• 0034-609-653-176
  • contacto@alfredoferreiro.com
  • Galiza, Espanha, Europa

Para lembrarmos o que é a moral

Pedro Kropotkin[…] Se as sociedades non coñecesen máis que este principio de igualdade, se cada quen, practicando a equidade do comerciante, tratase de non dar aos outros nin un pouco máis do que deles recibe, a sociedade perecería. Até o principio de igualdade desaparecería das nosas relacións, porque para mantelo é preciso que unha cousa maior, máis bela, máis vigorosa que a simple equidade, apareza constantemente na vida. Vexámolo.

Até hoxe, a humanidade non careceu de grandes corazóns desbordantes de tenrura, intelixencia e boa vontade, e que usaron o seu sentimento, a súa intelixencia ou a súa actividade ao servizo da raza humana, sen pedir nada a cambio.

[…] Todos estes homes e mulleres forxan, uns na escuridade, outros con público, os verdadeiros progresos da humanidade. E a humanidade sábeo. Por iso rodea as súas vidas de respecto, de lendas. Até as enfeita e os converte nos heroes dos seus contos, das súas cancións, dos seus romances. Son atractivos polo valor, a bondade, o amor e a abnegación da que carecemos a maioría de nós. Transmite a súa memoria ás novas xeracións. Lembra mesmo aqueles que só obraron no estreito círculo da súa familia e amigos, venerando a súa memoria nas tradicións familiares.

Estes homes e mulleres constrúen a verdadeira moralidade, a única, por outra parte, digna dese nome, pois o resto non son senón simples aplicacións da igualdade. Sen aquela abnegación a humanidade veríase reducida ao círculo dos cálculos mesquiños. Son homes e mulleres como aqueles os que preparan, por fin, a moralidade do porvir, a que virá cando, deixando de calcular, os nosos fillos medren na idea de que o mellor emprego que pode facerse da enerxía, do valor, do amor, é liberalos na circunstancia en sente un a necesidade de facelo.

Esta enerxía, esta abnegación, existiu en todas as épocas. Atópase en todos os animais sociábeis. Atópase no home, até nas épocas de maior embrutecemento. E en todo tempo, as relixións trataron de apropiarse dela, de empregala ao seu favor. De facto, se as relixións sobreviven, é (á parte da ignorancia) porque sempre apelaron a esa abnegación e a ese valor […]. [Pedro Kropotkin, A moral anarquista. Madrid: Editorial Ayuso, 1977, páx. 203; tradución de Alfredo Ferreiro]

Share