• 0034-609-653-176
  • contacto@alfredoferreiro.com
  • Galiza, Espanha, Europa

Tres razóns para o exilio

Roger Colom faime partícipe dunha proposta que se está a espallar pola blogosfera: escribir tres razóns que xustifiquen apañar as maletas e marchar desta España. Se o xogo é aceptado, continúa este propondo o tema a outros cinco blogues, de modo que as argumentacións se estendan pola rede adiante. Pola miña parte acepto o reto. Aquí van as miñas razóns:

1. O pesimismo. Non podo evitar que comece a miña crítica por esta actitude, porque para min é unha sorte de cancro espiritual que nos impide dedicar a calquera proxecto de mellora a enerxía necesaria. De feito, esta actitude é tan patente que sobre calquera que manifeste a contraria pairan inmediatamente olladas de manifesta incredulidade, e pasa a atribuírselle tamén a máis cándida e perigosa inocencia. Poderiamos chamar a isto “sistema automático de castración ideolóxica”, por exemplo.

2. O “perralleirismo” (xa non sei a quen lle oín este termo por primeira vez, desculpen). Constitúe esta a máis tradicional das nosas vangardas, artísticas e de todos os ordes. Como o sentimento principal é de fundamental pesimismo, ningún esforzo estará realmente xustificado para unha empresa que non contará cos apoios necesarios das institucións, nin dos socios, nin dos receptores ideais e, por tanto, tampouco cos do promotor, quen despois de razoar isto non está disposto a ser o único que traballa. Sabe, ademais, que cunha actitude comprometida e seria pasará por parvo, dado que o intelixente por estas terras non é o que atinxe un obxectivo dado cos medios apropiados, así, en termos absolutos, senón o que traballa menos relativamente ao esforzo investido (consecucións parciais dos obxectivos tamén permiten obter medalla). Poderiamos chamar a isto, por exemplo “adaptación dos fins á imaxe social do suxeito”.

3. A desconfianza. Consecuencia dos dous primeiros, este sentimento nace como fillo de seu pai e súa nai. Sen forzas para emprender novos proxectos, sen axuda, habituados a facer trapalladas sempre para o curto prazo, desconfiamos dos méritos propios para enfrontar un reto novo e dos méritos alleos para defender os seus. Desconfiamos do interese de propormos algo novo, de participarmos no proposto, do interese dos máis polo proxecto e, sobre todo, de se teremos o recoñecemento debido, aquel que nos sitúa no andel dos espelidos e non no dos parvos. Ao mesmo tempo, se nós mesmos só recoñecemos os méritos dos amigos, é dicir, aqueles que nos reenvían o apoio prestado con anterioridade, por que había de recoñecernos un mérito a xeneralidade dos cidadáns, que ao fin non nos coñece de nada? Desconfiamos por isto do éxito lícito e, aínda máis, da obxectividade mesma para a valorización de calquera obra. Así, acábase preguntando sempre os artistas con ton acusador que é arte e que non, aos literatos que é literatura é que non, aos poetas quen decide o que é poético… como se todo isto dependese inevitabelmente non da substancia que lle é propia a cada cousa senón do capricho inescrutábel dunha autoridade impropia. Poderiamos chamar a isto “insatisfacción permanente por meritocracia sen fundamento”, ou algo así.

Como pode verse, non inclúo referencia algunha á perda adquisitiva como razón de peso. Entendo que os ingresos, as axudas sociais e a xestión dos apoios á cultura poden aínda ser moito máis fracos e nós asombrosamente máis creativos e felices se outras actitudes individuais e sociais realmente positivas colonizasen as mentes de xeito permanente. Claro que neste caso o benestar xeral persoal e colectivo non podería máis que mellorar de día para día.

Animo a continuar aos seguintes blogues: O blog dos pelachos, Días estranhos, De mares, portos e portas, Cabaret Voltaire e As túas balas.

Share

8 thoughts on “Tres razóns para o exilio

    • Author gravatarAuthor gravatar

      A proposta penso que en orixe non era máis que unha simples protesta sobre a situación social… hispánica, poderiamos dicir sen errar (inclúo Portugal, portanto), nunha época de “postmodernidade” (?), estrea de século e un tanto difuminados aqueles delirios de progreso de oitenta que vivimos na nosa primeira xuventude. Agora é unha miga provocativo ante certas actitudes falar en termos de exilio, máis aínda que de emigración, nalgúns casos patente.
      Mais non debes preocuparte polas derivas do tema. É o que comunmente acontece na interacción reticular. Responde ao modo vivo, serpenteante que ten este medio de aprofundar, terxiversar e enriquecer os asuntos a debate. A túa perspectiva foca a profundidade da visión vital, de onde tentas analisar e valorar os modos de acción. É totalmente lícita e está argumentada. Nada en contra pode haber relativamente a iso. Descontráete e aproveita as oportunidades de intervención coa maior fluidez de pensamento e teclado. É a miña recomendación, e unha teoría que acabo de improvisar e estou lonxe aínda de aplicar, porque son aínda rixo de máis…
      O levantador de minas é con estas poxas ideolóxicas que gaña de verdade. Fico feliz de ver como isto agora anda! A ver vamos onde nos leva!

    • Author gravatarAuthor gravatar

      Graças, Alfredo:
      Muito provavelmente o reconhecimento que se dá ali onde menos útil nos parece seja no fim de contas um falso reconhecimento e um auto-engano. Quanto ao reconhecimento que não se dá, pode ser simplesmente que não seja ostensível ou patente, mas quando acontece, acontece. O que eu procurava transmitir, através de uns aforismos é o que pensava era uma equívoca formulação da proposta (razões para o exílio) não tanto a resposta como tal, que tem uma vocação positiva e sincera e na que por outra parte concordo como diagnóstico.
      Outra questão está em certo desânimo que as pessoas e os grupos podemos encontrar ao escolher como espelhos essa “vida en sociedad” que diria Roger Colom e que leva em si um elemento inevitavelmente frustrante. Aqui é onde tem lugar o aforismo do reconhecimento. Esse espelho distorsiona e não da lugar a um veraz reconhecimento. Mas o ser humano precisa formas de reconhecimento veraz, real. Se não o encontra logicamente há problemas.
      Enfim, amigo Alfredo, pedo desculpas se o meu modo um tanto “lançado” foi ofensivo, porque teria sido injusto. Injusto para com um amigo que generosamente abre este estupendo blogue e que, aliás, tem uma intenção firme e positiva de compartir e aprender conjuntamente. Só quero dizer, que a crítica era a um estado de ânimo não a um projecto o a umas pessoas. Se fiz qualquer mal, terei que repará-lo ou pagá-lo, não há dúvida.

    • Author gravatarAuthor gravatar

      Amigo J. A. Lozano:
      O que me interesaba saber é por que o recoñecemento que non se procura e se merece non acontece, e sen remedio crece onde menos útil nos parece.

      Canto aos outros, é peor o que se queixa que o xactancioso sempre que o segundo non estexa orgulloso de ter batido no primeiro, despois queixoso (hai xente que aproveita até os aforismos para ficar impune).

      No entanto, concordo, as lamentacións non solucionan. É por iso que non poden ser máis que un xesto (optativo) e non un remedio. Para mudar a realidade é preciso actuar nunha dirección distinta, na secuencia dunha vontade de novo orientada.

    • Author gravatarAuthor gravatar

      O exílio, por acaso, é estar aqui.

    • Author gravatarAuthor gravatar

      Não há em tudo isto um pouco de autocomprazer-se?. Não é um discurso eterno da queixa? Haveria três razões, polo menos, para não se exilar: o facto de um não ser pessimista, nem perralheiro nem desconfiado. Por outro lado, a que magnífico lugar se exilariam os exilados?
      Um homem procurava a chave baixo um farol. Na verdade perdera-a na casa mas ali havia mais luz.
      O exílio não consiste em mudar o corpo de um lugar a outro. Também Cadaval contava aquela história de um homem que fugia da morte mas esta encontrou-no finalmente, não é assim?
      Sem tirar verdade ao que foi dito isto é para balançar um pouco o tema.
      E finalmente um aforismo: “Buscar o reconhecimento denota que não se merece”. E se este aforismo não é abrangente ainda este: “Há algo pior que um homem jactancioso: um homem que se queixa”.

    • Author gravatarAuthor gravatar

      Grazas, María, pola aclaración. A verdade é que cría lembrar que o concepto tiña nacido no colo do grande Cadaval, e que a min me tiña chegado vía o xenial Xepe Casanova ou o talentoso Roger Colom. Acontece que ultimamente recibín referencias deste concepto como vencellado a persoas non menos inspiradas que estes. E os que non temos unha grande memoria sempre acabamos desconfiando da nosa erudición, por non pretender precisamente atribuír méritos inxustamente.

    • […] Me está resultando demoledora la lectura de los 3 motivos para el exilio de Jorge Benedet, Carmen Castro, Roger Colom, Alberto Navarro, Alfredo Ferreiro, Arnau Fuentes y (sobre todo) María. Lo impresionante es la coherencia espontánea entre los que se han sumado a la cadena. Todos apuntan a un ambiente, a un espíritu común cada día más asfixiante en España que une lo macro a lo micro en la coherencia de una gran chapuza cínica y delirante que viene a sonar igual sea contada en gallego, catalán o español. […]

    • Author gravatarAuthor gravatar

      o perralleirismo foi termo asinado hai sabe deus canto tempo pola boca do mestre cadaval en referencia o teatro de mofa e befa. atinxe tanto á estética coma ao método de traballo e está relacionado con esa máxima publicitaria dos tenis: just do it, é dicir, faino. e ademais faino co que teñas a man. algo así como que calquera cousa é susceptible de ser convertida en artística. ben, é todo unha filosofía, aínda que eu non son a mellor persona para explicalo, pero vaille por aí.
      😉 saúdos!

Comments are closed.