XVIº Certame de narracións breves “Manuel Murguía”
Este sábado 19 de maio foi entregado o premio do XVIº Certame de narracións breves “Manuel Murguía” de Arteixo. A obra gañadora foi Mentras espero, de Miriam Rodríguez Debasa, quen recolleu os 3665 euros prometidos. O xurado estivo composto por Xabier P. Docampo, Isidro Novo e Xesús Manuel Marcos; actuou como coordinador Xulio Mancebo.
Da obra gañadora foi valorado “o seu estilo conciso, frío e ben traballado, así como a construción dun contexto espacio-temporal propositadamente pouco definido desde o que se mostra “a fel do home”, en palabras de Vergara Vilariño” (Marcos).
Na sección infantil e xuvenil do Premio, na que tiven a honra de colaborar como membro do xurado, gañou Xaquín Gómez Primo, alumno de primaria d’ A Coruña. Este premio foi concedido por unanimidade; do conto gañador o xurado valorou a grande capacidade fabuladora, pouco común entre os traballos presentados.
No principio e no final do acto puidemos disfrutar o espectáculo poético-musical A caricia da serpe, con Lino Braxe (voz e texto), Miguel Ladrón (guitarra), Rómulo Sanjurjo (acordeón) e Xosé Luis Saqués (percusión). A actuación, que creou un ambiente festivo realmente cautivador (incluída a Negra sombra ao estilo Bob Marley), infelizmente non destacou nin pola altura dos textos nin polos recursos vocais.
Xa cunha copa de branco na man tivemos a oportunidade de coñecer a Paloma Calvo, autora que o 28 de abril presentou no Concello o seu libro de relatos A vinganza da mantis (Espiral Maior), naquela ocasión contando para o evento co Dúo Camándula, que nos ofreceu unhas breves e emotivas versións de acordeón e violino.
Si, señores e señoras, o Concello de Arteixo parece ter xa o elevado costume de unir á literatura o teatro, a música, a canción, a danza… Espero que non o perdan, e aínda que outras institucións reparen na calidade superior dos eventos así deseñados.
4 thoughts on “XVIº Certame de narracións breves “Manuel Murguía””
Comments are closed.
Foi un verdadeiro pracer coñecerte. Espero que coincidamos en máis ocasións. Unha aperta de plumas.
Graças, Oulego. Não esqueço, não. Ainda lembro a primeira vez que vim Esperante e o seu castelo em ruinas e foi automático lembrar “A cela de arame”, da que tanto gostara, por certo, Luisa Villalta. Piapaxaro, Ferromolim são nomes que acodem à minha memória. A Fonte do Cervo, onde ia pola agua ferruginhenta e onde há plantas insectivoras. Desde o Courel lembrava ao Novoneyra que conheci e como me dixera que tinha lido o Zaratustra do Nietzsche nos anos 50 num dos seus retiros. Do Courel sairom belissimos e fundos poemas de Maria Marinho, e não é de estranhar!
Um abraço, Oulego, e também para o teu irmão. Com certeza o destino ainda nos deparará algum encontro
É unha honra telo entre os lectores, Oulego.
O relato de Miriam é unha magnífica historia sobre a crueldade do home. Tamén me alegrei de coñecelo a vostede persoalmente. Deste blog son asiduo lector. Apertas tamén para Chiqui Lozano, para que non esqueza o seu paso polas terras quiroguesas, ao pé dos meus “tesos cumes”.