• 0034-609-653-176
  • contacto@alfredoferreiro.com
  • Galiza, Espanha, Europa

O portugués avanza na Extremadura… ou Extremadura avanza co portugués?

Cada vez que atopo, sen as procurar, noticias sobre o recoñecemento do portugués na Extremadura levo as mans á cabeza e bato con ela doentiamente contra a primeira parede que vexo. Por que na Galiza é tan difícil todo? Será porque a mesma esencia da galeguidade é algo irrecoñecíbel para os galegos? Debe ser iso o que non lles pesa aos extremeños españois: os que son portugueses gustan de o portugués ser recoñecido, e os españois achan interesantes hipóteses de negocio no alleo. No noso país alienado, ao contrario todo: o español, que é alleo, deséxase propio; o portugués, que é propio, trátase de alleo. E os portugueses que veñan han de imitarnos aos alienados, que como conversos á máis pura españolidade deben mudar as roupas do corpo e do espírito.

Os resultados son os que poden ver na páxina do Centro Integral de Cultura Portuguesa Rainha Dona Amélia, entre outros. Por que non é posíbel na Galiza que as distribuidoras encontren o modo de ofrecernos libro portugués de forma fluída? Temos que conformarnos coas mínimas edicións actuais de literatura internacional en galego, a unha ducia por ano, encanto nos bañan con millóns de edicións en castellano, esa lingua universal que falaron Xesús Cristo,  Madame Curie, Kirt Douglas,  Nefertiti, Copérnico, Xoana de Arco, Aristóteles, Lao Tse, Safo, Gandhi, Artur, Cleopatra, Moctezuma, os pigmeus, as tuaregues e os esquimós? E non esquezamos, embora recoñecendo grandes limitacións,  Tarzán.

Share