Medo do reintegracionismo?

O pobo abandona o galego, e isto semella por momentos unha realidade inexorábel. Despois da noite escura da ditadura, nos seguintes trinta anos foron criadas institucións, televisións, radios, ensino en galego e, para favorecer o desenvolvemento dunha modesta industria cultural, deixouse de lado a sempiterna discusión sobre a norma escrita. Deixouse caer, digamos, para o lado menos atrevido: tratábase de conservar a pouca normalidade que o galego podía ofrecer mostrándose como, non sen algunhas variacións, se tiña publicado na maioría da produción bibliográfica e académica dos anos anteriores. Porque mudar a lingua mediante a recuperación dunha grafía histórica na actualidade vinculada a un idioma estranxeiro era ousadía que só un grupo de arroutados mozos e un par de vellos tolos eran capaces de propor. Ao mesmo tempo, existían beneficios evidentes para un alto o fogo normativo: a industria cultural podería desenvolverse e a intelectualidade máis ousada podería traballar desfrutando dunha certa normalidade que a todos había beneficiar. E existindo esta normalidade, aos poucos o pobo había de ir perdendo os prexuízos lingüísticos e pasaría a valorizar unha lingua propia que así iría perdendo o estigma milenario que a condenaba ao abandono dos fillos que durante séculos amamentou. Para rubricar o conto, unha Lei de Normalización Lingüística saíu do mandil da dereita posfranquista, como un compromiso firme dos poderes fácticos co xogo limpo da democracia. Read More

Share