• 0034-609-653-176
  • contacto@alfredoferreiro.com
  • Galiza, Espanha, Europa

As naos afondando, de Laura Caveiro

“Nesta historia de fins de século, Henrique Amaros, pedante profesor de universidade que vive abafado pola súa impotencia para escribir, chegará a tolear co mito de Don Xoán procurando a inspiración perdida nas namoradas todas. Mentres un personaxe maléfico dacabalo entre o pasado e o presente e entre cidades imaxinadas e reais, vai enchendo de pesadelos góticos os amoríos co conquistador” (Texto de capa).

As naos afondandoA partir deste argumento Laura Caveiro presenta en As naos afondando (1º Premio de novela Rubia Barcia; Liceo Rubia Barcia, Ferrol, 2000) un relato singular en que, a pesar da relativamente reducida lonxitude textual, consegue amalgamar unha gran cantidade de referencias mitolóxicas, patolóxicas (psicanálise), literarias e mercantís. Deste modo, partindo do mito de Don Xoán, o que con facilidade se vencella á promiscuidade disfarzada de sentimentalismo que sucumbe subitamente perante o sexo explícito, con grande habilidade se revela por veces con tonos de suicidio e se funde, sen falta de ironía implícita, co mundo da docencia (ou indecencia) universitaria e o mercado literario: a crítica literaria, os mundo editorial, os premios literarios e, até, o proceso de escrita tanto no cadro da experiencia individual canto no das referencias ao canon literario universal.

Así, o mito de Don Xoán permite unha reflexión multiperspectivada sobre unha patoloxía que implica unha desharmonía dos afectos propia dunha personaxe que vive dentro da literatura unha vida que na realidade é incapaz de gobernar.

No relativo ao estilo, presenta tamén un sabor de lixeira fondue, deixando no padal o aroma dunha fina densidade poética sobre a que se superpoñen pedazos consistentes do estilo directo dos encontros cotiáns.