Manifesto: Porque somos así, eu confío
Na Galiza non progresamos porque somos desconfiados. Non nos merecen crédito nin as boas obras dos máis nin os nosos propios logros. Algún interese obscuro deben albergar as boas condutas —pensamos— porque non podemos concibir unha alma limpa; porque asumimos que o noso destino foi frustrado e xa nada podemos facer por restablecelo; porque a inxustiza é tan grande e nós tan pequenos. Porque somos pouca cousa e a dignidade non cabe en nós.
Como somos desconfiados non nos asociamos. Deste modo acontece que nos acordos a palabra dada vale moi pouco. O promotor rouba, o construtor engana e quen pode concibe unha argucia para non pagar os impostos que outros pagan, ou procura unha recomendación para atinxir un posto de traballo con vantaxes das que outros carecen. O engano é lícito, a astucia ilegal un mérito. Para nós só significa tomarmos un atallo.
Todo isto débese fundamentalmente a un trauma social. O sufrimento producido polo rexeitamento secular do noso ser sociocultural que, con último epicentro na Guerra civil española e a súa Posguerra, ten conducido moitos galegos a unha enfermidade da alma. Esa que leva o individuo a pensar por sistema que os bens alleos son inxustamente adquiridos; esa que o leva a desconfiar do seu propio éxito. Porque a inxustiza foi quen gañou todas as batallas, e tal poder fascina, como na síndrome de Estocolmo.
A recente ditadura militar tivo moi relevantes consecuencias. Os máis lúcidos, aqueles máis preparados para catalizar proxectos de mellora social só desfrutaron de tres alternativas: morrer, fuxir ou calar. Aínda que cando se iniciou a guerra eles non o soubesen, de facto aconteceu así. E deste modo a lucidez desapareceu da sociedade ficando o poder rexentado polas mentes menos sensíbeis. A xustiza foi, no día a día dos nosos pais e avós, impartida por desalmados.
O final histórico da ditadura a mediados de 70 non supuxo a detección de dinámicas incívicas fortemente arraigadas. A perpetuación até o ano 2005 dos políticos franquistas no goberno deu a entender ao pobo que a inxustiza social é nestas terras unha lei inmutábel, e que no seu mar é preciso navegar apañando os botíns que xurdan espontaneamente. Sen importarnos a quen pertencía un hipotético tesouro avistado, por fin entre o inxusto un premio. E como cans temorosos de que nos quiten a comida aproveitamos se podemos os méritos de outro. É a lei da escaseza, unha actitude de supervivencia.
Por iso neste tempo temos unha encomenda básica: mudar esa dinámica viciada que non nos permite progresar. Porque como desconfiamos de nós non temos palabra; porque non a tendo nós o veciño non pode tela; porque non pode existir unha alma limpa neste país sen xustiza en que os pais tiveron que matar para que os seus salvasen a vida.
Porque somos desconfiados non temos palabra; porque non temos palabra non nos asociamos; porque non nos asociamos non progresamos. Porque o Estado nos matou e non acreditamos no Pacto. Porque o medo nos enturba e xa non distinguimos de que particular madeira fomos feitos.
Porque somos así, MANIFESTO:
1. Que non reclamo nin pido nada: asumo a dignidade do meu pobo asumindo a miña propia.
2. Que o progreso social xorde da asociación, e que a desconfianza é a súa inimiga. Controlado o medo a democracia non ten que ser chamada.
3. Que para que a asociación teña lugar é preciso manter a palabra dada.
4. Que a dignidade social crece coa dignidade dos individuos, e que a ambas só se chega xerando confianza.
Alfredo Ferreiro
Tati Mancebo
Ramiro Torres
Levita
8 thoughts on “Manifesto: Porque somos así, eu confío”
Comments are closed.
Manifesto: porque somos así…
Manifesto en favor de facer a cultura que queremos….
Benvido, Ramiro.
Levita: valoramos que evite o silencio.
Fago constar as adhesións.
Os estados de ánimo son exclusivos dos vivos , pero non todos os vivos teñen o mesmo estado de ánimo e eu referíame a un, ao do manifesto concomitante entre a decadencia e a declamación.
Adirome ao manifesto, á radiografía do ánimo e veraz, e non aturo esa, esta situación que acaba por obturarme, mais sei, permitanme que afirme, que de pouco vale a manifestación dun desexo se non vai acompañada dun compromiso. O meu é non calar.
Precisamente esse ter claro o sentido dos passos é um bom começo para toda viagem, for generativa ou regenerativa.
Por isso eu também adiro.
O meu texto foi escrito en 13 de setembro de 2008. As ansias de rexeneración social que eu sinto, as necesidades que neste sentido eu vexo para o meu país, teñen se cadra 25 anos, aínda que teñan sido con certeza expresadas por galegos hai centos de anos.
A decadencia é, pola súa parte, para alén de algo evidente, a situación previa á rexeneración ou á morte. Manifestarmos unha actitude persoal neste sentido non é ningunha fantasía, é mostrar publicamente en que dirección estamos dispostos a dedicar a nosa enerxía, no fomento da solidariedade e a mellora social.
Que parte dun estado de ánimo? Só os mortos carecen de estados de ánimo.
Ese estado de ánimo é amplo e internacional, unha versión moi parecida escoiteina en Cataluña, en Alemania, en Euskal Herría…a mais terrorífica en Portugal.
As ansías de rexeneración son un síntoma de decadencia, as causas pódense recausar, e o infinito pode alimentarnos a nostalxia, mais hai unha cousa certa, para sair de estados similares compren medios políticos mais que filosóficos, acción, praxe, organización, proxecto, estratexia e vontade. Por mais que declamemos e radiografemos o noso estado con manifestos, será un reordenar o estar, unha fantasía, compre imaxinación, votar a cabeza co corpo cara adiante e pasar a acción que é onde o humano se recoñece na plenitude do seu ser.
Pois fago constar a adhesión.
Porque somos así, eu adhiro.