O home que esqueceu respirar
Un home ao pór do sol, un home perante o oceano, a manipular a materia sobre unha area que se debulla so os pés como o pensamento se licúa ante o eterno. Respirar, din os mestres orientais, é o primeiro, e fica demostrado que aínda que é o que facemos ao virmos ao mundo é o que esquecemos en primeiro lugar. Aprendemos a camiñar, logo a falar e máis tarde até a liar un cigarro encanto esquecemos que o máis importante foi e será respirar.
O mar respira ou, o que é o mesmo, latexa: sístole de auga, diástole de area. E eu mentres a manipular a materia na procura dun equilibrio que se manifeste, por exemplo, na verticalidade. O mar, o sol, a terra e un home que tenta lembrar aquilo que sabía cando, na barriga do mundo, non precisaba respirar. O corazón latexaba para amar ou, o que é o mesmo, sabía. Porque non existe coñecemento para alén do amor.
Todo isto e máis, e moito menos tamén debido á miña torpeza, pois nen sequer sei respirar, acontecía cando Pedro Ríos por alí pasaba. Pasou e reparou en min, e talvez porque precisaba practicar a horizontalidade da cámara tirou esta foto, ou porque a tirar esta foto aprendía a conter o alento ou, o que é o mesmo, aprendía a respirar.
7 thoughts on “O home que esqueceu respirar”
Comments are closed.
Foi o que suxeriu a foto, Pedro, máis nada. Obrigado de novo por inmortalizar o momento.
Nunca pensei que acompañaras esta fotografía cun texto tan fermoso. Saúdos
bela foto
xa mo dixo alguén algunha vez: non esquezas respirar!
Fantástico, graças.
Se cadra máis taoísta que budista, porén a idea de procurar o centro no final vén sendo a mesma. Obrigado, Armando.
Texto altamente evocador, Alfredo. Véxote moi zen-trado 🙂
Apertas!