• 0034-609-653-176
  • contacto@alfredoferreiro.com
  • Galiza, Espanha, Europa

Un conselleiro do que ninguén se fía…

As noticias desta semana están irremediabelmente tinguidas de malestar polas inverosímiles declaracións do Conselleiro de Cultura, procedentes sen dúbida do seu descoñecemento do que a cultura xa representa neste paisiño que non duplica en habitantes o distrito de Manhattan, un dos cinco da grande capital que o señor Varela debe coñecer algo, polo que vén contando.
Os primeiros en reaccionar foron os escritores galegos galardoados con Premios Nacionais de Literatura, auténticas institucións andantes a maioría, que non puideron calar ante as afrontas de quen asegura servir Galiza desde o goberno e pediron a dimisión do Conselleiro. Realmente non era de recibo que o máximo representante da cultura estime a galega ser “ensimesmada” ou se permita frivolidades insultantes semellantes.
A seguir, as reaccións da Asociación Galega de Editores foron igualmente contundentes e claras, como xa non podía evitar unha industria que pretendía ser prudente en tempos de crise. Mais un goberno obsesionado con deitar o trigo  sementado polo anterior e abertamente agresivo con toda especie cultural autóctona obrigounos a esixir as debidas rectificacións do Conselleiro polas súas palabras. Aproveitaron tamén a ocasión para lembrar os inxustificados mitos que a acosan en moitos foros, como a reiterada falsidade dun exceso de subsidios que os manteñen artificialmente boiantes, e lembraron publicamente que a promoción da lectura non constitúe necesariamente o proxecto estrela do ano senón un deber institucional reflectido nas leis.
Como aínda era pouco, a día de onte a Asociación de Escritores en Lingua Galega e a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil (GALIX) apoiaron os escritores premiados a nivel estatal, lembrando por súa vez que “recoñecer publicamente a cultura galega en xeral, e a literatura galega dos nosos escritores en particular, é o primeiro paso necesario para superar tópicos arcaicos e caducos”.
Véñenme neste momento á memoria os días posteriores ao 1 de marzo, cando Tati Mancebo e máis eu nos reunimos na Concellaría de Cultura da Coruña para anunciar a nosa sospeita de que o Culturgal 2009 non tería apoios da Xunta e que nós estabamos dispostos a axudar a erguer no seu sitio un evento que cubrise a falencia. No Culturgal de 2008, para alén dos lucidos investimentos do goberno, tíñamos percibido como nunca que o movemento cultural galego posuía unha enerxía con inercia propia, e que portanto aquela Feira das Industrias Culturais era visibelmente fundamentada nunha necesidade real da sociedade. Era a grande feira da cultura, e algo así non debía ser desatendido a partir dese momento. Así, o que foi unha arroutada afirmativa de poucos, recolleu na rede os apoios dunha cidadanía activa que non quería renunciar ao espello dunha cultura galega moderna, e unha institución pública, o Concello da Coruña, asumía de modo exemplar o cumprimento do seu deber de servicio. Sen pantomimas, sen protagonismos institucionais e co incalculábel apoio de moitas persoas que puxeron a camisola do AchegArte aquel fin de semana ou colaboraron desde a casa ou viñeron simplemente desfrutar en irmandade daquilo que inxustamente lles pretenderan negar. Porque debemos lembrar, paisanos e paisanas e non vasalos e vasalas, que o deber dos políticos da cultura non é comportarse como autoritarios señores feudais, senón estar á altura do que a sociedade culturalmente reclama. [..] (Ler máis en blogaliza.org)

Share