• 0034-609-653-176
  • contacto@alfredoferreiro.com
  • Galiza, Espanha, Europa

Que estás a ler?

Os libros son un dos temas que orixinan máis posts e suscitan máis conversas no blogomillo. Por iso, e coincidindo co Día do libro e a un par de semanas do Día das Letras Galegas, queremos facer unha proposta a todas as persoas que navegan pola Rede e len libros en galego…
Propomos crear un grupo de lectores e lectoras de libro galego que se comunique a través de Twitter para trocar información e opinións sobre os libros que estamos a ler.
Para quen aínda non coñeza Twitter, diremos que se trata dunha rede social cuxo obxecto é comunicar aos demais o que estamos a facer. Con defensores e detractores, non deixa de ser un recurso comunicativo, que paga a pena aproveitarmos se temos contidos con que enchelo.leituras.GIF

Como Twitter non permite, polo de agora, a creación de grupos, e para poder atopármonos con facilidade entre toda a twitterada, propomos que os tres primeiros caracteres do nome de usuario ou usuaria que escollades sexan “lg_” correspondentes a “lemosgalego”. Así por exemplo, os usuarios das persoas de quen parte a iniciativa somos: lg_leco, lg_ferreiro e lg_pawley. (Se xa es usuario de Twitter podes mudar o nome engadíndolle “lg_” ao comezo ou facer outro rexistro cun nome que comece por “lg_” e dedicar este usuario só a lemosgalego)

Comentamos brevemente os pasos que hai que seguir para unirse ao grupo:
1.-Escoller un libro en galego e comezar a lelo (se aínda non o fixeches).
2.-Rexistrarte en Twitter cun nome de usuario ou usuaria que comece por lg_ (sabemos que está só en inglés mais aínda non existe ningún clon en portugués nin en castelán)
3.-Incluír como primeiro contacto a lg_lemosgalego, ademais de outros da túa elección (como non existe a figura do administrador, é o único modo de nos asegurar que todos os participantes son visíbeis para o resto. )
4.-Comezar a trasmitir opinións, recomendacións, comentarios, glosas… sobre os libros que esteas a ler en galego. O límite por comentario está en 140 caracteres.
5.- Se che apetecer podes incluír no teu blog/web algún dos “badges” que che ofrece Twitter para teres á vista os teus contactos ou os seus comentarios.

Unha vez que te rexistres xa podes usar Twitter a través da web, desde Gtalk, descargando Twitteroo ou Twitterrific, ou desde a barra do Firefox.

Atoparás sempre os contactos actualizados nos nosos blogs. E nuns días habilitaremos un blog do grupo, onde poderás atopar a relación de contactos, as intervencións e terás a posibilidade de deixar comentarios, propostas ou peticións de axuda se precisares. Tamén nos próximos días anunciaremos un Concurso de microrrelatos…

…Seguiremos a informar.

Share

8 thoughts on “Que estás a ler?

Comments are closed.