercâmbio fluído com toda a realidade, visando uma consolidação dos discursos artísticos, poliédricos por natureza, como uma riqueza inesgotável para cada ser humano e, por consequência, do conjunto social.
Semelha chegada a hora, pois, de serem criadas as medidas e ritmos precisas para o percurso, sem depender de ninguém a quem dever favores, sem aguardar passivamente por mudanças ou ventos mais ou menos propícios em níveis que não sejam o Trabalho irrenunciavelmente próprio, voltado, sem escusas, para diante, atirando longe os medos para retomar em nossas mãos o presente e o futuro, intensamente magnetizados por tudo o que, desde sempre, nos pertence inalienavelmente: a construção da luz no nosso ser, íntimo e universal a um tempo, (sub)vertendo na realidade os inumeráveis caminhos existentes para a manifestação da cultura, da arte, do ilimitado.
Neste sentido, há que felicitar-se por propostas várias que estão surgindo, como as que se têm comentado neste mesmo blog, ou como a que em Cambre botam a andar, sob o formoso nome de Arteu, Xacobe Meléndrez e Inma Doval, e que neste mês decidiram levar a vários estabelecimentos vídeos, fotografias e gravuras, na convição de encontrar novos lugares para a interação artística.

Share