• 0034-609-653-176
  • contacto@alfredoferreiro.com
  • Galiza, Espanha, Europa

A RAG publicará a obra completa de Manuel Antonio

Manuel Antonio, o poeta por excelencia da vangarda en Galicia, contará por fin a partir do 2011 cunha edición que fixa os seus textos literarios e que inclúe a súa correspondencia.[…] O próximo ano comezará a publicación da súa Obra Completa como apertura da colección Clásicos da Academia, unha iniciativa da Real Academia Galega (RAG) patrocinada pola Fundación Barrié de la Maza. A primeiros do próximo ano será cando se edite o volume dedicado á Prosa, á lle que seguirán Poesía, Correspondencia e Biografía. A colección é froito dun convenio da RAG coa fundación que permitirá potenciar tamén a edición dos próximos dicionarios da institución que preside Xosé Luís Méndez Ferrín. O propio Ferrín e o presidente da Barrié, José María Arias Mosquera, ratificaron onte na Coruña o convenio.”Sería moi difícil para unha institución como a Real Academia Galega dar cumprimento ao seu compromiso ético e intelectual coa nosa cultura sen a xenerosa colaboración de entidades como a Fundación Pedro Barrié de la Maza. Seguiremos nesta liña, conscientes da nosa responsabilidade co país. O noso proxecto editorial quere conxugar rigor e novidade, sen interferir nunca nas canles comerciais que dita o mercado xa establecido”, subliñou Méndez Ferrín.

A colección Clásicos da Academia nace cunha especial vocación de incidencia no sistema literario galego e coa pretensión de fortalecelo, elevar a súa consideración social e enriquecelo, segundo subliñaron onte fontes da fundación. Tanto a RAG como a Barrié “comparten o convencemento de que tanto as literaturas como as linguas teñen necesidade dun marco referencial no que se poida desenvolver a creación artística.

A colección publicará un título novo cada ano, dando preferencia a obras inéditas, obras faltas de edicións críticas ou títulos que non gozan da condición de clásicos polo descoñecemento. A colección caracterizarase polo rigor científico, seleccionando os máis importantes especialistas en cada ámbito e acompañando o texto dun aparato crítico que recolla todas as variantes dun texto e inclúa as anotacións pertinentes para facelo accesible á sociedade.

Vía O home que berrou “Máis alá!” | Galicia Hoxe.

Share