• 0034-609-653-176
  • contacto@alfredoferreiro.com
  • Galiza, Espanha, Europa

Sobre o sistema literario galego

Cando falamos do sistema literario en rigor debemos contemplar os factores das manifestacións socio-semióticas ou culturais: o produtor, as institucións (axentes de control), o repertorio (regras e materiais culturais), o mercado (que permite a transmisión), o produto e o consumidor. Neste sentido, e aplicado á reflexión sobre o mellor modo de valorar aqueles produtos literarios que idealmente poidan elevar a literatura galega até o maior recoñecemento internacional, deberiamos apoiarnos no concepto de repertorio. Así, recoñecemos que existe na actualidade un sistema literario galego en que conviven ao menos cinco repertorios:

1. Repertorio español en castelán.

2. Repertorio universal en castelán.

3. Repertorio galego.

4. Repertorio universal en galego.

5. Repertorio lusófono.

O primeiro e o segundo atópanse en posición preponderante, e o terceiro e o cuarto constitúen alternativas que loitan por chegar a ocupar o lugar principal dentro do sistema literario galego. Reparen no que isto implicaría: en galego leríanse os principais autores estranxeiros ao tempo que os autores de máis fama serían un bo grupo de galegos de grande recoñecemento, e o mercado estaría ocupado na Galiza nesta demanda abafante. A maiores, a alta competencia en castelán dos consumidores do país favorecería as vendas do libro en castelán, mais en franca desvantaxe.

Desde logo, o interesante da reflexión é intentar imaxinar que precisa a literatura galega para continuar mellorando a súa consideración, e aínda dun xeito definitivo. Algúns pensarán que o verniz “indixenista” do repertorio pode ser fundamental, mais isto non acostuma ser suficiente. A cuestión estriba en que o repertorio galego, é dicir, as obras que constitúen a carne da literatura erguida, propoñan opcións que doutro modo estarían excluídas. En termos de moderno sistema de xestión, que implique e lle sexa inherente, polo que teña de galega, un valor acrecentado concreto, recoñecíbel, rendíbel para a o individuo e por tanto para a sociedade. Só entón a aceptación deste repertorio sería inminente.

Ao mesmo tempo, os valores apreciábeis como positivos e catalizadores dunha nova tomada de conciencia nos membros da sociedade… en que se apoiarían realmente? Ninguén pense nun falso idealismo, como apoio devoto e xeral nin nos poderes de manipulación intereseira dun grupo de individuos con poder institucional, público ou privado. E tampouco na simple creación dun estado, pois existen casos, como o de Bélxica, en que o sistema literario fai parte do holandés, por unha parte, e do francófono, por outra.

Evidentemente, estes procesos dependen do modo en que son xestionados os factores antes aludidos do sistema cultural: dos intereses das institucións e do mercado, desde logo, que tamén dirixen as expectativas dos consumidores, mais especialmente dos produtos, como viñamos dicindo. E aquí defendemos de novo, como o Ramiro Fonte do post anterior, que dispomos dun repertorio á beira, o lusófono, facilmente integrábel no sistema literario galego, perspectiva desde sempre defendida polo lusismo aínda que como algo secundario a respecto dos criterios lingüísticos. Un repertorio que podemos facer complementario do noso con grandes beneficios: fornecendo unha lingua literaria aproveitábel, por exemplo, polo que ten de galaica, e compensatoria polo que a lectura perpetua en castelán ten de alienante.

A literatura galega debe atopar o seu filón, a febra caudal que nos atravesa emotivamente e que pode alimentar a fame que tantos sentimos culturalmente, e isto en literatura pasa tanto polo imaxinario canto polo estilo literario. Outros antes que nós fixeron que até aquí chegásemos, mais o presente non é suficiente. Non temos que citar a Manuel Antonio de novo para expresar o desexo actual de tantos. A modernidade que este século precisa virá marcada pola tecnoloxía, a da comunicación e a do márqueting, a do control da aldea tamén local, e a forza centrífuga que nos move irremediabelmente debe ser desviada ao centro do noso desexo máis positivo, para que nos alimente da enerxía necesaria.

3 thoughts on “Sobre o sistema literario galego

    • […] Reflectía onte Martin Pawley sobre os reparos que pode ter un crítico literario para publicar unha crítica negativa dunha obra galega. Non resulta fácil asumir que as actitudes que presupomos como consecuencia terán que ver coas relacións intestinas dos axentes do sistema literario (entendido en sentido amplo, como mercado), que en ocasións delatan valoracións asentadas en factores extraliterarios (relacións ou intereses persoais de autores, editores e críticos, por exemplo). Estas consideracións poden dificultar o traballo dun crítico literario que pretenda desenvolverse de xeito rigoroso e eficiente? Esta é cuestión que pon á vista Pawley. […]

    • Author gravatarAuthor gravatar

      Eu próprio tentei desde sempre conhecer variadas versões portuguesas: Lao Tsé, T. S. Elliot, Bram Stoker, J. e W. Grimm, Nietzsche… Acontece que no sistema literário galego não me parece suficientemente presente esta atitude para justificar a referência a mais um repertório.

    • Author gravatarAuthor gravatar

      Concordo com o dito. Só acrescentaria que dentro (ou além) do repertório lusófono também podemos tirar proveito -e muito- do repertório universal lusófono.
      E fazê-lo com a certeza de achar pontos de conhecimento e expansão (interior e exterior) que estão aí desde sempre, a aguardarem por nós pelo seu redimensionamento com cada uma das nossas experiências.
      Mais uma vez a eleição está aí, quer dizer, aqui. E só precisaríamos perder, de uma vez, o medo à riqueza atesourada da que dispomos.

Comments are closed.