• 0034-609-653-176
  • contacto@alfredoferreiro.com
  • Galiza, Espanha, Europa

Sobre a crítica literaria II

alvo.jpg

Reflectía onte Martin Pawley sobre os reparos que pode ter un crítico literario para publicar unha crítica negativa dunha obra galega. Non resulta fácil asumir que as actitudes que presupomos como consecuencia terán que ver coas relacións intestinas dos axentes do sistema literario (entendido en sentido amplo, como mercado), que en ocasións delatan valoracións asentadas en factores extraliterarios (relacións ou intereses persoais de autores, editores e críticos, por exemplo). Estas consideracións poden dificultar o traballo dun crítico literario que pretenda desenvolverse de xeito rigoroso e eficiente? Esta é cuestión que pon á vista Pawley.

Poñamos por caso que o crítico se ve na situación de falar dunha obra á que non lle atopa mérito algún, e si unha longa restra de aspectos mal focados ou recursos literarios deficientemente aproveitados. Digamos que a obra, ao seu entender, “non ten apañadoiro”. É proveitoso que se sinta incómodo porque a súa crítica poida interpretarse como vontade de chamar a atención, vinganza persoal, ou falta de respecto ao sistema literario?

Vexamos a cuestión desde outro ángulo, máis próximo a el. Cando chega ás súas mans a encomenda de facer a crítica a obra ten xa penduradas da capa varias etiquetas:

1. É unha obra literaria, pois o seu autor é un escritor.

2. É unha obra que merece publicación, pois a editorial considerou conveniente a súa publicación.

3. Até pode ser que sexa unha obra que foi galardoada cun premio, polo que pertence á fina-flor das obras dese ano.

4. É unha obra que merece ser referenciada, entre outras editadas, no medio de comunicación que ao crítico solicita o traballo.

5. Como obra literaria a súa divulgación contribúe á normalización cultural do país, e devén por isto unha das pedras basilares da nosa milenaria e doente cultura.

É nestas circunstancias que o crítico, considerando que debe converterse nun referente de opinión especializada, e que portanto ha de obedecer á sincera exploración do que a súa sensibilidade e saber lle reclaman, non sabe que facer. E resulta comprensíbel, terán que recoñecer, que ante a dúbida sobre as consecuencias e a alegría de comezar a publicar decida inclinarse por valorar aqueles aspectos máis positivos da obra, manténdose distante dos negativos, cómplice consciente da necesidade de apoiar unha literatura que loita polo seu futuro. Como el polo seu.

Mais, tamén no texto de Pawley está implícita a seguinte reflexión: unha actitude así contribúe a crear una crítica literaria estábel, rigorosa, con futuro? E esta axuda á estabilización real dun sistema literario? Nós, e intuímos que Pawley igualmente, non o cremos. Non se trata, desde logo, de que as fallas atinxan máis relevancia que os acertos; non se trata de procurar os defectos como premisa fundamental, nin de dar a entender que retorcer unha obra até que sangue durante tres mil caracteres ten máis mérito que escribila. Os críticos que tamén somos escritores sabémolo, e os críticos que merecen tal nome tamén. Trátase de que hai que respectar a opinión do crítico para que poda traballar con rigor, é dicir, comprometéndose cun criterio persoal fundamentado en afirmacións convincentes. Porque se as obras pobres non poden ser valoradas conforme os seus méritos reais, as obras boas tampouco poderán recibir a consideración que merecen. E isto é o máis lamentábel: que nos tempos que corren dunha obra meritoria poda pasar desapercibido o seu verdadeiro valor.

PS: O 24 deste mes terá lugar en Compostela a Asemblea fundacional da Sección de Crítica Literaria da AELG.

Tags :

12 thoughts on “Sobre a crítica literaria II

    • Author gravatarAuthor gravatar

      Remato de lelas. Unha crítica do libro de Rivas, co alento épico que predomina, misturado con elementos poéticos, precisa de moitas palabras para dar conta da súa riqueza. Quizáis o xénero da reseña xornalística ou da reseña en caderniños culturais sexa insuficiente para Os libros arden mal. A súa altura literaria precisa dunha análise máis detida: iso me parece. Para outros libros que están, seguro, na mente de todos, unha reseña xa é moito. Nese caso é mellor non facela. Ese é o meu consello. Se un libro non che gusta, mellor calar: non escribir. Hai outros moitos que sí merecen o comentario. E no caso de Rivas, case unha monografía rigurosa.
      Un saúdo e voltarei a este blog ben interesante. E perdón, de novo.

    • Author gravatarAuthor gravatar

      Arume, fique tranquilo. Só referenciei eses textos a título informativo. Non hai razón para sobresaltarse, pois todos estamos en amigábel compañía. Agradezo tanto o seu interese como a súa participación.

    • Author gravatarAuthor gravatar

      DEsculpas, desculpas e desculpas, se fun malentendido. Eu non quixen dicir que as fixerades vós: aínda non as lín. Fixen un comentario xeral e puxen o exemplo de Pawley que vin na solapa do libro porque me pareceu significativo. Non lin nin a túa nin a del. Fareino agora mesmo. REitero as miñas desculpas: estou un pouco fastidiado polo malentendido.

    • Author gravatarAuthor gravatar

      Boa noite. Por alguma alusão queria comentar que o que chamei “coração” não se refere a qualquer sentimentalidade ou massa muscular (ainda que também tenha essa acepção corrente). Remete a uma concepção integral da capacidade criativa (inclui, obviamente e não só, a racionalidade e a intuição), da que se tem falado em diversas épocas e por diferentes pessoas. Feita esta aclaração só quero dizer que concordo em muito com o expressado aqui por arume e o levantador.
      Saúde.

    • Author gravatarAuthor gravatar

      Modestamente, Arume, Mr. Pawley e eu pretendimos escribir algo máis que ocorrencias. Pode atopalas aquí e aquí.

    • Author gravatarAuthor gravatar

      Por suposto, aprezado Martin Pawley, o libro de Rivas é interesantísimo, pero para dar conta del precisamos algo máis ca dúas follas para un xornal que le moita xente. Fai falta unha persoa que dispoña dun tempo definido e se poña a ponderar o libro. Calquera outra cousa non pode pasar da mera ocurrencia, ou da inxeniosa loubanza para que, como lle pasou a vostede sen pretendelo por suposto, creo, a poñan nas solapas do libro. Se teño tempo poñereime a escribila, pero agora estou coa literatura do século XVII e chégame dabondo. Pero aquí o levantador de minas correspondiente ten que facelo: ánimo. Sen presións.

    • Author gravatarAuthor gravatar

      Martin e Arume:
      Estou de acordo en que a realidade que nos leva a falar deste asunto é realmente esa: que a crítica literaria non parecerá seria se, ademais de rigorosa no seu procedemento, trata todas as obras con louvanzas desmedidas. E os críticos que teñan (teñen) este costume xamais poderán apresentarse como analistas con criterio. Creo que isto é obxectivo: non todas as obras son acertos, en parte ou na totalidade, e portanto non todas as críticas poden ser positivas. Pois a propia crítica literaria estaría sempre en causa.

    • Author gravatarAuthor gravatar

      O corazón é a crítica literaria non poden ir xuntos. Esa é unha das razóns destes problemas. Hai que deixar que sexa a cabeza a que rixa todo.
      Este é un tema moi interesante e difícil de tratar por canto interveñen nel todos os actores do propio sistema/mercado literario. O crítico literario forma parte del: non pode desligarse e, polo tanto, debe utilizar sobre todo o seu rigor de estudioso (daí a importancia da cabeciña e non do corazón que é só un órgao musculado) para facers entender. Se o que pasa é que todas as críticas nos xornais rematan con valoracións en forma de loubanza ou rexeitamento, o nível da crítica é lamentable. O crítico debe darlle a entender aos lectores cal é a traxectoria do autor, as súas claves intelectuais, o contexto na que se produce a obra, o xénero ao que pertence a obra, algo sobre o argumento ou o tema, pero sen desvelar a trama de forma definitiva, sinalar algún rasgo de estilo ou de organización dos materiais, e, só en último caso e como consecuencia do seu estudio, unha pequena valoración persoal, sempre fundamentada. Se o crítico observa estes aspectos, a crítica pode ser aceptable e contribúe á seriedade do seu labor. O crítico non pode dicir si lle gusta ou non a obra sen máis. O crítico pode arriscar nas súas valoracións, pero sempre cunha análise pormenorizada da súa opinión. Claro que non estamos a falar do habitual na prensa escrita en Galicia, nin en España, salvo excepcións. O costume ademáis de poñer estreliñas malgasta todo o traballo.
      En fin, continuará.

    • Author gravatarAuthor gravatar

      “Porque se as obras pobres non poden ser valoradas conforme os seus méritos reais, as obras boas tampouco poderán recibir a consideración que merecen”. Eu creo que esa frase resume todo: velaí a razón de que unha obra monumental como a última de Rivas non acadase nos medios galegos unha presenza e unha acollida á altura dos seus méritos, que porén si se lle outorgou, outorga e outorgará a libriños que nacen con data de caducidade inminente.

    • Author gravatarAuthor gravatar

      Interesantes reflexións. Danme que pensar.

    • Author gravatarAuthor gravatar

      Concordo com o dito. Por desgraça, poucos exemplos há em que possamos ver, na prática, o que aqui se expõe. Deixemos trabalhar o coração e, depois de ele falar, tenhamos valentia para afrontar o que deixou dito, ainda que tenhamos que reconstruir o caminho (e talvez isto último seja o mais preciso desse trabalho). Não é?

    • Author gravatarAuthor gravatar

      NOTA: A continuación do post que deu pé a este, albergado en Días estranhos, está a acontecer un debate que parte dunhas declaracións de Luís González Tosar sobre as afirmacións de Santiago Jaureguizar.

Comments are closed.