Foi onte nunha Sala de Xuntas austera, funcional, sen luxos nen requintamentos, totalmente acorde ao espírito do homenaxeado. A nota artística, protagonista absoluta do evento, foi a escenificación de Un anxo chamado luz, creación de Casahamlet para a ocasión, comandada por Manuel Lourenzo. Alí, declamaron obras queridas polo profesor e traballos escritos por este. O fruto que a súa sensibilidade ofreceu á comunidade foi mostrado con mestría e amor polas xentes do teatro.
Outras cousas sábeas cada quen. Como que promoveu o primeiro recital poético en que participei, hai xa dezanove anos, xunto con Xavier Seoane e Pilar Pallarés, na sala Fonseca da Coruña. A ocasión requería que preparara uns textos propios. Procurara a inspiración a camiñar por detrás do Campo do Castro, á beira do río Barcés, na vila de Carral onde vivía. Textos telúricos, claro, pretendida sublimación da natureza e do amor, auténtica chuvia sentimental con poucos aditivos. Son os comezos sempre así: dando un paso.
Cando hai uns meses me vin no seu funeral non puiden evitar pensar que “un dos nosos” era ido. E que moito me pesaba non ter visto nos últimos tempos os seus ollos mentres falaba de literatura.
3 thoughts on “Homenaxe a Xosé Anxo Fernández Roca na Facultade de Filoloxía da UDC”
Comments are closed.