• 0034-609-653-176
  • contacto@alfredoferreiro.com
  • Galiza, Espanha, Europa

Entre dois rios e outras noites, de Ana Luísa Amaral

Con esta obra, Entre dois rios e outras noites, Ana Luísa Amaral fíxose merecedora neste xuño pasado do Grande Prémio de Poesia da Associação Portuguesa de Escritores. É opinión común que esta autora inflúe decisivamente na temática da poesía contemporánea de autoría feminina en Portugal. Así como é corrente para ela nas súas obras cuestionarse a orixe da poesía e a lexitimidade para escribir versos, nesta ocasión entra abertamente na reflexión metapoética através dun recurso ben explícito: inclúe prosas poéticas entre os versos que, baixo aspecto aparente de incertas didascalias, acrecentan consideracións poéticas máis á solta, estendidas nas marxes amplas da páxina, o que fornece momentos de respiración mansa sen os sobresaltos do verso curto.

De moitos é coñecido que Amaral gusta do xogo de reinterpretar e reescribir a literatura portuguesa, facendo dela unha parodia que ao mesmo tempo é homenaxe e crítica. Efectivamente, resaltan de modo impactante nesta obra as sonoridades clásicas do verso, así como a recorrente presenza da desprezada rima, talvez por iso unha das maiores transgresións posíbeis destes tempos. Estes recursos, unidos á presentación de temas sobre personaxes bíblicas (Jacob), científicas (Newton), cantantes (Vinicius) e mesmo anglicismos dá lugar a un particular collage como proposta estética principal: “E agora, o quê? Pergunto-me, interrogo-me, / faço das linhas coração. E chovo-me: / miríade em band-aids, tão veloz: / é que fico na mesma catatónica, / meio estúpida, letárgica, lacónica, / se torno en verso, e minha, a tua voz.” Proposta que, nalgún momento, semella ser conscientemente o contributo da autora para a poesía da postmodernidade: “[…] a Autora Derramada, / que é de nome ausente, / como convém a post-moderna autora.” Chegando até ás tentativas evidentes de versificar unha autopoética: “Depois, tecer um anel de fogo / em torno destes versos, / cindi-los de tal forma que reste / nem palabra – só a mais depurada / sensação, epifania da mais pura dor”.

Segundo a propia autora, nesta obra, organizada en seccións, ofrece unha linguaxe máis libre que nas anteriores. Efectivamente, valoramos no libro a elaboración dunha poesía que tende á simplicidade sintáctica e plástica, que tece o poema cun verso que funciona a modo de “fio simples”, mais consideramos tamén que tal suporte raras veces ofrece o folgo metafísico que pretende. Vemos, si, unha proposta que mestura ritmos clásicos con estruturas versais minimalistas, temas clásicos e antigos con asuntos modernos e cotiáns, e recoñecemos a vontade de entregar novas fórmulas para a época, mais os poemas tratan demasiadas veces asuntos triviais (“O mundo continua mesmo em meses diferentes / de diferente sentido: / uma lua diferente mas igual, / menos redonda – a mesma / e tanta gente igual e tão diferente”) ou resultan imitacións que resoan como xogos académicos non desprovistos de lustre (“Do éter rarefeito veio a voz, / queixando-se das sombras na cidade”).

Alfredo Ferreiro

(Reseña publicada en Protexta 08 – Outono – Revista de libros de Tempos Novos)

1 thought on “Entre dois rios e outras noites, de Ana Luísa Amaral

    • Author gravatarAuthor gravatar

      é unha grandísima poeta. Hai anos que sigo a súa traxectoria, e procuro facerme con todos os seus libros, en Braga, Viana ou calquera outra cidade portuguesa. Así que terei que programar unha excursión ao sur para non tardar moito en ler este seu último libro.

Comments are closed.