Interliteral 09: Investigación e literatura hipermedia
Doménico Chiappe é un autor venezuelano de literatura multimedia e xornalista. Escribiu a novela multimedia Tierra de extracción entre 1996 e 2000. Historia de historias, tramas superpostas que xogan coa disposición do texto en combinación coa imaxe e a narración en audio acompañada de música e efectos sonoros. Inclúe un mapa onde os lugares son palabras clave que representan os capítulos da obra. Os capítulos non aparecen numerados porque non hai un antes e un despois únicos, senón diferentes itinerarios que o lector pode ir construíndo coa seu acto individual de lectura.
Tierra de extracción pode descargarse nun executábel desde a web do autor, o que asegura, nas súas propias palabras, a pervivencia da obra.
La huella de Cosmos (2007) é unha novela colectiva á que tamén se accede desde a web do autor.
As primeiras obras dixitais non se publicaban até que os autores consideraban que estaba acabada. Hoxe en día escríbese máis en tempo real, mostrando por exemplo capítulo a capítulo e sabendo que cada novo capítulo estará condicionado tamén polos lectores en algún sentido.
O concepto de dereitos de autor é relativamente recente e inxusto cos autores, que só perciben o 10% na literatura en papel e nos libros migrados ao soporte electrónico que venden Amazon e outras cadeas. É preciso un exercicio de imaxinación para deseñar a rendibilización das verdadeiras obras dixitais.
A obra dixital require un esforzo por actualizar as copias existentes para asegurar a súa pervivencia, para salvar as mudanzas de software e a adecuación aos novos soportes emerxentes.
Vivimos unha nova era de lectura. A interface de internet é textual e lese moito máis do que se contabiliza. A multitarefa multiplica o volume de lectura.
Ao principio a lectura era colectiva. Logo foi silenciosa. Agora a literatura é colectiva e silenciosa. […]» (Ler máis en Tati Mancebo)