• 0034-609-653-176
  • contacto@alfredoferreiro.com
  • Galiza, Espanha, Europa

Negrume, de Amadeu Baptista

Amadeu Baptista envíame o seu último libro, Negrume, un poemario sumamente duro e descarnado. Ou mellor aínda –contradígome– nin descarnado é: os ósos limpos foron partidos cruelmente e dispostos nunha pira reflexiva que non deixa do pasado máis que as cinzas dun incendio incomprensíbel, que todo asolou. O poeta asume a tarefa dun cronista da desventura. Non é por tanto un ser triste, nin este un poemario triste ao modo do de António Nobre, pois na mesa de disección do pasado só hai sitio para a descrición poética dos desastres vitais e a asunción das consecuencias, e ningún espazo para a lamentación ou a simple queixa:

“… eu sei que a salvação é não haver no céu mais nenhuma glória

se não se espelhar neste rio, / ou não tiver este nome. / como porto, ou abrigo” (p. 85)

Versos como “sim, vou matarme. vou cometer esse adultério” (p. 43) remiten para a separación voluntaria do corpo e da alma. Mais a alma parece terse afastado xa do corpo para poder escribir desde este punto de vista. Isolados ambos, mergullan as maos nas vísceras reciprocamente, a procurar vestixios das lacras pasadas e, sen recoñecelo, perscrutan á vez o futuro na aberta carne. Así, a anatomía do amor e das doenzas explícase pola matemática imposíbel do corazón e as súas regras metafísicas. Igual acontece co sentimento infantil:

“…e os cães rosnam

e a caravana adensa o espírito dos que nos malograram, / gente ímpia

que, / pelo amanhecer, / reconhece o caminho de casa /

e faz do mundo uma matéria densa e friável, / a tremer, debaixo dos pés” (p. 94)

Disección e crónica dos acontecementos. Mestura de carne fresca e ruínas da casa, todo sobre a mesa. Terapia psicanalítica? Talvez poderían suscitarse os estudos de Freud sobre a psicanálise dos soños de Leonardo Da Vinci (cuestión sexual aparte) cando lemos versos como “o desassossego do pai, enquanto sucessivas vagas de pássaros me sobrevoavam // os lábios” (p. 76), mais o que aquí temos é pericia forense, e os trechos de vida son separados pola afinada arte dun escalpelo poético. A maxia da palabra, primerio na pulsión creativa e logo na forma en que se encarna, converte –intuímos– a confesión en exorcismo.

Este poemario é un boi aberto, na grella, cos ollos desorbitados e os blasfemos cornos para o ceu. Comer desta carne é participar dun sacrificio milenario: o recoñecemento íntimo de que somos pequenas herbas mexidas pola auga e o vento do destino, aquel deus que até os ateus conmove. Estamos todos e estamos sempre expostos á Negrume, anxo desprovisto de luz que desde o nacemento connosco camiña. Como se un cabalo negro galopase baixo o noso cu e nos levase por diversas secuencias pintadas por O Bosco. En verdade non deberíamos temer a arribada ao inferno, pois xa ben coñecemos todos o seu sabor cando nos recantos sombríos fomos abandonados.

uma doeça infecta, provocada

por balas tracejantes e episódios

retirados do acaso, ora domésticos,

sublinhados por discussões violentas,

ora fortuitos como um acidente

em que uma parte da nuca bate contra o chão

e o sangue corre, fervente, pelo passeio

em que um menino de bibe e sapatilhas pretas

leva as mãos aos ouvidos para não ter que ver

mais do que vê, insustentadamente.

um pavor de doença, que amplia

a legião de fantasmas que nos segue

e nos piores pesadelos admoesta

o sono leve com que a noite passa.

NOTA: Negrume foi catalogado polo Insónia como libro do mes en Portugal.

3 thoughts on “Negrume, de Amadeu Baptista

    • […] Antecedentes criminais, de Amadeu Baptista (Edições Quasi). Baptista ofrece neste libro unha antoloxía persoal sobre vinte e cinco anos de creación poética. Ademais de contar co recoñecemento que corresponde a un dos poetas portugueses actuais de máis rica e sólida obra poética, vén agora de ser galardoado co Premio nacional de poesía Sebastião da Gama. Moitas son as referencias que se poden atopar na rede sobre as últimas entregas deste autor que coñecemos en Salvaterra do Miño e non deixamos de apreciar como poeta e amigo (1, 2, 3, 4, 5, 6, 7…), e moitas mais sen dúbida serán as honrosas menzóns que a partir de agora recibirá unha tan merecente obra. Parabéns para el. […]

    • Author gravatarAuthor gravatar

      Apuntado de inmediato na carta ós Magos de Oriente. E se logo do seis de xaneiro o libro non está na casa -non son bó- correrei pidilo a algunha librería.

      A recomendación en si mesma é gorentosa, así é que o libro ten que selo por forza.

      Saúde.

    • Author gravatarAuthor gravatar

      gustaríame falar contigo. é urxente (para min): un traballo que debería facer mañá. se podes (e queres) mándame unha mensaxe ao meu enderezo electrónico cun teléfono e chámote eu.

Comments are closed.