Sargadelos, territorio da creación
Oito da tarde. Presenta Yolanda Castaño. Dentro do ciclo “martes literarios” da Galería Sargadelos d’ A Coruña (Real, 56), o escritor convidado é Miguel Anxo Fernán-Vello. Trinta persoas, o que supón na práctica a sala chea. Entre elas, recoñecidos críticos literarios, poetas, historiadores… e probabelmente outros irrecoñecidos.
Principia o acto o poeta cun recitado de textos do seu libro Territorio da desaparición (2004), sen dúbida un punto de inflexión na perspectiva poética do autor (e alí comprobamos que non somos os únicos que reparamos nisto) cara a un “localismo transcendental” que valoramos especialmente, concretizado neste caso na visión poética da cidade neboenta, coas súas prazas solitarias e “noites labradas como un eco vibrante”. Sen dúbida para nós un dos poemarios máis relevantes dos últimos dez anos.
Leu Miguel Anxo a continuación textos do seu próximo libro de poemas, o Dicionario do estremecemento, a saír para o mes de agosto en galego e en novembro traducido ao castelán. Segundo nos mostrou na liña creativa do anterior aínda que con estrutura de compendio lexicográfico-poético, o que nos fai agardalo con expectación. Tamén adiantou que unhas primeiras lecturas críticas parecen definilo como un libro de “realismo simbólico”, co que recoñece procurar a afectación emotiva do lector.
A tertulia posterior, promovida como é costume por Yolanda, deu para moito máis do esperado nestes eventos. O autor protagonista rexeitou a “vangarda trasnoitada” dalgunhas propostas poéticas, ao tempo que recoñecía o grande valor do aproveitamento que das vangardas históricas fixeron algúns autores como Antonio Gamoneda ou René Char. No espazo literario galego, aproveitou para reivindicar o valor literario do “aparente simplismo” da obra de Novoneyra, que cunha profundidade “case oriental” e unha fórmula propia para o binomio poesía-natureza atinxiu metas que no futuro haberán de valorarse na xusta medida.
No final, Fernán-Vello aproveitou a ocasión para denunciar a grave situación de risco ecolóxico en que se atopan abondosas zonas do Courel de incalculábel valor natural e lanzar a proposta de organizar actividades poético-ecolóxicas de denuncia. A presenza de María Casar e Xerardo Alvaredo da Asociación Cultural Ergueitos facilitou que nos viños confraternizadores posteriores comezásemos a argallar algunhas ideas neste sentido. Porque se o mar sofre (véxanse as páxinas 29-30 sobre Galiza do informe “Destrución a toda costa“), o monte tamén está a padecer.