Luzes 01: o xornalismo que conta


http://www.revistaluzes.com/
Share

Medios, comunicación e poder

Esta semana está a desenvolverse un seminario na Normal (UDC) pertinente como poucos: Medios, comunicación e poder. Despois de escoitar o luns as intervencións de Javier Toret (vía web), Tati Mancebo e Iván Sánchez sobre o uso das ferramentas hoxe imprescindíbeis para comunicármonos e traballarmos horizontalmente, na tarde de onte puiden acudir á fase final da segunda sesión de Análise de medios. Na Mesa de medios figuraban representantes de Cuac FM, Sermos Galiza, Praza Pública e Novas da Galiza, que contaron as liñas mestras dos seus proxectos e a viabilidade actual dos mesmos. As conclusións que tirei, apesar de faceren patente a dificultade dos tempos que vivimos, económica e politicamente, foron moi positivas.

Resaltouse na mesa o isolamento cidadán que se observa cando se descobren varias accións similares que se descoñecen mutuamente, o que constitúe unha intereseira segmentación social sen dúbida promovida polos poderes do sistema.

Defendeu alguén entre o público a necesidade de unir as enerxías dos varios medios alternativos para formaren un único con forza e recursos suficientes para enfrontarse aos medios convencionais, todos vencellados economicamente ao poder. A esta argumentación responderon que dubidaban moito desa estratexia, non tanto pola dificultade de atinxiren a altura económica necesaria mais porque hai que pór en causa o interese de termos a oferta informativa unificada, pois o monolitismo organizativo pode derivar en monolitismo ideolóxico e isto implica directamente a morte do xornalismo.

En xeral, a miña conclusión foi que todos eran coñecedores de cales eran os seus obxectivos e os seus recursos, e que en xeral están a traballar pola sustentabilidade dun xornalismo que, apesar de estar ferido de morte pola falta de independencia no ámbito da grande industria, ten un luminoso futuro por diante nestes proxectos que se basean nas auténticas necesidades informativas dos cidadáns.

Share

Premio Dora Vázquez 2012: María Reimóndez

Estivemos en Arteixo e gravamos a intervención de María, na que con toda a dignidade denunciou as inaceptábeis últimas palabras de Gallardón sobre o aborto, diante do goberno do Partido Popular.

Share

En defensa dos medios en galego

Apoiamos o texto deste manifesto a prol dos medios de comunicación en galego:

«Un país é o que fala. Galicia é o Galego. Ninguén pode matar unha lingua. Pero é moi fácil deixala morrer de inanición e abandono. Todos somos responsables de que a nosa lingua reciba a xustiza que merece e as oportunidades que se lle negaron na historia. Que haxa medios en galego importa. Resulta imprescindible para que a nosa lingua viva e medre con futuro. Apoiar ós medios en galego é axudarnos a nós mesmos e o que somos. Resulta cínico e irreal esperar que anos de intervención do mercado a favor do castelán vaian corrixirse sos. Alguén ten que facelo e ten que facelo agora.

Ningunha administración pública deste país pode declararse allea ou ausente cando pechan un trás doutro os xa poucos medios que apostaban pola nosa lingua. Ningunha administración pública pode dicir, sen faltar á verdade, que fixo todo o que podía facer, ou que non hai recursos porque estamos en crise. Demandamos do goberno que poña a vontade política e os recursos que non dubida en poñer para axudar a outros sectores ou medios que non o precisan tanto. Demandamos das administracións públicas que tome a decisión de axudar ós medios en galego porque é xusto, porque o merecen e porque se lles debe.

Ningún lector ou espectador deste país pode tampouco declararse alleo ou ausente cando pechan un trás outro os medios que se fan na nosa lingua. Os únicos que realmente poden garantir o futuro de calquera medio son os lectores, as audiencias e os anunciantes. Algo falla nun país onde tanta xente se declara amante da súa lingua ou tantas empresas utilizan a galeguidade para posicionarse nos mercados, pero logo non hai nin lectores nin anunciantes para os medios que se fan en galego. A desaparición dos medios no noso idioma non é un problema nin unha responsabilidade da administración, é un problema e unha responsabilidade de todos.»

Para asinares o manifesto: Os medios en galego importan.

Vía Brétemas.

Share