• 0034-609-653-176
  • contacto@alfredoferreiro.com
  • Galiza, Espanha, Europa

XX Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé

Onte acudimos á entrega de premios do XX Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, organizado polo Círculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene e apoiado polo Concello de Fene. O premio este ano foi gañado por Valentina Carro Padín (1984) co poemario titulado Debaixo de Dziga Vertov hai unha buxaina. A poetisa, aínda que non puido presentarse para recoller o premio, protagonizou o acto cunha montaxe lúdico-literaria que agradou o auditorio: unha caixa sorpresa con diversos materiais e funcións que implicou os presentes nun exercicio de azar creativo que deparou nun texto lido polo seu representante. Felicitamos desde aquí a Valentina polo premio e o seu espírito creativo, e agardamos a lectura dun seu poemario anunciado como recuperador das vangardas históricas. Facto que nos fixo lembrar que este ano o libro premiado en Viveiro foi un claro alegato pola vixencia da estética surrealista. Será que a vangarda que non tivemos na altura dos sistemas literarios normalizados periodicamente asalta a nosa poesía como unha necesidade insatisfeita? Ao tempo, lembrei as miñas primeiras incursións na poesía nos noventa como unha tentativa feroz por imbuírme do espírito libertario surrealista através do exercicio da escritura automática:

Estamos no prado. Em redor roxas flores
e magníficos mistérios. Quando o quadrado do sol
ganhe uma volta
voltaremos ao buraco das nosas sombras
— — —
Na noite o sol come na sombra.
É um reflexo fugaz que nos adverte sua presença.
A não ser polos espelhos do lago
a noite asfixiaria os nossos pulsos tensados.

Era unha estética recibida con apatía nos noventa, ou como un claro xesto de descuberta adolescente. E aínda por cima no noso caso sen moita atención por ser emitida desde a absoluta periferia do sistema a que elección lusista convocaba. Hoxe vexo esta actitude vangardista —a meu ver ausente na nosa historia salvo escasísimas excepcións, en contra dos discursos que nos outorgan unha riqueza de movimentos estéticos única no mundo— como un recurso fértil, mais tamén como unha fórmula incompleta á hora do poema. Dez anos máis tarde escribo desde a pretensión de elaborar un discurso poético completo en fondo e forma, que non antepoña estilo a idea senón que ofreza un pensamento poético expresado en ideas polidas e ataviadas coa forma que aquelas reclaman. O pensamento poético a xerar as ideas, as ideas a seren vestidas co estilo que lles vai e coa talla que gastan.

Pois ben, pensamentos como estes tiña eu este sábado en Fene, mentres me dispoñía a recibir unha mención deste Premio Nacional pola miña obra Metal central, que o xuri estimou valorizábel, e a editorial Espiral Maior e o Concello de Fene de desexábel publicación. É para min o inicio dunha nova fase creativa a que con este carimbo nace, e no contexto dunha suprema casualidade digna de rotunda digresión paulausteriana: Metal central naceu e alimentouse do ambiente gozado e sofrido nunha fábrica presidida por un tren de laminación en quente que existe na Laracha; e o único lugar do país en que outra fábrica similar pode atoparse é na Ferrolterra. Feito que me permitiu brincar –co permiso da crítica literaria Ana Salgado alí presente– coa hipótese de que algúns poemas podían ser máis facilmente perceptíbeis por un operario de tren de laminación que por un crack da crítica que non teña coñecido tal espazo de traballo. Teño que recoñecer que despois da lectura dos tres poemas que ceibei ao patio de butacas como orla de gratitude ninguén saltou da cadeira emocionado para abrazarme asegurando que sabía perfectamente de que trataban. Contodo, coa suprema alegría de quen —imaxino— ve colocarse un fillo nun bon posto de traballo por primeira vez, recitei algúns dos poemas que xa vislumbraba a pasear elegantemente polas avenidas do sistema literario nacional:

FRAGUA
No vapor do aceiro
que por todo se estende
ascenden as almas
de escuálidos paxaros.
Naceron nas mans sudorosas
do atardecer,
cando unha cadea de corazóns atinxía
unha calor volcánica.
Cando o espazo ardía
na lareira dos sentidos.
Era a festa dos gritos,
a roda dos pés ardentes
sobre a prancha cincada das horas:
unha febre que a noite
non conseguía enmudecer.
A vida neste lugar
ten as súas propias regras,
gobérnase pola combinación irrepetíbel
de engrenaxes e fantasmas.
Son forzas contrarias
trenzadas polo acaso,
unha singular e perversa
protuberancia do mundo
que só en catividade se reproduce.

DESEXOS
O tren que pasa pola estación escura
é unha cadea incesante de vagóns
en que viaxan os espíritos dos homes.
Unha auga negra
que refrixera os soños
acordados por contrato
evapórase
sobre o sangue incandescente.
No exterior,
embriagadas pola percusión
das máquinas sudorosas,
describen na súa danza
as bolboretas da noite
os desexos engraxados
de mecanizados corazóns.

INICIACIÓN
O meu brazo obreiro naceu aquí,
no interior dunha luva ignífuga,
a carón do lume e o vapor de auga,
decidido a resistir os embates do ferro
que do meu sangue ascendía
aos meus ollos sorprendidos e virxes.
Ao principio reptei por corredores escuros,
trepei por árbores metálicas de novas artes
como un explorador situado en tempos volcánicos,
á vez prehistóricos e futuristas.
Entre pacíficos guerreiros,
ecuánimes usuarios da espada
que corta en xornadas os días,
aprendín a camiñar polo gume da noite
empurrando o carro do metal
traballado en comuñón.
Coñecín o sal que fica na pel
despois da suor precipitada das horas,
no movemento incesante de rodamentos e eixos,
na hidráulica compasada de corazóns e máquinas.
Coñecín esta fragua de ferros e brazos
de capataces de soños habitábeis e cálidos,
artesáns que labran as vértebras da casa
do animal primitivo que habita a nosa alma.
Aquí ladrei, mordín e lambín as feridas,
aquí gravei no brazo unha espiga
símbolo do clan, veneno do metal
ardente da vida.
O meu brazo obreiro naceu aquí,
na lubricada compañía de mans quentes
e máquinas esquivas.

A. F.

Share

30 thoughts on “XX Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé

Comments are closed.