• 0034-609-653-176
  • contacto@alfredoferreiro.com
  • Galiza, Espanha, Europa

Nº 200 do suplemento “Faro da cultura”

faro-da-cultura.JPG

Hoxe saíu, con ar de festa e unha boa “man de pintura”, o Faro da cultura, suplemento que cada semana ofrece o xornal Faro de Vigo. Un lindo fariño que cada xoves ten a decencia de promover unha normalidade cultural en galego, e de manifestar implicitamente o desexo, Xosé Ramón Pena á frente, dunha divulgación día a día mellor lograda da creatividade dos nosos tempos.

Moitos vultos da cultura actual tiveron oportunidade de opinar sobre este suplemento e os problemas deste tipo de publicacións nun polido artigo de Natalia Álvarez (non todas son, felizmente, críticas negativas ao traballo xornalístico neste blogue). Entre eles, Moisés Barcia tocou a pedra da crítica literaria, que el atopa inhibida coas opinións pexorativas e á que reclama máis audacia: “Sería bo que se vise aos críticos non como inimigos, senón como todo o contrario, xa que ocultando defectos non se lle fai ningún favor ao sistema, aos libros e mais aos lectores”.

Por outra parte, o blogocompañeiro Jaureguizar calcou as tintas sobre unha insuficiente atención aos produtos culturais galegos: “Habería que dar un segundo paso, que sería transmitir de xeito máis atractivo toda a potencia cultural que ten o país”. Palabras estas cargadas de positividade, que non podo senón adherir.

Como “creador do blogue de crítica literaria O levantador de minas” tamén foi entrevistado quen isto escribe, e que non deixou de recomendar que incluísen a cor no deseño da publicación, facto que neste número foi unha realidade. Supoño que era unha necesidade evidente adiada desde non se sabe cando.

Entre outras, unha cualidade positiva que tiven oportunidade de defender, como xa avancei acima, foi o uso exclusivo do galego neste suplemento, “coherencia que non todos son capaces de manter”. E isto lévame agora ás últimas consideracións antes de que a cama me regale o soporífero abrazo: se de todos os membros da comunidade galega calculamos os que son lectores habituais, e deles os que o son de libro galego, e de cada un destes restamos a parte que posúen de lectores en castelán, e se no que fica temos que localizar a nómina total de escritores, críticos literarios, xornalistas, deseñadores editoriais, blogueiros etc. en galego… desde logo somos ben creativos!

3 thoughts on “Nº 200 do suplemento “Faro da cultura”

    • Author gravatarAuthor gravatar

      Son partidaria á hora de analizar o que fan os demais de ver o que ten de bo, de ir sumando, iso anima ao que está en fronte. Se, pola contra, partimos da nosa preimaxinada perfección e imos restando por todo aquilo que nós teriamos feito doutra forma o único que imos conseguir é que o outro, en vez de crer nas súas competencias e nas súas posibilidades de mellora caia no abandono. Estou con vostede na necesidade de animar o persoal a seguir adiante e traballar, é a única maneira de seguir existindo e mellorando. Saúdos.

    • Author gravatarAuthor gravatar

      É que ás veces a nosa vontade de mellora nos fai ser tan críticos que parece todo ser unha absoluta mediocridade. Comezo a ver a necesidade de animar o persoal a continuar a traballar, e para iso tamén é preciso valorizar os éxitos, aínda que sexan parciais. Os grandes logros sempre están precedidos de milleiros de pequenas vitorias.

    • Author gravatarAuthor gravatar

      Pode estar ben seguro 🙂

Comments are closed.